Skip to Content

IES Leiras Pulpeiro

Árbore da Concordia

Esta árbore ten moito significado: a superación de obstáculos, a cooperación entre alumnado e profesorado, a expresión cívica como cidadanía, o compañeirismo... valores que son, en definitiva, a esencia do noso centro.

Grazas a Ana Belén Somoza por levar esta iniciativa cara diante.

Horario de Entrega de Notas

O luns 27 de xuño entregaranse os boletíns de notas das avaliacións finais da ESO e extraordinarias de BAC.

Os horarios son os seguintes:

  • 10h Extraordinaria Bacharelato
  • 10:30h 4º da ESO
  • 11h 3º da ESO
  • 11:30h 2º da ESO
  • 12h 1º da ESO

A entrega dos boletíns realizarase nas aulas de referencia de cada grupo.

A partir das 10h estarán tamén dispoñibles on-line en Abalar e no curso Administración Alumnado da Aula Virtual.

RTVLeiras fin de curso (22-06-2022)

 

Programa especial de fin de curso, con cancións, entrevistas, reportaxes no patio, etc.

Dirección: Félix
Locutores: moitos, moitos, moitos de todos os cursos
Control: Xabi
Artista invitado: Iago

Festa de Fin de Curso

Para despedir o curso, fixemos unha celebración final divida en 2 partes:

11h-13h Feira da Diversidade con:

     - Espazo Flamenco

     - Espazo de Escritura Árabe

     - Espazo de apoio LGTBI

     - Espazo do Equipo de Mediación

     - Xadrez

     - Papiroflexia

     - Obradoiro de hoteis de insectos para o xardín

     - Ginkana con móbiles sobre plantas no xardín

     - Entrega de Premios do Día da Terra

     - Especial Radio Leiras Fin de Curso

     - Competicións deportivas

 

13h-14h Despedida coa flash mob colectiva TanxuLeiras dirixida polo gran bailarín Xabi Iglesias

 

 

 

Visita a Casa de Manuel María e roteiro polas Insuas

Desde os departamentos de Lingua e literatura galega e Bioloxía e xeoloxía, os días 20 e 21 de xuño, os cursos de 1º ESO tiveron a sorte de visitar a casa do poeta Manuel María en Outeiro de Rei e As Insuas en Rábade, declaradas Reserva da Biosfera pola UNESCO. Dous lugares dignos de coñecer, que ademais están moi próximos a Lugo e gardan unha grande riqueza. Neles puidemos disfrutar da arte das rimas que daba vida Manuel María, da historia que acubilla a súa casa de aldea, dos seus libros gardados, dos sons da natureza que o inspiraba así como a beleza da paisaxe que o rodeaba.

 Dúas mañás cheas de coñecemento e beleza para rematar este curso 2021-2022.

Novo Premio para Galego Para Boomers

Como xa contamos nun post anterior, polo Leiras pasa xente fantástica que acaba deixando dunha maneira ou doutra a súa pegada.

Así o fixo Noemí García, profesora de Lingua e Literatura Galega no noso centro educativo durante o curso 20-21, co seu proxecto Galego para Boomers, que consistiu na elaboración por parte do alumnado dos primeiros cursos da ESO dun dicionario para facilitar o acceso dos Boomers (persoas nadas no Baby Boom) ao novo vocabulario utilizado pola xuventude.

O proxecto foi premiado durante o curso pasado polo Concello de Lugo e tivo unha grande repercusión mediática e nas redes sociais.

Este ano recibiu un novo premio, o Mil Primaveras, outorgado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, que recoñece a Galego para Boomers como o mellor proxecto de fomento do galego entre a infancia e ou a mocidade do ano 2021. Un grande orgullo para o noso centro vernos envoltos nesta festa da lingua.

Moitos parabéns ao alumnado que participou no proxecto e a Noemí por facernos ver como sociedade que a lingua galega é unha lingua válida en todos os ámbitos, mesmo para comprender e explicar a realidade máis actual descrita, as veces, con indescifrables neoloxismos.

 

Apadriña un lector

Unha das nosas actividades preferidas que puidemos recuperar este ano despois das restricións da pandemia é Apadriña un lector organizada desde a nosa biblioteca.

Trátase de que alumnado de Educación Infantil do CEIP de Casás se achegue ao noso xardín e sexa apadriñado/amadriñado polo noso alumnado de bacharelato que porá o seu grao de area para a súa introdución no mundo da lectura.

Unha actividade ben fermosa, xa consolidada no instituto, e que deixa imaxes como as recompiladas neste vídeo pola profesora Ana Dopazo.

Venres Musicais - Bandas Sonoras (17-06-2022)

Último programa d evenres musicais do curso 2021-2022, dedicado aos grandes compositores do cine e as Bandas Sonoras.

Dirección: Nuria
Locutores: Samuel, Alexandre, Judith, Eva, Gabriel
Control: Xabi

Encontro de Novas Voces

Este ano o noso alumnado está a destacar especialmente no eido literario. Deste feito dá fe o blogue do EDLG que é quen nos achega as novas dos premiados e premiadas nos certames que se organizan durante o curso escolar.

Desta volta, tivemos unha excelente representación entre os convidados ao evento Encontro de Novas Voces celebrado n'O Vello Cárcere, que contou coa dirección dos escritores Xesús Fraga e Iolanda Castaño.

Dentro dos nosos programas educativos, os departamentos de linguas quixeron seguir estimulando a escritura creativa con dous obradoiros. Terán lugar esta semana e a que vén e serán impartidos por Antía Otero (poesía - galego) e Care Santos (narrativa - castelán) dirixidas a alumnado voluntario de 4º da ESO. Con certeza que seguirán mellorando a súa escrita e emocionándonos coas súas creacións.

Activisimo e Cidadanía

O venres 14 de xuño desenvolveuse unha actividade de carácter voluntario con 20 alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º da ESO co obxecto de promover unha cidadanía consciente e activa nestes tempos nos que a comunicación social se está a transformar.

Dúas mulleres, a mestra Laura Álvarez e a xornalista Rocío Cadahía, chegadas de dúas ONGs, EDUCO e AGARESO respectivamente, confluiron para falar do dereito a educación e a súa reivindicación cívica organizada neste actividade promovida pola nosa Consellería.

A CAMPAÑA MUNDIAL POLA EDUCACIÓN, é unha coalición internacional formada por ONG, sindicatos do entorno educativo, centros escolares e movementos sociais de moi diverso signo, co obxectivo principal de mobilizar á cidadanía para reclamar o cumprimento íntegro dos compromisos internacionais asinados polos estados e así garantir o acceso a unha educación pública e de calidade para todas as persoas do mundo.

O empoderamento e mobilización das persoas son un rol fundamental da Campaña Mundial pola Educación, a unión de toda a sociedade baixo a mesma mensaxe e co mesmo obxectivo a defensa do dereito humano á Educación. A través do lema “Mil Millóns de Voces” neste 2022 a CME busca alzar a voz do profesorado e por de manifesto o seu importante labor dentro do estado de emerxencia educativa no que vivimos inmersos na actualidade.

O posterior obradoiro de ciberactivismo tivo como obxectivo promover o coñecemento e a implicación da comunidade educativa galega coa CME e cos seus obxectivos, así como favorecer o pensamento crítico e fomentar a participación e a mobilización social do alumnado a través da súa participación do xeito máis creativo e novidoso posible na campaña en liña #MilMillonesdeVoces.

Xa no período de lecer, Laura e Rocío deron unha volta polo Leiras e pasaron saudar pola nosa Radio onde se estaba a emitir en directo o venres musical sobre a movida viguesa.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut