|
O IES Alexandre Bóveda subcampión do V Certame Provincial de Regueifas
Na xornada de onte (8/11/24) celebrouse, nun ateigado Auditorio do CVC Valadares, a final do V Certame Provincial de Regueifas, ao que chegaron clasificados/das máis de 100 escolares da provincia, que foron escollidos dos obradoiros recibidos no último mes. Dos máis de 20 inscritos/as, só 10 Institutos chegaron á final, vidos de diferentes partes da provincia: Vigo (4), Mos, Chapela, Vila de Cruces, Ponteareas e Vilagarcía.
Así pois, o IES Alexandre Bóveda chegou a esta final clasificado polo meritorio traballo feito por 10 alumnos/as nos obradoiros previos: 3 persoas do curso de 3º ESO B (Sofía Molinero, Blanca Miguélez e Uxía Prado) e outras 7 do Club de Regueifa (Xiana González, Lucas Franco, Erea Iglesias, Noa Pena, Ángela Iglesias, Eloy Enríquez e Julia Rodríguez), e que participaron nas 10 primeiras quendas do certame.
No evento final celebrado o venres 8 de novembro, tras unhas excepcionais primeiras quendas, o Alexandre Bóveda acadou un fantástico resultado, pois conseguiu meter 4 persoas entre as 20 semifinalistas: Sofía Molinero, Uxía Prado, Xiana González e Lucas Franco; polo que empatou co IES San Tomé no 1º posto do Certame, xa que tamén meteran 4 en semifinais. Finalmente, tras celebrase a quenda de semifinais e, ao non meter ningún representante na final a4, o Coia 2 quedou cun meritorio e merecido subcampionato. Despois da quenda de semifinais o resultado final foi:
1º posto: IES San Tomé de Vigo (4 semifinalistas + 1 finalista)
2º posto: IES Alexandre Bóveda de Vigo (4 semifinalistas)
3º posto: IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (3 semifinalistas)
En resumo, foi un día marabilloso no que 10 valentes do noso centro cantaron e improvisaron coplas na nosa lingua ante máis de 500 persoas, unha tarefa nada doada, e que souberon facer dunha maneira excepcional.
Parabéns para todo o alumnado participante e que medre a regueifa no IES Alexandre Bóveda!!