Skip to Content

blogue debiblioteca

BIBLIOTELLEIRAS. JUAN JOSÉ LADA PUBLICA A SÚA ÚLTIMA NOVELA, EL ORO DE HIMMLER

O pasado 11 de outubro Juan José Lada, antigo alumno do centro e autor das novelas El tesoro de Artabria e Las minas de Santa Comba, que foron o curso pasado lecturas dos Clubs de lectura “Historias de Ferrolterra” e “Informática e Robótica”, tivo, como nas dúas anteriores ocasións, a xentileza de vir polo noso instituto para agasallarnos cun exemplar da súa última novela El oro de Himmler, acabadiña de saír do forno da editorial.

Queremos agradecerlle desde a Bibliotelleiras a súa amabilidade e o seu compromiso de vir neste curso 2022-2023 a reunirse de novo  cos membros do clubs de  lectura, como fixo o pasado curso, para facernos gozar dunha xuntanza onde o alumnado e o profesorado responsable  tivemos  a oportunidade de compartir, como el mesmo di na súa dedicatoria, “lo más valioso y lo único que poseemos, tiempo”.

En próximas datas, aínda por determinar, fará a presentación desta última novela na Biblioteca Municipal do Concello de Narón e contará coa nosa presencia no acto.

Queremos desexarlle moitísmo éxito e, pola nosa parte, confirmarlle que esta terceira novela formará parte das lecturas do Club “Historias de Ferrolterra”, como xa indicamos na solicitude de participación de Clubs de Lectura 2022-2023 da Consellería que enviamos xa hai uns días.

Grazas, Juan José, desde o IES As Telleiras e parabéns por esa labor tan ben feita!

BIBLIOTELLERIAS. 17 DE OUTUBRO. DÍA DAS ESCRITORAS.

O día 17 de outubro conmemorouse, un ano máis, o Día das Escritoras.

Foi un día para lembrar, recuperar, achegar e reivindicar o labor creativo de mulleres escritoras que, ao longo da historia, non sempre contaron con apoios na súa importante tarefa de creadoras literarias e aínda así, as pioneiras souberon encontrar o seu lugar no mundo da literatura e abriron un camiño para que ao longo do tempo se chegara ata os nosos días e así hoxe poidamos contar con palabras escritas con man feminina que reflicten historias, sentimentos, vivencias,… en calquera dos xéneros literarios. Vaia o noso recoñecemento a todas elas e como mostra de xusta e merecida gratitude ás mulleres escritoras, na Biblioteca do IES As Telleiras montamos unha exposición de obras de autoras galegas de diferentes xéneros e épocas. En colaboración coa Biblioteca, o EDLG expuxo no vestíbulo do centro unha escolma de fragmentos de obras literarias dalgunhas mulleres escritoras galegas e o departamento de Lingua Galega tamén homenaxeou as nosas escritoras cunha creativa mostra, elaborada polo alumnado. Así mesmo, na “Hora de Ler” do día conmemorado recreouse en cada aula, en formato de audición, “Contos da miña terra”, único relato breve de Rosalía de Castro escrito na nosa lingua.

Decatámonos da nosa humilde aportación para esta merecida conmemoración, mais queremos aproveitala para reivindicar que toda a valía destas mulleres non cabe só nun día, pois son merecedoras de todas as xornadas.

BIBLIOTELLEIRAS. OUTUBRO 2022. CHEGOU O SAMAÍN!

A biblioteca do IES As Telleiras, en colaboración coa vicedirección do centro e o Equipo de Normalización Lingüística, convoca con motivo da celebración do Samaín 2022 o “Concurso de relatos curtos de ultratumba” e o "Concurso de cabazas".

Anímate a participar!!!!!!!

