Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Activisimo e Cidadanía

O venres 14 de xuño desenvolveuse unha actividade de carácter voluntario con 20 alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º da ESO co obxecto de promover unha cidadanía consciente e activa nestes tempos nos que a comunicación social se está a transformar.

Dúas mulleres, a mestra Laura Álvarez e a xornalista Rocío Cadahía, chegadas de dúas ONGs, EDUCO e AGARESO respectivamente, confluiron para falar do dereito a educación e a súa reivindicación cívica organizada neste actividade promovida pola nosa Consellería.

A CAMPAÑA MUNDIAL POLA EDUCACIÓN, é unha coalición internacional formada por ONG, sindicatos do entorno educativo, centros escolares e movementos sociais de moi diverso signo, co obxectivo principal de mobilizar á cidadanía para reclamar o cumprimento íntegro dos compromisos internacionais asinados polos estados e así garantir o acceso a unha educación pública e de calidade para todas as persoas do mundo.

O empoderamento e mobilización das persoas son un rol fundamental da Campaña Mundial pola Educación, a unión de toda a sociedade baixo a mesma mensaxe e co mesmo obxectivo a defensa do dereito humano á Educación. A través do lema “Mil Millóns de Voces” neste 2022 a CME busca alzar a voz do profesorado e por de manifesto o seu importante labor dentro do estado de emerxencia educativa no que vivimos inmersos na actualidade.

O posterior obradoiro de ciberactivismo tivo como obxectivo promover o coñecemento e a implicación da comunidade educativa galega coa CME e cos seus obxectivos, así como favorecer o pensamento crítico e fomentar a participación e a mobilización social do alumnado a través da súa participación do xeito máis creativo e novidoso posible na campaña en liña #MilMillonesdeVoces.

Xa no período de lecer, Laura e Rocío deron unha volta polo Leiras e pasaron saudar pola nosa Radio onde se estaba a emitir en directo o venres musical sobre a movida viguesa.

 

Venres musicais - Comprometidas LGTBI (14-06-2022)

Programa sobre mulleres da música que apoian ao colectivo LGTBI.

Dirección: grupo de 4ºESO
Locutores: Iker, Samuel, Nahiara, Martín
Control: Xabi

Visita do Alumnado do CEIP Menéndez Pelayo

O venres 10 de xuño recibimos a visita do alumnado de 6º de primaria do CEIP Menéndez Pelayo que no mes de setembro comezará xa 1º da ESO  no noso centro educativo. Nesta xornada de acollida tratábase de darlles unha cálida benvida e facerlles ver que o seu paso ao instituto supón unha continuidade natural na súa formación, remarcando principios básicos comúns co seu centro de orixe como son o compañeirismo, a boa convivencia e facer da diversidade un valor positivo que nos faga cidadanía máis consciente e completa.

O programa de acollida foi o seguinte:

10:30h Chegada ao IES Leiras Pulpeiro.

10:30h-11h Recepción no Salón de Actos polo Equipo Directivo e a Orientadora.

11h-11:30h Paseo polas instalacións co Equipo de Mediación. Convite a merenda saudable incluído xestionado pola nosa ANPA.

11:30h-12:30h Obradoiro de banda deseñada impartido por Suso Coucheiro na nosa Biblioteca (en grupos alternos coa hora seguinte).

12:30h-13:30h Proba de Orientación Deportiva polos espazos do centro dirixido por Sara Nogueras, alumna de 2º ESO e subcampioa de España da modalidade (en grupos alternos coa hora anterior).

13:30h Despedida.

Despois do verán voltaremos a telos con nós, dando comezo a unha estapa que esperamos estea chea de aprendizaxes, satisfaccións e bos momentos.

 

Curso de Educación Vial para 2º da ESO

Dentro do noso Plan de Acción Titorial incluímos un dos contidos transversais recorrentes nos currículums do secundaria: A Educación Vial, neste caso orientada especialmente á prevención da siniestralidade.

Con este motivo, e coa promoción do Concello de Lugo, os reeducadores en sensibilización vial Adrián e Félix impartiron un curso de tres sesións o pasado xoves 9 de xuño. Este curso foi dirixido na primeira parte da mañá aos dous primeiros grupos de 2º da ESO e aos dos seguintes despois do período de lecer. Incluiu dúas sesións máis teóricas onde se fixo prevención na importancia de conducir un vehículo en óptimas condicións, repasáronse os aspectos máis importantes do código de circulación e achegouse a experiencia dunha víctima en accidente de tráfico. A terceira sesión tivo un carácter máis práctico. Desenvolveuse no patio onde foi aparcado un coche co que se explicou a maneira correcta de axudar a unha persoa accidentada.

Esperemos poder seguir concienciando neste tema ao noso alumnado. Nunca será suficiente para asegurarnos de que non se volvan producir fatales desenlaces nas nosas estradas.

Venres Musicais - Movida de Vigo (10-06-2022)

 

Programa de venres musicais dedicado á movida de Vigo dos anos 80.

Dirección: Rosa Varela
Locutores: Iria, Rubén, Virginia, Andrea, Yasmina, Nour, Emma (2º ESO- B e D)
Control: Xabi

División celular

 

Vídeo feito polo alumnado de 1ºBAC-B para ilustrar a división celular.

Pílulas do saber - Pseudoterapias (03-06-2022)

Desde a materia de cultura científica de 1 de Bacharelato, retomamos o programa Pílulas do Saber cun novo episodio adicado as Pseudoterapias. Aquí algúns dos participantes, pero detrás do guión está toda a clase. Se queres enterarte do que son algunhas das máis coñecidas pseudoterapias non te perdas este podcast!

Dirección: Cristina Gómez
Locutores: Judith, Tania, Marco, Camila, Miguel, Alexandre.

 

 

Venres Musicais - Rock 80 (03-06-2022)

Episodio de venres musicais no Leiras, dedicado á música rock internacional dos anos 80.

Dirección: María
Locutores: Sami, Nahiara, Soraya, Victoria (4ºESO)
Control e gravación: Xabi

Conferencia de Javi Gómez sobre Estatística e Deporte

Polo Leiras pasa moita xente de grande calidade humana e talento que podemos desfrutar dende unha semana ata varios cursos completos. Profesorado que encontra o seu espazo dentro das características do noso centro educativo, non sempre doadas, para tecer amizades e inspirar ao alumnado. É o caso de Javi Gómez, profesor noso de Lingua e Literatura Castelá durante o curso 19-20 que tivo que despedirse abruptamente a causa do confinamento, pero que segue a manter e a coidar moitos afectos entre nós.

Hoxe achegouse a reencontrarse cos seus titorandos nunha moi especial palestra sobre Estatística e Deporte onde nos amosou unha das súas múltiples e diversas facetas. Esta actividade enmarcábase dentro do contrato-programa de mellora da competencia matemática que se tiña que ter celebrado no curso anterior pero que por diversos motivos houbo que pospoñer.

Segundo as súas palabras é "un profe de Literatura sen puñetera idea de Matemáticas usando as Mates para gañar a vida durante anos" o que fai del un excelente divulgador para alonxar da abstracción esta materia.

Non sabemos cando, pero axiña volverá estar con nós para recuperar algo que esquenceu, para sentar cátedra e para repartir apertas.

Visita aos Museos Científicos Coruñeses

Despois do parón da pandemia, este ano poidemos retomar a visita aos Museos Científicos Coruñeses con 3º ESO desde a materia de Bioloxía e Xeoloxía, tanto a Casa do Home como a Casa dos Peixes. 

Por un lado na Casa do Home, ademais das exposicións tivemos o obradoiro que xiraba en torno ao noso preciado órgano: o corazón, con disección e todo. E na Casa dos Peixes, déronnos dúas charlas explicativas, unha na Sala das Caricias sobre peixes cartilaxinosos como os tabeiróns, e outra na Sala Nautilus que xiraba entorno a biodiversidade que desde alí se contempla, e onde coñecemos o emblemático tabeirón Gastón, ademais doutros peixes como meros, corbinas, besugos, etc. Xa por libre poidemos disfrutar das focas, así como das postas de raia nas súas diferentes fases embrionarias, observación de medusas, e tantas outras especies presentes no aquarium. Para o ano esperamos volver a facela! :)

Distribuir contido


by Dr. Radut