ESTES SON OS LIBROS QUE LEREMOS ESTE SEGUNDO TRIMESTRE
«Ulises é un festival humorístico en dous actos precedidos dun preludio, intermediados por un interludio e rematados cun apuntamento de proscenio imaxinario. No seu seo, un mangado de diálogos ocorrentes e hilarantes que conseguen abeirar os heroes do mito grego humanizándoos [...] mesmo xogando deliberadamente cos anacronismos para achegalos aos nosos días.»
«Este feliz esperpento acaba converténdose nunha faiscante caricatura do texto homérico, unha revisión paródica e carnavalesca que nos convida a revisitar o vello mito con novos ollos»
«Farsa moi amena que arrincará sorrisos a quen lle conceda o favor da lectura e peza ideal para adaptacións de grupos teatrais amateurs ou escolares, que asegurarán coa súa posta en escena unha oferta benhumorada e luminosa que, seguro, será recibida polo público cos brazos abertos en tempos de tanto gris.»
Visto en: Criticalia | Armando Requeixo
«Este Ulises de Ana Pontón e Lino Braxe vén ser unha adaptación humorística para o teatro escolar d’A Odisea que recrea e reinventa a obra de Homero. Un traballo conxunto que deu como resultado unha actividade moi interesante e, sobre todo,unha lectura moi divertida.»
«Ulises e Penélope,así como o elenco que os acompaña, amosan unha imaxe diferente á das ríxidas figuras gregas ás que estamos afeitos, pero é unha imaxe que os aproxima aos lectores,tanto pola linguaxe que empregan–ocorrente, descarada e vulgar– coma por determinados comportamentos e pensamentos anacrónicos.»
«A esencia do poema épico orixinal, o seu tema e o seu argumento mantéñense nesta peza teatral»
Acabo de ler esta primeira novela de Pedro Feijoo, artista polifacético -músico, ensaísta e narrador-, que quedou finalista do último premio Xerais e foi para min unha grata sorpresa.
Estamos ante unha obra voluminosa (425 páxs) pero atraente, que "engancha" desde as primeiras páxinas; os seus capítulos curtos fan aínda máis difícil afastarse dela, pois sempre queremos saber qué sucede a continuación.
Unha novela que pode gustar a un público moi dispar, pois abrangue épocas e temas moi diversos. Centrada na actualidade, trasládase tamén a diversos momentos do pasado: 1702 e o misterio do ouro dos galeóns de Rande, a guerra civil de 1936, os tempos da ditadura franquista, do nazismo alemán...
O protagonista, Simón Varela, é contratado para realizar unha reforma no xardín por unha rica anciá que morre de súpeto poucos días despois deixándolle en herdanza un cofre que el encontrara no interior da fonte do xardín. Na lectura do testamento coñece a filla da anciá, Mariña, con quen se verá inmerso nunha serie de aventuras e perigos derivados dunha moeda antiga de ouro que herda ela, ao mesmo tempo que intenta descifrar o significado das reas de letras que figuraban nuns folios gardados nun sobre dentro do cofre que dona Isabel lle deixara.