 cartel cabazas
 

BIBLIOTELLEIRAS CURSO 2022-2023. 8 DE SETEMBRO, XORNADA DE BENVIDA Á BIBLIOTECA AO ALUMNADO DE 1º ESO E 1º BACHARELATO

Para o alumnado de 1º ESO realizouse durante toda a mañá do xoves 8 de setembro, día da presentación, unhas XORNADAS DE ACOLLIDA con distintas actividades encamiñadas a dar a coñecer as instalacións e as distintas actividades que oferta o centro.
No marco destas xornadas o alumnado levou  a cabo a actividade “Coñece a túa Biblio” e realizou unha visita guiada pola Biblioteca onde se lle mostraron as instalacións, se lle deron a coñecer as normas básicas de funcionamento,  se lle informou das propostas de actividades que se levan a cabo ao longo do curso e se lle animou a formar parte dos Clubs de lectura que temos en marcha.
Ao mesmo tempo estivemos encantados de facilitarlles aos alumnos e alumnas calquera tipo de información que solicitaron, resolverlles  dúbidas e mesmo fixemos algunhas fotos que quedarán de recordo desta ocasión.
Organizados por clases e acompañados do seu profesorado, explicámoslles a profunda transformación que experimentou a biblioteca o curso pasado con motivo das obras levadas a cabo pola Consellería de Educación; mostráronse moi curiosos ao saber que gran parte dos espazos que forman hoxe a nosa Bibliotelleiras foran en tempos cuartos e dependencias da “casa do conserxe”, zona que só foi utilizada a tal fin durante uns poucos meses cando o instituto acababa de ser inaugurado aló polo ano 1985.
Chamoulles tamén moito a atención a zona exterior da biblioteca, á que nós cariñosamente  chamamos a “zona chill out”, que esperamos que ao longo deste curso poida ser habilitada e co mobiliario axeitado para ser usada como un espazo de lectura informal, ao aire libre, e onde sexa posible levar a cabo ademais actividades diversas: reunións dos clubs de lectura, encontros con autores e autoras, presentación de libros...
Tamén esa mesma mañá do 8 de setembro o alumnado de 1º Bacharelato de nova incorporación tivo ocasión de percorrer o centro para familiarizarse coas instalacións e un dos puntos de interese foi a visita á biblioteca, onde se lles informou do uso dos espazos, das normas básicas de funcionamento e se lles respondeu ás dúbidas que foron xurdindo durante a visita.
Así mesmo, durante o claustro do día 1 de setembro, o profesorado novo que se incorporou ao centro foi invitado a realizar unha visita á biblioteca, para coñecer as instalacións, os fondos documentais e as posibilidades que a nosa Bibliotelleiras poidan ofertar para o seu labor docente e tamén persoal.
Cómpre destacar que estas visitas resultaron moi interesantes para o alumnado que destacou a amplitude da biblioteca, a boa disposición, luminosidade e excelente ventilación de todos os espazos; así mesmo os máis pequenos quedaron sorprendidos pola grande cantidade de libros e o orde e clasificación dos mesmos.
Foi unha xornada moi agradable para todos e todas  e para nós unha ocasión especial de poder volver a facer in situ esta actividade que, polo motivo do covid e das obras levadas a cabo o verán pasado, no fora posible realizar de novo na propia biblioteca en cursos anteriores.  
Só nos queda dar a benvida a todos os usuarios e usuarias da Bibliotelleiras e queremos facelo da man do grande debuxante Quino, falecido en setembro do 2020, cunha das súas viñetas máis coñecidas.

IN MEMORIAM

BIBLIOTELLEIRAS. SETEMBRO 2022. CLUBS DE LECTURA

Se che gusta ler...
Se che apetece compartir lecturas...
Se te animas a coñecer xente nova...
Se tes ganas de rir, chorar, gozar, ter medo...
Se gostas de descubrir tramas, personaxes novos e diferentes, argumentos, lugares...
Se queres ter a oportunidade de coñecer os autores e autoras dos libros que les...
Se te atreves a seguir as pegadas das historias que lemos...

ESTÁS NO SITIO PERFECTO!

 A BIBLIOTELLEIRAS ESPERA POR TI!!!!!!!!
AQUÍ ATOPARÁS UN CLUB DE LECTURA

               Á TÚA MEDIDA

Pasa pola biblioteca nos tempos de lecer e estaremos encantad@s de axudarche a decidir cal é o club do que máis che gustaría formar parte segundo os teus intereses...

ANÍMATE, ESTAMOS ESPERANDO POR TI!!!!!!

 

BIBLIOTELLEIRAS. VISITA DE JUAN JOSÉ LADA VILARIÑO, AUTOR DE EL TESORO DE ARTABRIA E LAS MINAS DE SANTA COMBA. XUÑO 2022.

Na tarde do martes 14 de xuño, desde as 16.20 ata as 18.00 horas, o alumnado e profesorado dos Clubs de lectura de “Historias de Ferrolterra” e de “Tecnoloxía e Robótica” tivemos o gusto de recibir na biblioteca do centro a visita do autor de dous das obras que foron obxecto de lectura este curso: El tesoro de Artabria e Las minas de Santa Comba.

