Skip to Content

Couso

Concurso fotográfico "Deporte en familia..." - Xaneiro e Febreiro 2017

09/01/2017 00:00
23/02/2017 13:00

O concurso fotográfico “Deporte en familia…” está aberto á participación das alumnas e alumnos matriculados no CRA María Zambrano de O Rosal, permitíndose a colaboración dalgún familiar ou adulto na realización desta fotografía.
Cada participante pode mandar ata dúas fotografías orixinais e inéditas, realizadas con técnica libre e aparecendo, en calquera caso, na fotografía.

Establécense tres categorías diferentes: á fotografía máis orixinal, á máis artística e á máis divertida.
O tema do concurso é a imaxe dunha alumna ou alumno deste CRA facendo algún tipo de deporte e acompañado por un ou máis familiares (pode ser tanto exterior coma interior).

O prazo de admisión de traballos comeza o 9 de xaneiro de 2017 e remata o 3 de febreiro de 2017. A decisión sobre as fotografías gañadoras ten como prazo máximo o 17 de febreiro de 2017. O anuncio público e entrega de premios é o día 23 de febreiro do 2017, como parte das actividades do día da Festa de Entroido do CRA María Zambrano.

Festa de Nadal - Decembro 2016

20/12/2016 09:00
20/12/2016 14:00

O último día de clase antes das vacacións de nadal facemos un día especial, unha festa!!!

Xogamos, preparamos unha merenda xenial que traen as familias, saímos ao patio... Pero o que máis agardamos é a chegada dos Reis Magos. Van pasando por cada colexio para visitarnos a todas as nenas e nenos do CRA. Alí, na clase, cando chegan saudámolos cunha canción e despois e entregámoslles as nosas cartas co que lles pedimos de agasallos. Como nos portamos moi ben regálannos lambetadas e deixan algúns agasallos en cada clase!!!

 

Carreira solidaria "Save the Children" - Decembro 2016

01/12/2016 09:00
16/12/2016 14:00

No CRA organizouse unha iniciativa solidaria en colaboración coa ONG “Save the Children”. Trátase de varias carreiras solidarias no propio colexio nas que participaron nenas e nenos, familias e mestras e mestres.

A verdade é que a iniciativa tivo unha gran acollida. Fomentouse nas nenas e nenos a realización de actividades físicas divertíndose e, ademais, colaboraron cunha iniciativa solidaria. Cada participante recibiu un dorsal co seu número e, ao rematar, un diploma agradecendo a participación e colaboración.

Gracias á xenerosidade de todas e todos deuse recaudado un total de 660 euros, que irán dirixidos a nenas e nenos que viven en Etiopía e carecen de subministros adecuados de auga, alimentos e materiais escolares.

Estupenda iniciativa e gran resposta. Gracias!!!

 

Obradoiro de percusión africana - Novembro 2016

21/11/2016 09:10
25/11/2016 14:10

Nas distintas escolas do CRA desenvolveuse un obradoiro de percusión de música africana. O obxectivo principal foi achegar a cultura africana ao noso alumnado a través da música e, por suposto, pasar un rato divertido. A actividade foi desprazándose en dúas mañás polas diferentes escolas para poder facerlles o obradoiro a todas as nenas e nenos do CRA.

No obradoiro as nenas e nenos tiveron a oportunidade de escoitar en directo diferentes ritmos africanos tocados con varios instrumentos de percusión. Tamén puideron usar eses instrumentos para practicar da maneira máis sinxela os ritmos que acababan de escoitar. Incluso puideron ver e participar de diferentes pasos de baile asociados á música que estaban escoitando.

En resumo: as nenas e nenos do CRA escoitaron e puideron ver en directo música tradicional africana, coñeceron de primeira man instrumentos doutra cultura, tocaron eses instrumentos, participaron na interpretación dos ritmos, bailaron e coñeceron persoas e parte da cultura de África. Unha actividade ben interesante!!!

