Memorias dun neno labrego cumpre 50 anos
Neste mes de xaneiro de 2011 estamos de celebración pois o neno máis famoso da literatura galega, Balbino, acaba de cumprir os 50 anos. Balbino, protagonista das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, está recibindo grandes mostras de cariño e homenaxes variadas por toda Galicia.
Para celebrar tal acontecemento a editorial Galaxia acaba de crear a Biblioteca Neira Vilas na que vai reeditar varias das súas obras e publicar as novas. Esta biblioteca ábrese coa 31ª edición da novela máis lida da nosa historia, novela que ademais vai dedicada " a todos os nenos e nenas que falan galego" e que leva na capa a ilustración feita por Luís Seoane para a 1ª ed. publicada en Bos Aires no 1961.
Outra das homenaxes a Balbino vén da man da editorial Galaxia que publica unha edición conmemorativa dos 50 anos ilustrada por Xaquín Marín e que vai ser presentada o 26 de xaneiro en Santiago.
Tamén se suma á celebración Candido Pazó co seu espectáculo "Memoria das Memorias dun neno labrego", que será estreado no Salón Teatro de Santiago de Compostela o venres 28 de xaneiro coa asistencia de Xosé Neira Vilas. Consultade aquí, onde podedes ver este espectáculo.
Cremos que todo o dito arriba xustifica que vos animemos a ler ou reler outra vez as historias de Balbino, así como outras das obras de Neira Vilas, autor que segue hoxe escribindo e dirixindo a Fundación Neira Vilas.
Tedes na biblioteca moitos dos seus títulos e un moi especial, pois leva a súa dedicatoria persoal para todos os usuarios da nosa biblioteca.