25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar a poboación a respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.
A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sufren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Dende 2003 ata maio de 2017 o Instituto da Muller rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 no estado.
Estes datos fannos considerar que esta dramática realidade require dunha resposta unánime e firme de toda a sociedade, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Queremos vivir libres de violencias machistas.