Durante dúas horas que pasaron voando o autor, Juan José Lada Vilariño, antigo alumno do noso instituto, fíxonos partícipes das súas primeiras experiencias lectoras, do seu gusto por coñecer a historia de Ferrol e a súa contorna, do seu proceso creativo, dos pasos no mundo da edición, dos recordos da súa infancia e xuventude, do seu desexo de ser escritor e dos proxectos futuros que bulen xa na súa cabeza. E todo isto cunha exposición tan clara, interesante e amena  que  nos fixo gozar dese momento máxico que comparten autor e lectores e as lectoras cando se atopan xuntos por primeira vez.     

Cómpre destacar o interese amosado polo alumnado que, entre preguntas ao autor sobre as novelas, relatos das súas propias experiencias biográficas por Ferrolterra, anécdotas sobre as xuntanzas dos clubs nos tempos de lecer e risas en común, recoñeceu o seu gusto por estas lecturas e o éxito que supuxo a súa elección.

Ao remate da reunión, o autor fíxonos sentir como aos personaxes da súa primeira novela, cando, ao final da súa procura do “tesouro”, reciben da man do profesor de Historia un pequeno agasallo de moedas antigas que, no noso caso, se transformaron en moedas de chocolate.

Antes de despedilo e coa promesa de volvernos encontrar nun futuro próximo, fixémoslle entrega do pin do instituto e dalgúns detalles co logo do centro.

Para pechar este curso o tramo final  dos nosos Clubs de lectura, a tarde do venres 17 o alumnado e profesorado fixemos un percorrido por Ferrol, visitando algúns dos lugares onde transcorre a historia da primeira novela, El tesoro de Artabria, e que son os puntos onde se atopan as pistas que deben localizar os mozos e mozas protagonistas.

Aproveitamos para facer fotos en cada unha das localizacións atopadas e comentar o interese histórico-artístico das mesmas e tamén doutros lugares emblemáticos do Ferrol dos séculos XVIII e XIX que ían saíndo ao paso no noso percorrido.

Rematamos coa degustacións duns xeados no porto de Ferrol e, xa desde aí, regresamos ao punto de partida na Praza de Armas onde nos esperaban as familias do alumnado para dar por pechada a actividade.

Queremos agradecer ao persoal militar do Cuartel de Dolores que nos permitiu facer a visita a Fontelonga, a primeira das nosas etapas, e que nos acompañou moi amablemente durante o percorrido polo recinto.

BIBLIOTELLEIRAS. III CONGRESO GALEGO DE SEGURIDADE E EDUCACIÓN VIARIA DE NARÓN. MAIO 2022

Os días 19 e 20 de maio tivo lugar no Pazo da Cultura o III Congreso Galego de Seguridade  e Educación Viaria;  este encontro foi organizado polo Concello de Narón  e a Rede de Cidades que Camiñan e patrocinado pola  Diputación da Coruña e  a Axencia Galega de Seguridade Pública (Agasp), coa colaboración de outras entidades.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz, acompañada do edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, inagurou o xoves 19 esta nova edición que este ano  tiña como lema da convocatoria “As persoas primeiro”.

Ao longo de estes dous días  a coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan,  Ana Montalbán, foi a encargada de presentar  e dar paso ás diferentes mesas que se foron sucedendo ao longo das xornadas, ás que acudiron preto dun centenar de persoas.

A mañá do venres, día 19 de maio, estivo dedicada á cooperación internacional  e na sesión participaron  dous relatores chegados do exterior, a colombiana Laura Daniela Gómez e o turco Emrah Kocak, nunha mesa moderada por María Pérez Rico.

Na segunda parte desta sesión tomaron  parte Iago Grueiro, alumno do IES Catabois e Javier Oliveira, do IES As Telleiras, en representación das comunidades escolares que participaron no encontro:  As Telleiras, Catabois, Piñeiros, Ponte de Xuvia , A Gándara e Santiago Apóstol.

O representante do noso centro, Javier Oliveira, de 1º ESO, alumno da materia de Mobilidade Segura e Sostible, que é impartida pola profesora de Tecnoloxía Aurora Romar Gasalla, explicou aos asistentes as actividades realizadas este curso 2021-2022.

BIBLIOTELLEIRAS. VERÁN 2022. RECOMENDACIÓNS LECTORAS DESDE A BIBLIOTELLEIRAS.