 

Magosto - Novembro 2016

08/11/2016 09:00
08/11/2016 14:00

Como todo os anos, as diferentes escolas reuníronse para festexar o magosto. Xuntámonos en Fornelos e pasamos un día xenial. Comezamos o día facendo xogos en grupos de diferentes idades para fomentar a cooperación e a convivencia. Xogamos co paracaídas, fixemos carreiras de sacos, lanzamos aos comecastañas…


Despois dos xogos e coa axuda dalgunhas nais e pais, asamos unhas castañas e comimos diferentes postres e comidas típicas destas datas feitos polos pais e nais… Puxémonos as botas!!!

 

Samaín - Outubro 2016

28/10/2016 09:00
28/10/2016 14:00

As nenas e nenos do CRA celebramos, cadaquén na súa escola, a festa do Samaín vindo disfrazados a clase e as mestras e mestres tamén!!!

Fixemos xogos e obradoiros de medo e preparamos entre todas e todos unha merenda terrorífica: arañas, dedos sanguentos, sangue de bruxa, terra con gusanos...


Unha merenda de medooooo!!!!!

 

Día das Bibliotecas - Outubro 2016

25/10/2016 09:00
25/10/2016 14:00

Todas as nenas e nenos do CRA, de infantil e de primaria, celebramos este día visitando a Biblioteca Municipal do Rosal. Alí desfrutamos dunha sesión de contacontos a cargo de Manuel Solla.

Estivo xenial!

 

Revista "O Bufo Fich nº7" - Xuño 2016

28/06/2016 09:00
28/06/2016 14:00

Agora que xa rematamos este curso un ano máis aquí temos a nosa revista do Bufo Fich, a sétima edición xa. Nela amosamos todo o que fixemos ao longo destes meses de curso. Participamos en moitas actividades e traballamos un montón! Velaquí poderedes ver algúns deses momentos!

Preme aquí para descargala en formato "pdf".

Moi bo verán a todas e todos!!!

 

Festa fin de curso - Xuño 2016

22/06/2016 09:00
22/06/2016 14:00

Fomos chegando arredor das 10. Ás 10 e cuarto comezaron a súa actuación dúas magas, Leo e Cris. Sacaron un roedor dun papel que ardía, fixeron que un cabalo branco pintado nunha tea se convertira en negro, que unha nena sacara auga do seu cóbado… e moitos trucos máis. Sacaron a Valeria e Martín.

 

Despois xuntámonos por escolas e xogamos ao circuíto, no que había que reptar, correr, saltar, andar ás voltas e coller un globo e metelo nun contedor. Tamén xogamos ao paracaídas, ao pano, a xogos de auga, por relevos, nos que había que enchoupar unha esponxa e baleirala nunha botella. Ata xogamos a xogos de balón montamos nos inchables.

 

Cando rematamos comemos o que trouxeron as familias e fomos marchando, logo de despedirnos.

Ata o próximo curso!!!

 

Obra de teatro "O bigote de Mimí" - Maio 2016

19/05/2016 09:00
19/05/2016 14:00

Imos todo o CRA, en dúas sesión, ao Polivalente do Concello do Rosal para ver a representación da obra de teatro de Manuel María “O bigote de Mimí” que fai o grupo Lucecús.

Ás 10 da mañá foron as escolas de Couso, Tabagón e Fornelos, e ás 11h foron Novás, Marzán e Pías.

Na representación participaron varias alumnas e alumnos do CRA. Isto sucedeu coa escena na que o neno Fiz ve como ao seu pai o afeita Manuel de Paderna, o barbeiro. Logo representaron o momento no que Fiz decide afeitar ao gato Mimí, imitando así ao barbeiro.

Cando rematou a representación as nenas e nenos dalgunhas escolas volveron ás súas localidades e outros agrupáronse na localidade de Couso.

Esta actuación foi unha maneira de conmemorar o día das Letras Galegas, xa que este ano foi adicado ao autor Manuel María.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut