Skip to Content

blogue debiblioteca

BIBLIOTELLEIRAS. XUÑO 2024. FIN DE CURSO DO CLUB DE LECTURA

“El tesoro de Artabria” de Juan José Lada Vilariño foi un dos libros elexidos polo Club de lectura de Tecnoloxía e Robótica para 1º e 2º da ESO. Como actividade final para rematar este curso o noso alumnado seguiu as pistas pola cidade de Ferrol nunha pescuda do tesouro igual que a dos protagonistas do libro; facendo tamén unha paradiña no Museo da Construcción Naval, onde puxeron a proba algúns dos coñecementos adquiridos durante este curso na materia de Tecnoloxía.

Un verdadeiro peche de ouro para o curso que remata.

 

 

BIBLIOTELLEIRAS. 17 DE MAIO 2024. DÍA DAS LETRAS GALEGAS LUISA VILLALTA.

O pasado día 17 de maio, para conmemorar o día das Letras Galegas, desde a nosa biblioteca colaboramos coa actividade proposta pola profesora de Economía María C. Alba e na que participou Luísa Villalta (AELG) - 1tanto alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, como profesorado.  A actividade consistiu na gravación dun audiolibro da autora homenaxeada este ano, Luisa Villalta. O libro elixido foi "As chaves do tempo".

Deixámosvos a ligazón ao resumo do libro pero podes consultar todos os capítulos na nosa canle de Telleiras radio. Esperamos que desfrutedes tanto coma nós grabándoo.

 

Pero no noso centro houbo outras actividades para celebrar este día:

  • Moi relacionada coa actividade anterior foi a proposta do club de ciencias que consistiu na publicación dun podcast con poemas da autora homenaxeada do que tamén vos deixamos a ligazón.

  • Vicedirección e o Departamento de Lingua Galega prepararon, con materiais desenvolvidos polo alumnado de diferentes niveis, varias exposicións con diversos materiais que se colocaron no vestíbulo e das que vos deixamos unha pequena mostra.

Parabens aos participantes nas diversas actividades!!!!!!!!

Podes encontrar toda a información sobre a autora na páxina oficial da Real Academia Galega.

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2024. XVI XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA.

Parte do equipo da Bibliotelleiras participou, o pasado 14 de maio en Santiago de Compostela, nas XVI Xornadas dos clubs de lectura. Foi un día cheo de emocións, charlas e obradoiros que comezou cunha entrevista a Arantza Portabales, gañadora do premio dos clubs de lectura de 2024 por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso. Entregoulle o premio o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.

Animamos a todos os que vos gusta o misterio a adentrarvos nas novelas desta autora destacando, entre outros, títulos como Deixe a súa mensaxe despois do sinal e a saga de novelas protagonizadas polos detectives Abad e Barroso, da que xa hai tres libros publicados: Beleza vermella, A vida secreta de Úrsula Bas eEl hombre que mató a Antía Morgade.

Arantza Portabales  

 

Bibliotelleiras Maio 2024: Club de lectura Literatura Universal

O pasado martes 7 de maio, o alumnado e o profesor que forman o Club de lectura de Literatura Universal desfrutaron no instituto dunha comida en común e da película "Drácula", de Francis Ford Coppola. Co visionado e comentario desta adaptación cinematográfica da novela de Stoker, que leron durante os meses anteriores, poñen fin ás actividades do club de lectura por este curso.

Anteriormente, no mes de febreiro, desfrutaran xa do visionado en común doutro título do cine "vampírico", que é tamén un clásico do cine de terror para adolescentes: "Noite de medo".

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2024. I OLIMPÍADAS NACIONAIS ESCOLARES DE SEGURIDADE VIARIA.

Este ano, celebráronse en Narón as I Olimpíadas Nacionais Escolares de Seguridad Viaria. O pazo da Cultura acolleu o pasado 9 de maio este evento no que se deron cita escolares de diferentes puntos de España. Os colexios participantes foron CEIP Piñeiros de Narón, o CEDE San Cernin de Pamplona, CPR Ayala de Narón, CPB Tirso de Molina de Colmenar Viejo (Madrid) y CEP Lois Tobío de Viveiro, que resultou gañador do certame.

