Skip to Content

Abril 2016

ACTIVIDADE CONXUNTA EN ALLARIZ SOBRE A PROBLEMÁTICA DOS REFUXIADOS

O pasado día 15 de abril, venres, na vila de Allariz, organizouse unha actividade conxunta entre os <icentros escolares de primaria, a libraría Aira das Letras, o concello de Allariz e a Asociación Allariz c@s refuxiad@s .
Esta actividade consitíu nunha charla de Alfonso Mascuñana Bordas, profesor de filosofía xubilado e que acaba de chegar da Illa de Lesbos onde estivo como voluntario durante 5 semanas.
De forma totalmente solidaria, ofreceuse a vir aos centros escolares e ao Fogar do Maior, dar unha charla sobre a súa experiencia.
Ademais, algúns alumnos de bacharelato, fixéronlle unha entrevista en Radio Allariz na que tamén estivo presente o noso compañeiro Pilis, profesor de francés, recén xubilado e tamén o representante en Galicia da Asociación Alhambra Internacional, Francisco Rodríguez.
A actividade organizouse do seguinte xeito:

1. Charla para os rapaces de primaria: 10:30-11:30
2. Charla para os rapaces do instituto: 13:20-14:10.
3. Entrevista en Radio Allariz: 17:00-18:00
4. Charla aberta ao público no Fogar de Maior: 20:00.


Grazas a tod#s os que participastes e fixestes posible esta actividade.

 

 

 

 

 

SEGUNDA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE PROFES

O día 14 de abril, os profesores que pertencen ao club de lectura, reuníronse para comentar a obra de Antón Riveiro Coello Os elefantes de Sokurov.
A reunión fíxose ao redor dun delicioso xantar na Fábrica de Vilanova.
Resultou unha agradable sesión sobre todo porque se notou un incremento no profesorado pertencente ao club que case se duplicou.

 

 

 

PERCORRIDO POLA VILA DE ALLARIZ

O día 13 de abril, o alumnado de 2º ESO fixeron un percorrido pola vila de Allariz, acompañados por varios profesores do IES e guiados por Ramiro, que dun xeito moi lúdico lles foi explicando ao alumnado como era a estrutura da vila medieval e os lugares máis destacados de Allariz.

 

CHARLA CON ALFONSO MASCUÑANA BORDAS

O vindeiro, venres 15 de abril, haberá unha actividade na que participan os colexios de primaria e o instituto, o concello, a libraría Aira das Letras e Radio Allariz.
Trátase dun encontro cunha persoa que acaba de vir como voluntario da Illa de Lesbos e vén contar a súa experiencia co obxectivo de concienciar a xente do que está acontecendo con miles de persoas que loitan por sobrevivir en terras alleas.
Esperamos que esta actividade sexa moi proveitosa para todos.

TERTULIAS LITERARIAS EN CASTELÁN

O día 7 de abril, alumnos de 3º, 4º ESO e 1º de bacharelato, asistiron a unha tertulia literaria sobre o libro La ley del menorde Ian Mcewan, xunto con outros centros da contorna (Xinzo de Limia, Maceda e Ribadavia) que tivo lugar no Liceo e que está organizada polo Concello de Ourense.
Foi unha tertulia moi proveitosa na que se intercambiaron opinións moi interesantes sobre o libro entre os participantes

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE MATERIAL PARA OS REFUXIADOS

O noso centro, xunto co colexio de primaria e outras entidades da vila de Allariz, convertéronse durante os días 31 de marzo a 5 de abril en puntos de recollida de material para os refuxiados, participando nunha campaña que organizou un grupo de persoas de Allariz, en coordinación coaAsociación Alhambra e que se está levando a cabo en varios puntos de Galicia.
O noso alumnado colaborou de xeito solidario coa achega de moito material de primeira necesidade (hixiene/saúde).
Esta actividade complementarase cunha charla que terá lugar o día 15 de abril nos colexios de primaria e secundaria e tamén no Fogar dos Maiores, dun voluntario, que pertence á ONG AXUNICA, que acaba de chegar da Illa de Lesbos.
Trátase de Alfonso Mascuñana Bordas, profesor de filosofía que acaba de vir como voluntario de Lesbos e vai por distintos puntos de Galicia contando a súa experiencia.

 

 

ENCONTRO CON SABELA NÚÑEZ SINGALA: "O AGASALLO DE ANYA"

O noso alumnado de 1º de ESO e PMAR puido disfrutar o luns 4 de abril, do encontro con Sabela Núñez Singala, autora de O agasallo de Anya, obra que traballaron durante o 2º trimestre e que ten un gran contido de solidariedade.
A autora contoulles como este libro naceu dunha viaxe realizada a Ucraína na que puido coñecer de 1ª man as grandes necesidades que teñen os nenos e nenas dese país, a maioría dos cales viven en orfanatos.
Este libro é un complemento máis das distintas actividades que se están levando a cabo no centro durante este curso dentro do noso proxecto "Falando de Solidariedade".
Ademais de ao instituto, a autora foi aos colexios de primaria de Allariz e Xunqueira de Ambía.
Os coordinadores das 3 bibliotecas disfrutaron dun xantar compartido coa autora.

 

OBRADOIRO DE ANIMACIÓN Á LECTURA SOBRE "EL LAZARILLO DE TORMES"

O noso alumnado de 3º ESO e 1º de Bacharelato inicia o trimestre cunha actividade de animación á lectura sobre "El Lazarillo de Tormes", libro que leron durante o 2º trimestre.
Este obradoiro está protagonizado por Raquel Queizás, quen dun xeito humorísticos e interactivo co alumnado, lles explica as pasaxes máis divertidas desta famosa obra.

 

 



by Dr. Radut