Skip to Content

TITULACIÓN, PROMOCIÓN, MATRÍCULA DE HONRA (LOMLOE)

CRITERIOS DE PROMOCIÓN E TITULACIÓN. OBTENCIÓN DE MATRÍCULA DE HONRA (LOMLOE)

     A Concreción curricular do IES Plurilingüe Elviña establece os seguintes criterios de promoción, titulación e obtención de matrícula de honra, tomando como base os que son de aplicación no marco da LOMLOE, establecidos nas Ordes de 26 de maio de 2023 que desenvolven os Decretos 156/2022 e 157/2022 de currículo para a Educación secundaria obrigatoria e para o Bacharelato respectivamente. Transcribimos os aspectos fundamentais da Concreción curricular do centro que son de aplicación desde o curso 2023-2024 á promoción, á titulación e á obtención de Matrícula de honra en ambos niveles de estudo.

A. PROMOCIÓN

A.1. Promoción en Educación secundaria obrigatoria

A ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria naComunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa establece no seu Artículo 28 as condicións para a promoción de alumnado na Educación secundaria obrigatoria do seguinte xeito:

"1. O equipo docente decidirá sobre a promoción de cada alumna ou alumno na avaliación final de cada un dos cursos da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación. No caso dos programas de diversificación curricular, a decisión sobre a permanencia neles un ano máis adoptarase exclusivamente á finalización do segundo ano do programa.

2. Acadará a promoción dun curso a outro o alumnado que supere as materias ou os ámbitos cursados ou teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores. Para os efectos deste cómputo, as materias agrupadas nun ámbito non superado contaranse de xeito independente.

3. Ademais, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias e en todos os ámbitos en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.

b) Que a suma dos períodos lectivos semanais establecidos no anexo IV do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, das materias ou dos ámbitos con avaliación negativa non sexa superior a dez. Para estes efectos, non se considerarán as materias pendentes de cursos anteriores nin as horas de libre disposición.

c) Que o equipo docente considere que as materias ou os ámbitos con avaliación negativa non lle impiden seguir con éxito o curso seguinte.

d) Que o equipo docente considere que ten expectativas favorables de recuperación.

e) Que o equipo docente considere que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica."  

      A efectos de acadar unha maior obxectividade na aplicación da promoción de alumnado o profesorado do IES Plurilingüe Elviña acorda en claustro de 26 de outubro de 2023 aplicar a seguinte medida adicional de promoción: non se considerará a opción establecida no punto 3 cando o/a alumno/a non acade avaliación positiva nun mínimo de 6 das 8 competencias clave das que consta a avaliación por competencias, por entender que neste caso non se acada o obxectivo fundamental de adquisición do nivel competencial necesario para pasar de curso.

 

A.2. Promoción en Bacharelato

A ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa establece no seu Artículo 30 as condicións para a promoción de alumnado no Bacharelato do seguinte xeito:

"1. As alumnas e os alumnos conseguirán a promoción do primeiro ao segundo curso de bacharelato cando superen todas as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo. Para estes efectos, só se computarán as materias en que estea matriculada a alumna ou o alumno.

2. O alumnado que acade a promoción ao segundo curso con materias pendentes deberá matricularse delas e cursalas ao longo do curso, nas condicións reguladas no artigo 11.

3. As alumnas e os alumnos do primeiro curso de bacharelato que non cumpran as condicións de promoción establecidas deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade. Neste caso, non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente.

4. O alumnado que ao termo do segundo curso tivese avaliación negativa nunha ou máis materias poderá:

a) Matricularse delas sen necesidade de cursar de novo as materias superadas. Neste caso poderá solicitarlle á dirección do centro educativo a asistencia ás clases das materias xa superadas de segundo curso, quedando unicamente exento da súa avaliación e debendo cumprir coas mesmas obrigas que o resto do alumnado do grupo.

b) Repetir o curso completo. Neste caso non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente."

 

A concreción curricular do IESP Elviña non establecerá ningunha condición específica para o caso da promoción a 2º de Bacharelato.



B. TITULACIÓN


B.1. Titulación en Educación secundaria obrigatoria

A ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa establece no seu Artículo 29 as condicións para a obtención do título en Educación secundaria obrigatoria polo alumnado que remata os seus estudos de 4º ESO. Este artigo reflicte o seguinte:

"1. Ao finalizar o cuarto curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa titulación. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á adquisición das competencias clave establecidas no perfil de saída e á consecución dos obxectivos da etapa, sen prexuízo do establecido no artigo 24.1 do Decreto 156/2022, do 15 de xuño, e tendo en conta os criterios de titulación.

