GRADUACIÓN XERACIÓN 2016-2022

Parabéns para esta marabillosa xeración 2016-2022 que ven de celebrar a súa graduación. Desfrutamos dun serán de festa cheo de emocións, reencontros e alegría. Foi un auténtico pracer compartir con vós estes marabillosos anos no Basanta. Desexamos de corazón que o camiño sexa longo para todas e todos vós, cheo de aventuras e experiencias fermosas. No Basanta Silva teredes sempre a vosa casa ❤️

VIAXE COSTA DA MORTE: VIMIANZO, MUXÍA, FISTERRA, ÉZARO, DOLMEN DE DOMBATE

DE PASEO POLA COSTA DA MORTE. Alumnos e alumnas de Ciencias Sociais de 2⁰ da ESO, acompañados das súas profesoras Teresa, Verónica, Mercedes e Sabela, visitaron esta semana a Costa da Morte. Foi un fantástico percorrido didáctico pola nosa historia, dende a prehistoria, coa visita ao dolmen de Dombate en Bergantiños, ata o pasado medieval dos Mariño de Lobeira e dos Moscoso, Condes de Altamira, na Terra de Soneira, onde visitamos o castelo de Vimianzo e imaxinamos como puido ser noutrora o de Vilalba ou Caldaloba, fortalezas das que hoxe só se conservan as Torres de Homenaxe. Continuamos o paseo ata Muxía onde fomos abalar a pedra ao santuario da Virxe da Barca. Xa en Fisterra, marabillámonos coa inmensidade da paisaxe e seguimos ata o Ézaro, onde visitamos a fervenza que forma o río Xallas na súa desembocadura ao mar, caso único en Europa e de imponente fermosura. Foi unha viaxe didáctica ben bonita! ❤️

                            

“Experimentos no Basanta. A ciencia mola!”

Os días 14 e 15 de xuño, parte do alumnado do noso centro, principalmente os grupos de 1º e 2º da E.S.O., tiveron a oportunidade de achegarse dunha forma máis práctica á ciencia coa actividade “Experimentos no Basanta. A ciencia mola!”. Parte do alumnado de Física e Química de 4º E.S.O. e 1º de bacharelato guiados polas profesoras do departamento, fixo unha pequena feira de ciencia na que explicaron e expuxeron distintos experimentos e fenómenos físicos e químicos. Puidemos ver dende reaccións químicas moi vistosas como a da pasta de dentes de elefante ou o camaleón químico ata demostracións de fenómenos relacionados coa densidade, a explicación do funcionamento de distintos motores ou curiosos fenómenos de electromagnetismo,entre outras demostracións. Dúas xornadas cheas de curiosidade e de aprendizaxe tanto do público como do alumnado voluntario que mostrou o seu coñecemento así como as súas habilidades de comunicación, transmisión da información e de divulgación científica. Esperamos que o ano que vén o alumnado de 4°E.S.O e 1° de bacharelato se animen repetir a actividade coa mesma boa disposición e ganas de aprender dos deste ano! Graciñas!

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                

 

 

 

 

                                                                       ...

Obradoiro Drons Espazo Xove Vilalba

Hoxe xoves, 5 de maio, 12 alumnas e alumnos de 1º de bacharelato da materia de Tecnoloxía Industrial, impartida pola profesora Verónica Santiso, do Departamento de Tecnoloxía, asistiron a un obradoiro de drons. O obradoiro tivo unha  primeira parte teórica, onde os participantes recibiron información sobre a lexislación que regula o uso de estes aparatos, tipos de drons , ... e unha segunda parte máis práctica, onde o noso alumnado tivo a oportunidade de poder voar un destes drons, práctica que tivo lugar no campo da feira de Vilalba. Agradecer a Ana e a Zoe do Espazo Xove e a Fran, o monitor e antigo alumno do noso instituto, a xornada tan agradable e divertida que pasamos. ESPERAMOS PODER REPETIR A EXPERIENCIA O VINDEIRO CURSO. GRACIÑAS.

 

                

 

Diploma de Estudos en Língua Francesa ( DELF B1 e B2)

Diploma de Estudos en Lingua Francesa ( DELF B1 e B2)

20 alumnos de bacharelato do noso centro, realizaron as probas para a optención do Diploma de Estudos en Lingua Francesa ( DELF B1 e B2), a través dun acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e o Servicio de Cooperación e de Acción Cultural da Embaixada de Francia en España. As probas foron realizadas o mercores, xoves e venres, (27, 28 e 29 de Abril 2022), a través do centro acreditado da Alianza Francesa da Coruña.

ONDAS NA CHAIRA

Xa temos o noso primeiro podcast subido na plataforma ivoox co título "Coemocións nas Ondas". Para poder escoitalo só tes que premer nos enlaces.