Xa queda pouco para rematar este curso e a Bibliotelleiras quere encher o verán de recomendacións lectoras que nos farán pasar a tod@s momentos de lecer en contacto coa natureza, xa sexa na praia, no campo, no monte, nas pequenas vilas ou nas grandes cidades, viaxando ao estranxeiro ou quedando na casa.
Os bos libros farán máis desexables eses tempos de lecer que axudarán a descansar, recargar as pilas e volver en setembro con novas forzas e ánimos renovados para afrontar un novo curso.

 

 

 

O RECANTO DA RAPAZADA

     

UNHA CHEA DE PROPOSTAS PARA XENTE MOZA

       

LECTURAS PARA LECTORES E LECTORAS DESDE OS DEZAOITO ATA OS CEN.....

 

       
       

BOAS VACACIÓNS E BOAS LECTURAS!!!!!!!

 

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2022. DOMINGO VILLAR. IN MEMORIAM.

O  día 18 de maio, un día despois da celebración das Letras Galegas, deixounos Domingo Villar,  a quen todos os que o coñeceron definían no só como un escritor de calidade formidable, senón tamén  como un home bo no mellor sentido da palabra, un grande amigo dos seus amigos e un namorado de Galicia.

A súa perda deixa orfo ao comisario Caldas, o seu inesquecible personaxe,  e a toda a comunidade lectora que tivo o pracer de gozar das historias que narraba ao pé dese Atlántico vigués  que tanto amou e que converteu  nun referente literario e persoal.

O IES As Telleiras quere renderlle un profundo recoñecemento ao autor que acompañou e acompaña ano a ano, curso a curso, o itinerario lector de 1º Bacharelato coa proposta lectora da súa novela A praia dos afogados .

Xeracións de alumnos e alumnas peregrinaron á nosa Bibliotelleiras á procura dun dos exemplares desta obra que o Departamento de Lingua e Literatura Galega considerou sempre unha aposta segura como lectura do 2ª trimestre.

E como esquecer que Ollos de auga estreou un club de lectura que botaba a andar hai xa moitos anos no centro, coa banda sonora de Charlie Parker de fondo.

Quédanos a pena de verte marchar tan cedo, tanto que o título da túa novela, O último barco, parece hoxe unha escura premonición; pero déixasnos en herdanza o teu eterno alter ego, o fume do seu tabaco, o arrecendo das comidas no Bar Puerto e na taberna de Eligio, as noites de radio, os grolos de bo viño, as conversas cos amigos, a súa melancolía...

Sabemos que, onde queira que esteas, estarás sempre xa na compaña de bos e vellos amigos: Andrea Camilleri, que nos deixou tamén hai pouco, Vázquez Montalbán e outros moitos mestres que xogaredes na Primeira División da novela negra, o thriller, o giallo... xa sexa en galego, en castelán, en italiano...

No Olimpo da nosa Bibliotelleiras, Domingo, terás sempre un merecidísimo posto de honra, e na nosa memoria, o eterno agradecemento polas moitas horas de boa lectura que nos fixeches gozar.

 

 

BIBLIOTELLEIRAS. MAIO 2022. DÍA DAS LETRAS GALEGAS 17 DE MAIO.

O IES As Telleiras, desde a Biblioteca e en colaboración coa Vicedirección e o ENL, quixo render homenaxe ao escritor ao que a Real Academia da Lingua Galega  elixiu este ano 2022.
A figura  de Florencio Delgado (Córgomo, Valdeorras 1903-Fair Oaks, EEUU 1987), republicano e galeguista,  encarnou o activismo cultural dos galegos que tiveron que exiliarse en México e que tenderon pontes co exilio interior.

A súa obra poética está chea de sensualidade e revela o seu compromiso político: Bebedeira (1934), Cancioneiro da loita galega (1943), Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981) e O soño do Guieiro (1986).
Durante a semana previa ao día 17 unha exposición de carteis informativos no vestíbulo do centro foi dando a coñecer a vida e obra do poeta, ao tempo que outro panel deixaba constancia dalgúns dos máis interesantes e coñecidos poemas da súa produción.

O día 16, durante o primeiro tempo de lecer, un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato puxeron voz a poemas escollidos de Florencio Delgado, nun acto de honra e homenaxe ao poeta ourensán.

 
Distribuir contido


by Dr. Radut