Skip to Content

Doazón ANPA PROVAL

Moitas grazas á ANPA PROVAL pola súa doazón á Bibiloteca de diverso material lúdico-didáctico. Sen dúbida, participamos da máxima horaciana “docere delectando” e do uso dos xogos como ferramenta pedagóxica. De seguro que lle sacaremos bo proveito o curso que vén!...
Aproveitamos tamén para agradecerlle á súa xunta directiva -en especial a María Sierra, Cruz Aniorte e Zoila Villar- o traballo desenvolvido nestes últimos anos, e animamos a máis nais e pais a formaren parte da Anpa, xa que entendemos que na formación do noso alumnado é fundamental que colaboraremos unidos, comunidade educativa e familias. Grazas!
 
 

Solicitude admisión ciclos formativos

A Consellería de Educación vén de publicar o calendario de admisión das ensinanzas de Formación Profesional para o curso 2020-21. Inclúense os datas para pedir praza en cursos de especialización, dirixidos a persoas xa tituladas en ciclos formativos. A oferta detallada de ciclos publicarase no DOG a vindeira semana.  

O prazo de solicitudes de admisión vía telemática comeza o 25 de xuño e o calendario detallado pode consultarse no Portal de FP.

 

Lembranzas 2º bacharelato

 
Moito ten chovido desde aquel setembro do 2014 cando a maioría de vós chegastes coa mochila chea de libros e inquedanzas. E, case sen decatarnos, esvaéronse seis aniños de cambios, nervios, bágoas, ilusións... Outros fostes incorporándovos máis tarde, pero todos deixastes a vosa pegada en nós, porque maduramos xuntos nun chafariz de sentimentos e vivencias compartidas que, de seguro, ficarán nun recuncho da nosa memoria...
Samaíns, entroidos, concursos, xogos, obradoiros, concertos coa Rockestra, excursións a Edimburgo, Grecia... ou outras máis próximas como ás Cíes ou ao Monteferro. Momentos inolvidables que agora podemos lembrar grazas á montaxe realizada por unha das súas protagonistas, Clara Rey Barona.
Logo desta estraña fin de curso, chegou o momento da despedida, de iniciardes novos roteiros académicos e vitais, e desde Proval só podemos desexarvos que non perdades nunca a curiosidade por aprender... Moitísima sorte!!!

Intercambio epistolar co IES Nº 1 de Ribeira

Como todos os anos, e para mantermos unha tradición en vías de extinción, realizamos unha actividade de intercambio de cartas con outro centro. Desta vez tocoulle aos grupos de 1 bacharelato co IES Número 1 de Ribeira pero, por desgraza, non puideron celebrar o ansiado encontro lúdico-didáctico cos rapaces e rapazas ribeiráns cos que se cartearan durante o curso; con todo, non se esqueceron deles, e este é o agarimoso saúdo que lles envía o noso alumnado. Agardamos que a resposta non se faga esperar... aínda que sexa vitual! Podedes ver a galería das nosas imaxes neste enlace.

Información e matrícula ABAU

INFORMACIÓN ABAU

Pódese consultar na web da CIUG toda a información actualizada relativa á Convocatoria Ordinaria das ABAU:

 

MATRÍCULA ABAU

 

O alumnado que supere 2ª de bacharelato na convocatoria ordinaria 2019-20 e vaia presentarse á proba ABAU 2020 deberá seguir estes dous pasos:

Nota: o alumnado que teña desconto nas taxas de matrícula por Familia numerosa ou outra razón deberá acreditalo documentalmente co orixinal do Título de familia numerosa ou certificado correspondente e fotocopia para compulsar e deixar no centro.

 

PASO 1: Abono de taxas para a expedición do título de Bacharelato 

1º  Fotocopia do DNI (con ambos os lados nunha mesma cara do folio).

2º  Impreso/solicitude de expedición do título cuberto e asinado.

3º  Pagamento das taxas de bacharelato. Pódese facer dos seguintes modos:

  •  Modo a)  co Modelo AI Euros. Pódese recoller en secretaría ou consultar os códigos neste enlace da Axencia Tributaria de Galicia (para acceder ao modelo A). Pagarase presencialmente no banco (véxase aquí a cantidade a pagar) e o resgardo entregarase na secretaría do centro co resto da documentación.
  •  Modo b) a través da plataforma da Axencia Tributaria de Galicia (o resgardo que se xere entregarase na secretaría do centro co resto da documentación).

 

PASO 2:  Abono de taxas de matrícula na proba de Acceso á universidade   

1º  Documento de Impreso para a matrícula na ABAU cuberto e asinado polo alumnado. 

 

2º  Pagamento de taxas da ABAU. Hai dous modos para facelo:

  • Modo a) Documento de abono de taxas de matrícula na proba 2020. Podedes descargar o documento e pagalo no banco. Logo de ter efectuado o pagamento, entregarase o xustificante co resto da documentación na secretaría do centro. 
  • Modo b) Facer unha transferencia á conta da CIUG ES67 0049 2584 9716 1092 8810 polo importe que corresponda (pódese consultar a cantidade neste enlace). A continuación, entregarase o xustificante co resto da documentación na secretaría do centro. 

 

IMPORTANTÍSIMO: en CONCEPTO pór o "NOME, APELIDOS e DNI DO ALUMNO/A"  

                                 e en TITULAR da conta escribir "CIUG"

 

A DOCUMENTACIÓN DESTES 2 PASOS DEBERÁ ESTAR ENTREGADA NA SECRETARÍA

ANTES DO 17 DE XUÑO ÁS 11:00 HORAS

 

                  Máis información no enderezo de NERTA

            Teléfono de UAC: 881 997 701 para incidencias relacionadas coa conta do NERTA

 

 

Syndicate content


by Dr. Radut