Campaña 21 días en galego
Estimadas familias, infomamos de que se vai celebrar a quinta edición da campaña “21 DÍAS EN GALEGO”, que imos iniciar o martes 1 de marzo.
Trátase dunha campaña de promoción do uso da nosa lingua organizada polo Concello de Moaña que se vai desenvolver entre o mércores 1 e o martes 21 de marzo, ambos os dous incluídos.
O motivo desta campaña deriva da falta de competencia oral e escrita que o profesorado está a constatar no noso alumnado por causa do dramático abandono do noso idioma que estamos a vivir.
Que vantaxes poderían obterse ao participar nesta campaña?
¤ Conseguir fluidez na súa expresión oral.
¤ Está demostrado cientificamente que as persoas que dominan máis linguas teñen máis facilidade para adquirir outros idiomas.
¤ A través do galego resulta doado o achegamento ao portugués, o que pode repercutir en beneficios laborais xa que o portugués é a sétima lingua máis falada do mundo.
¤ E, por suposto, como seres humanos preocupados pola cultura, reverter este abandono paulatino do noso idioma que podería levar ao seu esmorecemento. E, como pobo galego, non deixaremos morrer a nosa lingua, fomentarémola para que volva ter a vitalidade que noutros tempos tivo.
Sen máis, agradecemos de antemán a todas e todos os que vaian participar nesta campaña.