Como mestra de cerimonia estivo a nosa alumna Icía Izquierdo, que presentou a gala como unha verdadeira profesional, recibindo moitas loubanzas dos alí presentes polo seu traballo. Ela mesma foi a que presentou tamén a fase local das olimpíadas o pasado 21 de marzo.

Moitos medios de prensa nacional, autonómica e local fixéronse eco da noticia.

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2024. XXXIII CERTAME INTERCENTROS DO CONCELLO DE NARÓN

 O pasado día 15 de maio, e como parte da programación do Día das Letras Galegas, celebrouse no Pazo da Cultura de Narón a entrega de premios do XXXIII edición do Certame Intercentros do Concello de Narón; evento ao que asistiron a alcaldesa de Narón, Marian Ferreiro, diversas autoridades educativas e personal directivo, profesorado, ANPAS e alumnado dos centros de ensino participantes: os colexios Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón, CPI O Feal, e o IES As Telleiras.

Nese acto foron premiados varios traballos do alumnado do noso centro, entre os que se inclúe o contacontos adaptado da novela infantil "Moucho e Cuquiña", presentado polo alumnado do Clube de Lectura de "Robótica e Tecnoloxía".

 Outros dos premiados foron:

  • O alumnado da materia de Cultura Audiovisual de Bacharelato co vídeo "Rompendo tópicos"
  • As alumnas de 2º da ESO Duna Martínez (primeiro premio) e Aitana Dopico (accesit) na categoria de Narrativa na ESO.
  • Cecilia Aneiros premio e accesit en narrativa de Bacharelato.

Noraboa ao alumnado participante polo voso traballo e, especialmente, aos premiados e premiadas.

Podes consultar a noticia na prensa:

Destacamos a publicación do Facebook do concello de Narón onde podedes consultar as fotos do evento.

 

 

BIBLIOTELLEIRAS: DÍA DO LIBRO 2024

O día 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro, que conmemoramos con varios paneis explicativos expostos no vestíbulo do instituto, nos que se inclúen referencias a San Xurxo e os seus modelos clásicos. Deixámosvos aquí unha mostra deses paneis e unha animación dos mesmos.

 

BIBLIOTELLEIRAS. FEBREIRO 2024. 23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 

O día 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía cunha exposición no vestíbulo do centro realizada polo noso alumnado. A exposición incluía textos de Rosalía, algúns dos cales foron recitados polo alumnado e mesmo unha liña temporal con datos da súa vida. Deixámosvos un fragmento dun deses textos...

"Nasín cando as prantas nasen,

no mes das froles nasín,

nunha alborada mainiña,

nunha alborada de abril.

Por eso me chaman Rosa,

mais a do triste sorrir,

con espiñas para todos,

sin ningunha para ti".

De: Cantares gallegos

BIBLIOTELLEIRAS. XANEIRO 2024. DÍA DA PAZ

O pasado día 30 de xaneiro, dentro das actividades da biblioteca, vicedirección e o Equipo de Dinamización Lingüística, para conmemorar o Día da Paz, o noso alumnado de 2º da ESO elaborou unhas pombas de papel coas que decoramos o taboleiro do vestíbulo e a entrada á nosa biblioteca. Estas pombas levaban incorporadas frases en contra da violencia e a favor da paz, con mensaxes optimistas e de esperanza elixidas polo propio alumnado.

Durante a Hora de Ler, en todas as aulas da ESO léronse en voz alta textos de diversos autores relacionados coa Paz.

Máis información na páxina principal do IES As Telleiras.

BIBLIOTELLEIRAS. DECEMBRO 2023. ACTIVIDADES DE NADAL

 

Como todos os anos, o noso concurso de postais de Nadal tivo unha alta participación por parte do alumnado de 1º da ESO. Nas imaxes podedes ver as postais gañadoras dos tres primeiros premios. A novidade deste curso é que todas as postais elaboradas polo alumnado enviáronse a unha residencia de maiores situada no Concello de Narón para felicitar estas festas aos residentes da mesma.

Queremos agradecer ao alumnado a ilusión posta nesta iniciativa solidaria, así como a colaboración do profesorado de 1º da ESO, a vicedirección do centro e o Equipo de Dinamización Lingüística que están sempre dispostos  a participar no desenvolvemento destas actividades.

 
 
 

Máis información na páxina principal do IES As Telleiras.

Distribuir contido


by Dr. Radut