2. O alumnado que supere todas as materias ou os ámbitos cursados obterá o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria. Ademais de no caso anterior, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias e en todos os ámbitos en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.

b) Que, a xuízo do equipo docente, a alumna ou o alumno adquirira as competencias clave establecidas no perfil de saída.

c) Que, a xuízo do equipo docente, a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa. Para estes efectos, nos criterios de titulación establecidos polos centros docentes non se poderán fixar número nin tipoloxía de materias non superadas."

 

Aos efectos de concretar o punto 2 deste artigo, o profesorado do IES Plurlingüe Elviña en reunión de claustro ordinario de 26 de outubro de 2023 establece que, á hora de determinar se un alumno que non aproba todas as materias en 4º ESO (incluíndo as materias de cursos anteriores non superadas a pesar dos plans de reforzo que se lle aplicasen) debe ou non obter o título, se terá en conta:


a. non se considerará a opción de titular establecida no punto 2 cando o alumno non acade avaliación positiva nun mínimo de 6 das 8 competencias clave, por entender este o límite de aplicación do punto 2.b) do Artigo 29 arriba extractado.

b. non se considerará a opción de titular establecida no punto 2 cando, aínda obtendo o/a alumno/a unha media de 5 nas materias nas que estea matriculado/a, a carga horaria das materias con cualificación negativa supere as 6 horas semanais, tendo para este cálculo en conta as materias pendentes.

c. non se considerará a opción de titular establecida no punto 2 cando, aínda obtendo o/a alumno/a unha media de 5 no total das materias nas que está matriculado, non obtén un mínimo de 3 puntos de media na cualificación das materias non superadas (incluídas as pendentes).

 

B.2. Titulación en Bacharelato

A ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa establece no seu Artículo 31 as condicións para a titulación no Bacharelato polo alumnado de Bacharelato. Este artigo reflicte o seguinte:

"1. Será necesaria a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato para a obtención do título de bacharel. Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir que unha alumna ou un alumno obteña o título de bacharel cando supere todas as materias agás unha, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias clave e os obxectivos vinculados a ese título.

b) Que non se produciu unha inasistencia continuada e non xustificada por parte da alumna ou do alumno na materia.

c) Que a alumna ou o alumno se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.

d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa cursadas que, como mínimo, se requiran para a obtención do título pola modalidade ou vía pola que se remata sexa igual ou superior a cinco. Para os efectos deste cálculo, considerarase a nota numérica obtida na materia non superada."

 

Aos efectos de concretar o punto 1 deste Artigo, o profesorado do IES Plurilingüe Elviña establece que, á hora de determinar se un alumno que aproba todas as materias excepto unha, pode obter o título de Bacharelato:

1. entenderase como inasistencia continuada a inasistencia rexistrada e non xustificada nun 13% das horas totais dunha materia ao longo de todo o curso.

2. en relación ao indicado no punto c) do artículo anterior, entenderase que a expresión "se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria" implica o intento por parte do/a alumno/a de superar lexitimamente a materia, tentando contestar as preguntas plantexadas nas probas e actividades necesarias para a súa avaliación e aplicando os coñecementos e competencias adquiridas.

 

C. MATRÍCULA DE HONRA

C.1. Matrícula de honra en Educación secundaria obrigatoria

A ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa establece no seu Artículo 30 as condicións para a obtención de Matrícula de honra polo alumnado de 4º ESO. Este artigo reflicte o seguinte:

"1. O alumnado que, logo da avaliación final do cuarto curso, obtivese unha nota media do cuarto curso igual ou superior a nove puntos poderá recibir a mención de matrícula de honra. A devandita mención poderá concederse, como máximo, a un número de alumnas ou alumnos igual ao enteiro máis próximo ao 5 % do total de alumnado matriculado no centro docente no cuarto curso. En todo caso, cando no centro docente o total de alumnado matriculado no cuarto curso sexa inferior a vinte, poderá concederse unha mención de matrícula de honra.

2. Os criterios xerais de outorgamento de matrícula de honra ao alumnado serán previamente acordados e establecidos na concreción curricular do centro, e deben ser obxectivos e públicos.

