Skip to Content

Blogues

BIBLIOTELLEIRAS. NOVEMBRO 2023. CONTACONTOS PARA NENOS DE INFANTIL E PRIMARIA “Moucho e Cuquiña”

 

O pasado 10 de novembro o noso alumnado do Clube de Lectura de 1º e 2º da ESO representou por segunda vez na Bibliotelleiras a adaptación do conto Moucho e Cuquiña, da escritora Paula Merlán e do ilustrador Antonio Seijas.

O noso centro educativo recibiu a visita de cerca dun centenar de escolares de 6º curso de educación Infantil e 1º e 2º de educación Primaria dos colexios Ayala, Ponte de Xuvia e Piñeiros, nunha xornada inolvidable para moitos deles.

Máis información no Facebook de Educación Vial do Concello de Narón

 

BIBLIOTELLEIRAS. OUTUBRO 2023. III SEMANA DA SEGURIDADE

Os que seguides o noso blogue sabedes da participación da Bibliotelleiras nas actividades relacionadas coa Educación Vial e a Seguridade, polo que, dentro das actividades propostas desde o equipo de Educación Vial do Concello de Narón, o noso alumnado de 1º e 2º ESO participou na III Semana da Seguridade, celebrada do 23 ao 27 de outubro de 2023.

O alumnado participou en obradoiros de autoprotección e comportamentos seguros, primeiros auxilios e nun partido de baloncesto en cadeira de rodas, no que puideron poñerse no lugar doutras persoas e experimentar o mesmo ca elas.

Nas hiperligazóns podes acceder á información aparecida na imaxe:

 

XORNADA NON LECTIVA VENRES DÍA 9 DE FEBREIRO

 
Double-click
Select to translate

Recordade que o vindeiro venres día 9 de febreiro é o día elexido polo Claustro como non lectivo, polo que non haberá clase. Retomaremos a actividade logo do entroido, o xoves día 15. Disfrutade moito deste merecido descanso!

Erasmus BL4A! Mersin

 

Erasmus BL4A! Mersin

O director Manuel Couceiro, en representación do noso centro, estivo este pasado decembro en Mersin, Turquía, dentro do proxecto Erasmus+ KA2 Blended Learning for All! (BL4A!), proxecto liderado polo CFR de Ferrol con socios de Hungría, Portugal e Turquía.

Nesta mobilidade coñeceuse o sistema educativo turco, presentáronse diversos lesson plans con secuencias de aprendizaxe que integran o ensino mixto (presencial e a distancia) e visitáronse centros educativos da contorna.

 

 

 

 

 

 

Erasmus BL4A! Budapest

 

Erasmus BL4A! Budapest 

A nosa profesora de Tecnoloxía, Eugenia Fernández, estivo a última semana de setembro en Budapest dentro do proxecto Erasmus+ KA2 Blended Learning for All! (BL4A!), proxecto liderado polo CFR de Ferrol con socios de Hungría, Portugal e Turquía.

Nesta mobilidade houbo formación sobre o ensino mixto no Europa 2000 Gymnázium, observando clases de diversas materias nas que estaban perfectamente integrados novidosos recursos metodolóxicos.

BIBLIOTELLEIRAS. CURSO 2023/2024

11 DE SETEMBRO, XORNADA DE BENVIDA Á BIBLIOTECA AO ALUMNADO DE 1º ESO E 1º BACHARELATO DE NOVA INCORPORACIÓN.

Para o alumnado de 1º ESO realizouse durante toda a mañá do luns 11 de setembro, data de inicio do curso, unha xornada de presentación e un percorrido polo centro (Dirección, Club de Ciencias, Zona de xogos...), con distintas actividades encamiñadas a dar a coñecer as instalacións e as distintas propostas que oferta o centro.
No marco desta xornada o alumnado de 1º ESO  levou  a cabo a tradicional actividade “Coñece a túa Biblio” e realizou unha visita guiada pola Biblioteca onde se lle mostraron as instalacións, se lle deron a coñecer as normas básicas de funcionamento,  se lle informou das propostas de actividades que se levan a cabo ao longo do curso e se lle animou a formar parte dos Clubs de lectura que temos en marcha.

