Skip to Content

Club de Ciencia: Visita Aula Newton

O alumnado de 3º ESO do Club de Ciencia visitou o venres pasado a Aula Newton ubicada no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas. As "Aulas Newton" son unha prestixiosa iniciativa de espazos de aprendizaxe presentes en dez paises europeos e auspiciados por unha organización noruega sen ánimo de lucro, e concretamente a visitada polo alumnado do IES Plurilingüe Elviña é a primeira e única actualmente dispoñible en toda España.

Acompañados por docentes dos departamentos de Tecnoloxía e Matemáticas, e coa colaboración da auxiliar de idiomas do centro, o alumnado seguiu o programa da actividade "Volamos con números: una aventura aérea". Cun deseño da xornada fermosamente interdisciplinar tiveron que aplicar os seus coñecementos de idiomas, Física, Matemáticas, Tecnoloxía, Xeografía e TIC entre outros. Como colofón puxeron a proba as súas destrezas prácticas no simulador de voo da robusta Cessna 172 en tarefas de socorrismo aéreo no entorno de Bodø (Noruega). E abofé que a moitos deles non se lles daba nada mal para ser o seu primeiro intento!

O remate da fructífera xornada foi o desenvolvemento dun obradoiro de ensamblaxe de drons controlados mediante app móbil. E como non, inevitablemente con estes 3º ESO xa feitos uns intrépidos do aire, a proba dos devanditos drons nun esixente circuito de obstáculos interiores! Sobre o resultado neste caso... digamos simplemente que pagou o seguro.

No albúm a continuación (clickar na foto para acceder) quedan as imaxes que testemuñan o impacto pedagóxico e motivador, e a grata lembraza que todos os participantes trouxemos do evento. A nosa gratitude aos docentes Newton anfitrións da xornada e a todo o persoal de Tecnópole pola súa amabilidade.

Álbum: Club de Ciencia -> Aula Newton 2021/22


album | by Dr. Radut