3. A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos correspondentes documentos oficiais de avaliación da alumna ou do alumno."

 

     Aos efectos de concretar o punto 2 deste artigo, o profesorado do IES Plurlingüe Elviña, en sesión de Claustro establece os seguintes criterios para determinar o alumnado merecedor desta distinción no 4º curso de ESO:

a. en primeiro lugar, atenderase ao alumnado con nota media de 4º ESO igual ou superior a un 9

b. de existir máis dun/ha alumno/a nesta circunstancia, a xunta de avaliación concederá as matrículas de honra por estricta orde de cualificacións, desde a media máis alta ata a máis baixa.

c. no caso de existir alumnado que presente a mesma cualificación media, a concesión da matrícula de honra determinarase aplicando, por esta orde, os seguintes criterios de desempate:

                  c1. mellor cualificación media de toda a etapa
                  c2. maior número de cualificacións 10 en 4º ESO
                  c3. mellor cualificación media en 3º ESO
                  c4. maior número de cualificacións 10 en 3º ESO
                  c5. mellor cualificación media en 2º ESO
                  c6. maior número de cualificacións 10 en 2º ESO
                  c7. mellor cualificación media en 1º ESO
                  c8. maior número de cualificacións 10 en 1º ESO

     No caso de persistir o empate tras da aplicación de todos estes criterios, aplicaranse, por orde, estas dúas medidas excepciónais:

1ª) o equipo docente decidirá en votación secreta por maioría simple
2ª) realizarase un sorteo coma medida final de desempate

 

C.2. Matrícula de honra en Bacharelato

A ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a avaliación nesa etapa educativa establece no seu Artículo 34 as condicións para a obtención de Matrícula de honra polo alumnado de Bacharelato. Este artigo reflicte o seguinte:

"1. O alumnado que, logo da avaliación final ordinaria do segundo curso, obtivese unha nota media do segundo curso igual ou superior a nove puntos poderá recibir a mención de matrícula de honra. A devandita mención poderá concederse, como máximo, a un número de alumnas ou alumnos igual ao enteiro máis próximo ao 5 % do total de alumnado matriculado no centro docente no segundo curso. Para este cálculo e o outorgamento da mención, no caso de que o centro oferte o bacharelato en distintos réximes, contarase para cada réxime de xeito independente. No caso do réxime para persoas adultas, contará soamente o alumnado matriculado en ensino de adultos cuxa matrícula lle permita obter o título de bacharel ao finalizar o curso. En todo caso, cando no centro docente o total de alumnado matriculado no segundo curso de bacharelato sexa inferior a vinte, poderá concederse unha mención de matrícula de honra.

2. Os criterios xerais de outorgamento de matrícula de honra ao alumnado serán previamente acordados e establecidos na concreción curricular do centro, e deben ser obxectivos e públicos.

3. A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos correspondentes documentos oficiais de avaliación da alumna ou do alumno."


      Aos efectos de concretar o punto 2 deste artigo, o profesorado do IES Plurlingüe Elviña, en sesión de Claustro de 26/10/2023 establece os seguintes criterios para determinar o alumnado merecedor desta distinción no 2º curso de Bacharelato:

a. en primeiro lugar, atenderase ao alumnado con nota media de 2º BACH igual ou superior ao 9

b. de existir máis dun/ha alumno/a nesta circunstancia, a xunta de avaliación concederá as matrículas de honra que correspondan por estricta orde das cualificacións de 2º de Bacharelato, desde a media máis alta deste curso ata a máis baixa.

c. no caso de existir alumnado que presente a mesma cualificación media, a concesión da matrícula de honra determinarase aplicando, por esta orde, os seguintes criterios de desempate:

                c1. mellor cualificación media de toda a etapa (1º e 2º de BACH)
                c2. mellor cualificación media de 1º BACH
                c3. maior número de cualificacións 10 en 2º BACH
                c4. maior número de cualificacións 10 en 1º BACH
                c5. maior número de cualificacións 9 de 2º BACH
                c6. maior número de cualificacións 9 de 1º BACH
                c7. mellor cualificación media no conxunto da ESO

     No caso de persistir o empate tras da aplicación destes criterios, aplicaranse, por orde, estas dúas medidas excepciónais:

1ª) o equipo docente decidirá en votación secreta por maioría simple
2ª) realizarase un sorteo coma medida final de desempate



page | by Dr. Radut