Os horarios de visita foron os seguintes:

1º ESO A (12.30-12.50)

1º ESO B (11.20-11.40)

 1º ESO C (12.55- 13.20)

1º ESO D (11.45-12.10)

Ao mesmo tempo estivemos encantados de facilitarlles aos alumnos e alumnas calquera tipo de información que solicitaron, resolverlles  dúbidas e mesmo fixemos algunhas fotos que quedarán de recordo desta ocasión.
Organizados por clases e acompañados do seu profesorado, explicámoslles a profunda transformación que experimentou a biblioteca hai dous cursos con motivo das obras levadas a cabo pola Consellería de Educación; mostráronse moi curiosos ao saber que gran parte dos espazos que forman hoxe a nosa Bibliotelleiras foran en tempos cuartos e dependencias da “casa do conserxe”, zona que só foi utilizada a tal fin durante uns poucos meses cando o instituto acababa de ser inaugurado aló polo ano 1985.
Chamoulles tamén moito a atención a zona exterior da biblioteca, á que nós cariñosamente  chamamos a “zona chill out”, que esperamos que ao longo deste curso poida ser habilitada e co mobiliario axeitado para ser usada como un espazo de lectura informal, ao aire libre, e onde sexa posible levar a cabo ademais actividades diversas: reunións dos clubs de lectura, encontros con autores e autoras, presentación de libros...
Tamén esa mesma mañá do 11 de setembro o alumnado de 1º Bacharelato de nova incorporación tivo ocasión de percorrer o centro para familiarizarse coas instalacións e un dos puntos de interese foi a visita á biblioteca, onde se lles informou do uso dos espazos, das normas básicas de funcionamento e se lles respondeu ás dúbidas que foron xurdindo durante a visita.
Así mesmo, durante a mañá do 7  de setembro, o profesorado novo que se incorporou ao centro realizou unha visita á biblioteca acompañado dos membros do Equipo da Biblioteca para coñecer as instalacións, os fondos documentais e as posibilidades que a nosa Bibliotelleiras poida ofertar para o seu labor docente e tamén persoal.
Cómpre destacar que estas visitas resultaron moi interesantes para o alumnado que destacou a amplitude da biblioteca, a boa disposición, luminosidade e excelente ventilación de todos os espazos; así mesmo os máis pequenos quedaron sorprendidos pola grande cantidade de libros e o orde e clasificación dos mesmos.
Cremos que foi unha xornada moi agradable e para nós unha ocasión especial de recibir a todo o alumnado e profesorado que se incorporan este curso por primeira vez ao centro.
Só nos queda dar a benvida a todos os usuarios e usuarias da Bibliotelleiras e animalos a participar en todas actividades que se levarán a cabo ao longo do curso en cooperación coa Vicedirección e os distintos Departamentos que sempre se amosan dispostos a colaborar coa Bibliotelleiras.

BIBLIOTELLEIRAS. XULLO-AGOSTO 2023. TEMPO DE VERÁN, TEMPO DE LECTURAS.

 RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA PASAR UNHAS VACACIÓNS AO SOL.

Chegou o verán, chegaron as vacacións e a Bibliotelleiras non quere deixar pasar a ocasión de animar á lectura nestes meses de lecer na praia, no campo, na casa, nas viaxes...

 

Ler no verán é unha forma de lecer que enche as nosas pilas, abre os nosos ollos e os nosos pulmóns de aire fresco, cárganos de enerxía; calquera lugar é bo para gozar da lectura xa sexa ao sol ou á sombra, na area ou na herba, nun sofá ou nunha toalla... O importante é refrescar as nosas neuronas co zume dun bo libro! 

Velaquí algunhas propostas para pasar o verán en boa compañía:

 

  • PARA OS PEQUES DA CASA:
  • LECTURAS PARA A MOCIDADE:

 

  • LECTURAS DE SUSPENSE E DE MISTERIO: GALICIA NOIR

 

 

ENCONTRO LITERARIO CON JUAN JOSÉ LADA VILARIÑO, BROCHE DE OURO DAS XUNTANZAS DOS CLUBS DE LECTURA DO IES AS TELLEIRAS

 

 A tarde do martes 20 de xuño os Clubs de Lectura da Bibliotelleiras tiveron de novo a oportunidade de compartir dúas horas de excelente conversa, anécdotas, risas e bombóns co noso “autor de cabeceira”, Juan José Lada Vilariño, autor da novela El oro de Himmler, a terceira entrega da triloxía que comezou con El tesoro de Artabria, continuou con Las minas de Santa Comba e remata con esta. Tamén desta vez, como xa pasara o curso pasado, as dúas horas de reunión pasaron voando.

Houbo tempo para falar con Juan José sobre os múltiples aspectos da novela, de formularlle as dúbidas que a lectura foi xerando ao longo do curso, de comentarlle as impresións que a historia foi deixando en nós, lectores e lectoras, e ata de preguntarlle se esta ía ser a derradeira entrega ou só a última.

Fíxonos saber que xa ten lista unha nova novela e que, cun xiro de guión, incluirá “sangue”, aspecto que, ávidos e ávidas de suspense e thiller, deixounos xa con ganas de comezar a devorala.