Descripción de Coemocións nas Ondas

EXCURSIÓN 2º DE BACHERELATO

 

VISITA DO ALUMNADO DE 2º DE BACHERELATO Á BASÍLICA DE SAN ISIDORO E Á CATEDRAL DE LEÓN

O pasado xoves 21 de abril, o alumnado de 2º de Bacharelato, acompañado polas profesoras, Lorena Piñón, Verónica Santiso e Mª Teresa López, visitaron a cidade de León para coñecer un anaco da arte románica e gótica.

A excursión partiu ás 08.45 h., chegando a León arredor das 12 horas, onde empezaron a visita á Basílica de San Isidoro. Logo do descanso para o xantar, sobre as 17 horas iniciaron a visita á catedral de León.

Arredor das 19 horas emprendeuse  a viaxe de regreso a Vilalba, facendo unha breve parada en Ponferrada para contemplar o Castelo dos Templarios.

A chegada a Vilalba foi ás 22.15 horas, despois dun día intenso e enriquecedor en todos os ámbitos.

          

#contochoeu! Actividade polo Día do Libro

#contochoeu! é unha  actividade colaborativa para tecer comunidades lectoras extendidas, deseñada polos IES Xograr Afonso Gómez de Sarria e Santiago Basanta Silva de Vilalba. A idea incial era a de "nós contárllelo a eles/as e eles/as contárnolo a nós", máis ao final abrímola ao mundo, animando a participar a todos aqueles centros ou persoas que se animen.
 
CAL É O OBXECTIVO DE “CÓNTOCHO EU…!”?
O obxectivo é dinamizar e desenvolver actividades e redes de apoio entre bibliotecas e comunidades lectoras, así como persoas lectoras de calqueira idade ou condición e así crear comunidades lectoras extendidas, máis alá do alcance físico e operativo de cada unha das bibliotecas en sí mesmas.  Crear e desenvolver redes, vínculos e relacións entre as bibliotecas e as comunidades lectoras dentro dun programa de colaboración chamado “biblioembaixadas”.
 
 EN QUE CONSISTE “CÓNTOCHO EU…!”? 
 Consiste nunha acción viral que se desenvolven no espazo dunha rede social (Instagram, Facebook ou Twitter) a través dunha pequena gravación audiovisual. A acción básica consiste na gravación dunha narración oral arredor dunha obra literaria que, polo motivo que sexa (lectura iniciática, determinante, fatal…), foi importante para a propia persoa participante. A narración será gravada en vídeo cunha duración máxima de 1 minuto, na que a persoa participante tentará ofrecer a súa versión persoal da obra en cuestión. Durante a exposición, tentará evitar aludir expresamente ao título ou autor/a da obra, tentando xerar certa idea de xogo. Posteriormente, colgarase a gravación do vídeo nas súas redes sociais coas etiquetas “#contochoeu!”, #Díadolibro22, “#abibliotecaescolartenapalabra”, “#biblioembaixadas”. No bloque de texto da publicación explicarase de xeito claro a que obra se está a aludir. Se subides o video dende as vosas redes, lembrade etiquetar á Biblioteca. 
 
CANDO SE PODE REALIZAR o "CONTOCHOEU…!”? Esta actividade pode desenvolverse nesta 3ª avaliación do curso vixente (21/22) para poder achegarse a data da Semana do Libro (23 abril). Sería conveniente coordinar esta actividade entre todas as bibliotecas de Lugo dende o día da publicación da convocatoria ata a mesma data da Semana do Libro (23 abril). 
 É unha actividade aberta a toda a comunidade educativa, sen límite de vídeos nen orde preferente de participación.  
 Un saúdo e animádevos a participar!

8M_RUEIRO FEMINISTA NO IES SANTIAGO BASANTA SILVA

8M_RUEIRO FEMINISTA NO IES SANTIAGO BASANTA SILVA

Un dos grandes retos deste novo século, segue a ser acadar a igualdade de dereitos das mulleres respecto dos homes. Neste senso, un dos nosos principais obxectivos é educar, día a día ao noso alumnado, na igualdade de xénero, realizando actividades e aplicando todos os recursos posibles para educar e concienciar nesta realidade.

É neste senso que, dende BIBLIOTECA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, bautizamos os diferentes espazos do centro con nomes de mulleres relevantes, de Vilalba e da Terra Chá, na meirande parte grandes descoñecidas. Foi o escaso protagonismo das mulleres, nas rúas das diferentes vilas da comarca, que nos levou a realizar o noso propio rueiro feminista. Deste xeito, demos nome de muller aos diferentes corredores e espazos do instituto. Mulleres valentes, silenciadas ou non suficientemente coñecidas. Ademais, algún espazos darán nome tamén a oficios exercidos noutrora maioritariamente por mulleres, das que existen moitísimos exemplos na nosa vila. Oficios escasamente valorados pero imprescindibles para o desenvolvemento da vida.

#8M na #BibliodoAgustín

  

Distribuir contido