XIRAREI COS BOLECHAS
Hoxe queremos falarvos do proxecto XIRAREI COS BOLECHAS, para o cal o Concello de Moaña xuntou a dez músicas e músicos vinculados coa nosa vila para crear cinco temas ao redor do libro "Os Bolechas van a Moaña" de Pepe Carreiro (Ed. Bolanda, 2018). Podedes acceder aos temas no enderezo:
https://concellodemoana.org/turismo/xirarei-cos-bolechas/
Durante os 21 días da campaña na que estamos inmersos - 21 DÍAS EN GALEGO - iranse incorporando os correspondentes cinco vídeos, xunto cunha narración final de todo o libro na que aparecen os cinco temas. Todos os martes e xoves destas tres semanas iranse facendo públicos os vídeos correspondentes aos cinco temas musicais nos que aparecen persoas, lugares e momentos representativos do noso concello que servirán ás crianzas e ás súas familias para coñecer mellor a esencia de Moaña. O primeiro, con Magín Blanco, xa está accesible na canle de youtube:
O proxecto está coordinado por María Faltri e Jorge Juncal, parella musical veciña de Tirán, responsables tamén da creación dun dos temas e da gravación e produción de todos eles. Nel tamén participan outras importantes músicas e músicos vinculados con Moaña: Anxo Lorenzo, a asociación María Fumaça, Magín Blanco, Wöyza e a banda formada por Max Gómez, Juansi Santomé e Juanma Ons. Tamén colabora A Panda de Tirán.
Os videoclips de cada tema foron creados por Andrés Hermelo, responsable tamén do audiovisual narrado pola actriz Iria Pinheiro.