Queremos desde aquí agradecerlle de todo corazón a enorme amabilidade e cortesía coas que responde sempre ás nosas invitacións, os agasallos que sempre trae consigo e a magnífica oportunidade que nos ofrece ao poder contar “en persoa persoalmente”, como diría Catarella, o personaxe de Andrea Camilleri, para compartir con el a nosa experiencia lectora.

Non quixemos deixar pasar la ocasión de facerlle entrega da orixinalísima camiseta que a nosa Vicedirectora, dona Estefanía Mosquera, deseñou este curso e que é un orgullo para todos os e as “Telleiros e Telleiras” que foron e son parte da historia do noso centro.

Así mesmo reiterámoslle o ofrecemento que xa lle fixeramos desde a Bibliotelleiras, tanto a el como a todos e todas os integrantes do colectivo GAF, Grupo de Autores de Ferrolterra, na tertulia literaria que se levou a cabo na Biblioteca Universitaria Casa do Patín de Ferrol no mes de marzo pasado e durante a cal nos fixeron entrega de exemplares das súas obras. Podedes consultar a reseña da tertulia na seguinte ligazón.

A idea é poder levar a cabo, con motivo da celebración do 24 de outubro, “Día das Bibliotecas”, no Salón de actos do centro un encontro de presentación do colectivo para dar a coñecer o labor deste grupo de seis autores de diferentes concellos da zona decididos a sumar forzas para difundir así, de forma colectiva e con apoio mutuo, as súas respectivas obras literarias, ambientadas en localizacións de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

BIBLIOTELLEIRAS. XUÑO 2023. MOUCHO E CUQUIÑA: OS “TELLEATROS” DO CLUB DE LECTURA DO IES AS TELLEIRAS

Durante toda a mañá do día 1 de xuño os actores e actrices do grupo “Telleatros” do Club de lectura de 1º ESO, capitaneados pola súa dinamizadora e directora, dona Aurora Romar, no papel de Xoaniña, representaron na biblioteca do centro, convertida a tal efecto  en escenario, a adaptación a formato teatral do relato Moucho e Cuquiña, perante catro grupos de alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria de colexios de Narón.

O Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón propuxera no ano 2020 un conto para pasar aqueles días complicados de confinamento. Tratábase da publicación Moucho e Cuquiña, con textos de Paula Merlán e ilustracións de Antonio Seijas, unha edición que foi elaborada por encarga do concello de Narón, xa que a obra está ambientado neste municipio.

Podes consultar máis información sobre o conto no blogue de Paula Merlán ou na seguinte hiperligazón.

Do enorme éxito que tivo esta posta en escena no IES As Telleiras fíxose eco a prensa local:

Cómpre destacar o enorme labor que supuxo durante todo o terceiro trimestre deste curso 2022-2023 para os integrantes do grupo “Telleatros”, que semana tras semana, dedicando xenerosamente os seus tempos de lecer,  tanto no Obradoiro de Tecnoloxía como na propia biblioteca, levaron a cabo todo o traballo de realización dos decorados, probas de escenografía, luces e son, confección do vestiario, aprendizaxe e ensaio dos textos... 

E o máis importante foi a alegría, o tesón e a dedicación constante que puxeron para que todo saíse perfectamente no estreo da obra ante un centenar de pequenos  e pequenas espectadores que gozaron cunha  representación que fixo as delicias de todos e todas.

A Bibliotelleiras quere dar as grazas ao Equipo de Educación Viaria do Concello de Narón pola súa extraordinaria colaboración na montaxe e posta en marcha desta actividade que, o curso próximo, quere facerse extensiva a outros centros de ensino de Narón.

Felicitamos a todo o elenco dos “Telleatros” polo compromiso e bo facer que demostraron sempre e que os fai merecedores do noso agradecemento.

 

BIBLIOTELLEIRAS. 25N: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional Contra a Violencia Machista. Este ano escollemos como motivo do cartaz para a reivindicación desta data o deseño elaborado por Noa Romero Calvo, alumna de 2º de BACH. 

Durante esta semana o IES as Telleiras realizou unha serie de accións encamiñadas a concienciar o alumnado sobre esta lacra. Ademais da representación da obra teatral Animais de compañía, no centro tiveron lugar outras actividades arredor desta conmemoración: 

Unha exposición bibliográfica na biblioteca:

Un mural reivindicativo e participativo elaborado polo alumnado de educación plástica e visual 

Un muro contra a violencia machista cedido polo Concello de Narón e acompañado dunha exposición de zapatos vermellos, símbolo da reinvidicación que fixo viral Gioconda Belli a través do seu libro No país das mulleres

Unha exposición de textos literarios por parte do Equipo de Dinamización da Lingua Galega

 E un taller de chapas con diversos motivos arredor do 25N: 

Distribuir contido


by Dr. Radut