Skip to Content

 Lamas de Castelo s/n - 15293 - Carnota (A Coruña) - ies.lamas.castelo@edu.xunta.gal - 881867200

Horario: de luns a venres de 8:40 a 14:10 - luns tarde de 16:20 a 18:00 - recreo de 11:10 a 11:40




Cursos anteriores: Actividades

Intercambio co CPI de Cuntis

  

Ao longo do curso planificamos un intercambio co CPI Don Aurelio de Cuntis. O alumnado seleccionado foi o de 2º, 3º de PDC e 4º da ESO.

Despois de iniciar contacto por carta, correo electrónico, chat... chegou o día da desexada visita. O 11 de maio viñeron aquí alumnado e profesorado de Cuntis a compartir connosco a xornada, a coñecernos e a visitar algúns lugares do concello de Carnota.

Estivemos en Portocubelo, coñecendo o porto e as actividades de Mardelira, nas cabaceiras de Lira e de Carnota, na Boca do Río e rematamos a visita no Ézaro, ao pé da fervenza do Xallas.

Agora xa só agardamos que chegue o día de irmos a Cuntis a coñecer a súa terra.

E ese día chegou. O 26 de maio e alá fomos a Cuntis para devolver a visita que tiñamos concertada.

Á mañá recibimos unha charla na biblioteca, onde nos fixeron unha presentación do que podiamos ver no seu concello. Logo dividímonos en dous grupos: un  deles, foi facer un roteiro pola localidade, un xogo de pistas, para ir coñecendo Cuntis e tamén visitaron o Museo de Castrolandín. O outro grupo foi ao balneario Terras de Cuntis, onde puideron gozar das magníficas augas termais. Un auténtico pracer!

Reunímonos para xantar no colexio e para coñecernos un pouco máis. Logo dun mínimo repouso fomos ao Castrolandín onde uns amables arqueológos nos explicaron moitos segredos do castro. Logo paseamos á beira do río, por un lugar que chaman As Campaíñas e que acabou de relaxarnos, xusto antes de comezar o camiño de volta a Carnota.

Valoramos este intercambio como moi positivo pois serviunos para coñecer mellor outra zona, facer amigos e escoitar unha variante do galego un pouco diferente. 

I Concurso de Fotografía: EN GALEGO SABE MÁIS!

O Equipo de Dinamización e Normalización do IES Lamas de Castelo está a elaborar unha campaña de normalización no ámbito da hostalaría para o concello de Carnota.

 

Con este motivo convocamos o I Concurso de Fotografía que levará como lema EN GALEGO SABE MÁIS!

Coa foto gañadora elaborarase un adhesivo co correspondente lema e formará parte do material que será enviado a todos os negocios de hostalaría do concello de Carnota.

BASES DO CONCURSO:

  1. Poderá participar neste concurso todo o alumnado do IES Lamas de Castelo.

  2. No tema ten que verse claramente relacionada a gastronomía e a lingua.

  3. As fotografías deberán ser inéditas.

  4. Valorarase a orixinalidade e a creatividade do autor/a.

  5. As fotografías poden presentarse en branco/negro ou cor (máximo de dúas fotos por participante) en formato dixital e tamaño libre.

  6. A data límite de entrega é o venres 17 de abril de 2009

  7. De non ter unha mínima calidade o primeiro premio poderá declararse deserto.

PREMIOS:

  • Primeiro premio: unha cámara fotográfica.

  • Segundo premio: Un MP4

  • Terceiro premio: Lote de libros e música

XURADO:

O xurado estará composto por:

  • David Álvarez Castro

  • Mª Luz Barreiro Otero

  • Lucía Campañó Faraldo

  • María Álvarez Fernández

 

Palabras con memoria

PALABRAS CON MEMORIA é unha iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten por obxecto recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción. E tamén palabras e expresións que non recollen os dicionarios.
Esta asociación propón que durante un tempo, e coa intención de facerlle fronte á globalización e dado que semella posíbel a revitalización e repoboación do noso agro, que entre todos/as recuperásemos o nome dos produtos que nel se daban e quizais se volvan dar. Trátase de, ademais de achegar nomes de castes de froitas, verduras e outros produtos do campo, facer cando se crea necesario unha pequena descrición, resaltar as súas características. Porque as novas xeracións non saben o que é unha saborosa camoesa ou un delicioso peruco e en troques coñecen a encerada "red winter" e a insípida "golden" que lles venden no supermercado. Tamén sería interesante saber particulares tratamentos ou embutidos non comúns da carne do porco ou doutros animais. Fundamental, como no resto das palabras con memoria, é poñer o lugar de escoita
O EDNL do Centro pon ao voso dispor unha caixa de correo na que podedes deixar as VOSAS PALABRAS e ao remate deste curso farémosllas chegar á AELG.

Recollida do noso patrimonio inmaterial

E ti de quen es?

 

 

 

O IES Lamas de Castelo, desde o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística e en colaboración co Dpto. de Lingua Galega e Literatura, está a organizar un traballo de recolla de alcumes das casas do concello de Carnota co fin de rexistrar este patrimonio inmaterial e fomentar no alumnado o respecto e promoción cara a estes alcuños que aínda hoxe se manteñen vivos como sinais da nosa identidade.

O alcume ou alcuño é un sobrenome, usado en troques do nome e, moitas veces, máis coñecido que o mesmo nome. En Galiza hai unha longa tradición de alcumes, e poucas deben ser as familias que non o teñen ou tiveron; moitas veces está referido a unha particularidade da persoa ou da familia, sendo posible un derivado do lugar de nacemento, característica física, a profesión do pai ou da nai etc.

PASOS PREVIOS:

  • Elaboración dun plano aéreo do concello de Carnota a partir das imaxes do sixpac.

  • Distribuír en zonas todo o alumnado do Centro (1ºA, 1ºB, 2ºA, 2ºB, 3ºA, 3ºC e 4º).

  • Escoller un coordinador/a de zona e dar as directrices para poñer en marcha o proxecto.

LABOR DO COORDINADOR/A:

  • Combinar co grupo e dividilo por áreas atendendo ao lugar de residencia.

  • Elaborar un mapa por área e entregárllelo aos compañeiros para que numeren as casas e poidan comezar a recoller información na ficha correspondente.

  • Informar os compañeiros/as acerca do traballo que deben desenvolver, isto é, recoller os alcumes das casas e a súa (posíbel) orixe.

  • O coordinador/a fixará unha data de recollida da documentación recompilada polo grupo.

  • Facer un baleirado de datos na táboa.

ENTREGA DO TRABALLO:

Os colaboradores deben entregar os mapas numerados, as fichas de recollida de información e as táboas.

O traballo debe entregarse antes do 7 de marzo de 2009.

 



book | by Dr. Radut