Procedemento de ADMISIÓN de alumnado para o curso 2021/2022
O alumnado doutros centros educativos que desexe incorporarse ao IES As Bizocas no curso 2021-2022 terá que presentar a solicitude de admisión do 1 ao 22 de marzo.
A OFERTA DE POSTOS ESCOLARES en cada un dos cursos é a seguinte:
- 1º ESO: 3(+ 6NEEAE)
- 2º ESO: 0
- 3º ESO: 11
- 4º ESO: 24
Presentarase unha solicitude de admisión no centro no que solicite praza en primeiro lugar, empregando o formulario oficialmente establecido (Anexo II). Teñen toda a INFORMACIÓN e manuais de axuda para as familias na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado
Acceden así a unha aplicación na que poden cubrir a solicitude, marcar os criterios do baremo (que, chegado o caso, queiran que se valoren) e imprimir a solicitude e presentala de forma presencial no instituto ou presentala directamentepor vía electrónica a través da propia aplicación utilizando dni-e, certificado dixital ou chave365.
Lémbrase que co Anexo II de solicitude deberán achegar:
- Documento acreditativo do requisito de idade do/da alumno/a (dni ou libro de familia).
- Certificado de matrícula do curso actual.
- Se é o caso, convenio regular ou resolución xudicial de separación xudicial ou divorcio.
Non será necesario presentar máis documentación, salvo que se opoñan á consulta automática dos datos.
No caso de que haxa que baremar avisarase (arredor do 22 de marzo) do prazo para presentar presencialmente no instituto a documentación acreditativa dos criterios alegados na solicitude.
NOTAS DE INTERESE:
1. Cada alumno/a só pode presentar unha única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar. Poderase renunciar a unha solicitude de admisión xa presentada únicamente ata o 20 de marzo, do contrario a solictude será vinculante e a duplicidade determinará a escolarización da/o alumna/o conforme o procedemento subsidiario.
2. O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe. O actual alumnado do IES As Bizocas ten garantida a súa permanencia para cursar as ensinanzas de ESO neste centro. Porén, o alumnado matriculado en 4º ESO debe presentar a solicitude de admisión no instituto da súa elección onde queira continuar os estudos.
3. O alumnado que ten reserva de praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.
4. As familias deben ser conscientes de que únicamente o alumnado que segundo o domicilio alegado a efectos de valoración estea na zona de influencia deste centro terá dereito ao servizo de TRANSPORTE ESCOLAR ofrecido pola Xunta de Galicia.
LEXISLACIÓN APLICABLE:
-
DECRETO 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
-
ORDE do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
-
ORDE do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
OUTRA INFORMACIÓN:
- Centros adscritos: CEIP As Bizocas e CEIP Valle-Inclán.
- Servizos complementarios: transporte escolar.