Skip to Content

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2022. DOMINGO VILLAR. IN MEMORIAM.

O  día 18 de maio, un día despois da celebración das Letras Galegas, deixounos Domingo Villar,  a quen todos os que o coñeceron definían no só como un escritor de calidade formidable, senón tamén  como un home bo no mellor sentido da palabra, un grande amigo dos seus amigos e un namorado de Galicia.

A súa perda deixa orfo ao comisario Caldas, o seu inesquecible personaxe,  e a toda a comunidade lectora que tivo o pracer de gozar das historias que narraba ao pé dese Atlántico vigués  que tanto amou e que converteu  nun referente literario e persoal.

O IES As Telleiras quere renderlle un profundo recoñecemento ao autor que acompañou e acompaña ano a ano, curso a curso, o itinerario lector de 1º Bacharelato coa proposta lectora da súa novela A praia dos afogados .

Xeracións de alumnos e alumnas peregrinaron á nosa Bibliotelleiras á procura dun dos exemplares desta obra que o Departamento de Lingua e Literatura Galega considerou sempre unha aposta segura como lectura do 2ª trimestre.

E como esquecer que Ollos de auga estreou un club de lectura que botaba a andar hai xa moitos anos no centro, coa banda sonora de Charlie Parker de fondo.

Quédanos a pena de verte marchar tan cedo, tanto que o título da túa novela, O último barco, parece hoxe unha escura premonición; pero déixasnos en herdanza o teu eterno alter ego, o fume do seu tabaco, o arrecendo das comidas no Bar Puerto e na taberna de Eligio, as noites de radio, os grolos de bo viño, as conversas cos amigos, a súa melancolía...

Sabemos que, onde queira que esteas, estarás sempre xa na compaña de bos e vellos amigos: Andrea Camilleri, que nos deixou tamén hai pouco, Vázquez Montalbán e outros moitos mestres que xogaredes na Primeira División da novela negra, o thriller, o giallo... xa sexa en galego, en castelán, en italiano...

No Olimpo da nosa Bibliotelleiras, Domingo, terás sempre un merecidísimo posto de honra, e na nosa memoria, o eterno agradecemento polas moitas horas de boa lectura que nos fixeches gozar.

 

 



blog | by Dr. Radut