II torneo de bádminton

Dep. Ed. Física

O alumnado da ESO participou en gran número no II Torneo de Badminton do noso centro escolar, realizado nos períodos de lecer do alumnado co fin de darlles a oportunidade de realizar actividade física dun deporte que xa está moi asentado no noso centro

No día de hoxe disputáronse as finais resultantes da liga que se realizou durante todo este trimestre

Os gañadores das distintas categorías foron os seguintes:

Seguridade viaria

Ed. Primaria

O alumnado de educación primaria asistiu durante toda a mañá do 21 de marzo a unha actividade de educación viaria dirixida por membros da Dirección Xeral de Tráfico, que lles ensinou ao noso alumnado os conceptos básicos sobre os aspectos da circulación viaria e as sinais básicas que deben coñecer tanto como peóns como futuros condutores de calquer tipo de vehículo

Os nenos e nenas do noso centro puideron levar a cabo un pequeno circuíto elaborado na pista cuberta do noso centro, onde a través de dúas bicicletas e un triciclo puideron ver de primeira man o funcionamento das regras de tráfico. Tamén complementaron dita formación co visionado dun coche da patrulla de tráfico e do seu funcionamento.

Día da Felicidade

Antolín Martínez

Un día para estar feliz! A felicidade debe converterse nunha meta para o ser humano, o benestar non será pleno se non somos felices. Hoxe é un bo día para ser feliz.

Proxección da película "Julia"

EDLG

O pasado martes 19 de marzo, o noso centro tivo a oportunidade de facer a proxección da película Julia, do director chairego Jacobo Lagüela,  que tanto recoñecemento do público e da crítica tivo e ten no mundo cinematográfico. A esta proxección acudiu todo o alumnado da ESO que tivo ocasión de desfrutar da emisión dun filme moi enraizado coa cultura popular galega.

O filme relata o día a día no rural galego de Julia, protagonista absoluta desta película. A través dos ollos desta muller, que hoxe ten 89 anos, o director fai unha denuncia do abandono e da extinción do rural, mentres a protagonista loita por poder salvar as súas raíces. Dende o centro agradecemos unha vez máis a colaboración do Concello de Friol nas facilidades para poder visionar esta película de gran valor educativo e etnográfico.

Sesión de boxeo

Dep. Ed. Física

Dous adestradores do Club Boxing Cidade de Lugo estiveron presentes no noso centro para desenrolar unha sesión de iniciación ao deporte do boxeo co alumnado de 5º e 6º de educación primaria, así como ao de 4º da ESO.

Nesta sesión, incluída dentro da programación do proxecto deportivo de centro, o alumnado tivo unha breve introdución teórica sobre a historia e a evolución dun deporte que é un dos máis antigos do calendario olímpico e que incluso estivo presente nos primeiros Xogos da Grecia clásica.

Posteriormente, xa no pavillón, tiveron a ocasión de coñecer os movementos básicos deste deporte de contacto, tanto do tren inferior como do superior para ir mecanizando ditos movementos. A actividade foi de grande interese para o noso alumnado e é unha oportunidade máis para coñecer o amplo abano de deportes que configura o programa olímpico.

Charla sobre educación tributaria

5º-6º Primaria

O alumnado de 5º e 6º de educación primaria asistiu este luns 18 de marzo a unha charla sobre educación cívico-tributaria, impartida por Susana Casal, delegada territorial de ATRIGA en Lugo. O Programa de Educación Cívico-Tributaria ten por obxecto fomentar a conciencia fiscal entre a cidadanía máis nova e transmitir valores e actitudes favorables á responsabilidade fiscal

Nesta charla tamén se lles amosou un vídeo ao alumnado onde se lles explicaba cunha linguaxe axeitada a súa idade que son os impostos e para que serven, é dicir,  o valor educativo e cívico que vai parello aos valores que se ensinan en calquera centro educativo e que é de vital importancia que coñezan os nosos nenos e nenas.

Proba clasificatoria de bádminton

Ed. Física

O pasado venres 15 de marzo tivo lugar a terceira proba clasificatoria para o Campionato Provincial de Bádminton e, como xa é habitual, contou cunha nutrida representación do noso alumnado da ESO, que fixo un grande papel neste evento, que ademais tivo un carácter de proba final e na premiación dos mellores tivo unha gran presencia dos nosos nenos e nenas, conquerindo un total de cinco pódiums.

Así na categoría infantil masculino, gran dominio dos nosos representantes, xa que a final a disputaron Yerai Fontela e Lucas Roca, que tivo moita emoción e se resolveu a favor do primeiro cunha escasa diferencia dun punto. Martín Díaz ocupaba a terceira posición da mesma categoría.

Pola súa parte, na proba cadete, Marcos Varela disputaba a final e alzábase co subcampionato da zona sur, mentres que Samuel Villar gañaba a final de consolación a Xan Ceide e, polo tanto, acadaba o tercer chanzo do pódium.

Unha vez feito o reconto de todas as zonas da provincia, comunicarásenos o número de deportistas clasificados para o Campionato Provincial, coa esperanza de que sexan os máximos posibles.

Visita á sede de SOGAMA en Cerceda

Ed. Primaria

No día de hoxe o alumnado de 4°, 5° e 6° de primaria visitaron a sede de SOGAMA en Cerceda, sociedade encargada da xestión e tratamento da meirande parte de residuos xerados no territorio galego. Alí, ademais de recibir unha charla explicativa sobre os diferentes colectores e uso dos mesmos, adentráronse no funcionamento da propia empresa a través dun vídeo inmersivo en 3D, co cal visualizáronse as distintas fases de reciclaxe. Tamén afianzaron o aprendido separando lixo en videoxogos e percorremos as súas instalacións en bus en compaña da nosa guía. Desta forma concienciámonos sobre a importancia das boas prácticas en reducción, separación e depósito de residuos en prol do coidado do medioambiente.

Asistencia á obra de teatro "Hugo"

Ed. Primaria

O alumnado de 3º e 4º de educación primaria asistiu ao Auditorio Gustavo Freire de Lugo a representación da obra de teatro Hugo, que se enmarca dentro da programación de Abanca ofertada aos centros educativos.

Gañadora do Premio María Casares ao Mellor espectáculo para o público infantil e familiar no ano 2022, “Hugo” conta a historia dun neno que é diferente. Gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo cada día. A Laia gústalle falar e gústanlle as plantas. Hugo ten TEA.

Esta é, polo tanto, unha peza teatral que aborda o tema do trastorno autista na infancia, chea de sensibilidade e empatía, que fala da diversidade, da convivencia e da beleza de sermos diferentes.

Completouse a visita cunha sesión lúdica no parque da Milagrosa, aproveitando o bo tempo que fixo neste día.

Charla sobre especies invasoras

Mestres Gandeiros

O alumnado de 5º e 6º de educación primaria asistiu o pasado mércores 13 de marzo a unha charla sobre especies invasoras a través da asociación Galicia Ambiental, na procura dunha maior concienciación do perigo que supón para a flora autóctona a proliferación das especies invasoras

Trátase do perigro de uso destas especies invasoras en determinados eventos, coñecendo ben a súa facilidade expansiva e como freala. A cada alumno e alumna entregóuselle un exemplar de Os Bolechas con esa temática.

Distribuir contido