Presentación e historia
Os comezos do C.I.F.P. Coroso teñen a súa orixe na antiga escola de Formación Profesional de Ribeira, que botou a funcionar no curso académico 1975-76 na planta alta do antigo edificio do Mercado Municipal, edificio este que compartía usos con diversas oficinas municipais e cos postos de venda do mercado.
A escola comezou a funcionar grazas a unha iniciativa de varias persoas implicadas nesta tarefa, das que compre destacar Tacho (José Alfonso Lijó, profesor e xefe do Dpto. de electricidade), Ventoso (José Antonio Ventoso Mariño, exdirector do I.E.S. Coroso), Manolo (Manuel Pérez García, especialista en máquinas e aviación), os cales viron a necesidade de traer este tipo de ensino ata Ribeira, cidade esta, cabeceira dunha comarca que necesitaba formar a unha cada vez maior cantidade de alumnado que necesitaba desta formación como preparación para o seu futuro profesional.
Esta escola de Formación Profesional, era unha Sección Delegada do Instituto Politécnico de Santiago, e nela impartíanse as ramas de Electricidade e máis Ponte e Cuberta de Pesca e Mercante, a unha totalidade de 22 alumnos. No curso 1979-80 tamén se logrou impartir a rama de Administrativo sendo xa daquela un total de 192 alumnos/as.
É no curso académico 1980-81 cando as aulas desta escola se trasladan ás que daquela eran as novas dependencias da Escola de Formación Profesional do Instituto Social de la Marina, na Avda. da Coruña, parte importante deste Centro a día de hoxe. O alumnado íase incrementando paseniñamente ata acadar os 303 alumnos/as daquela.
Documentos históricos do CIFP Coroso. Prema para ampliar.
No curso académico 1981-82 crease o Instituto de Formación Profesional, deixando de ser unha Sección Delegada do Politécnico de Santiago, para pasar a ser xa un Instituto de seu, e asemade implantase o Segundo Grao da F.P. As familias profesionais daquela eran Electricidade, Administrativo, Marítimo Pesqueira (Máquinas), Marítimo Pesqueira (Ponte), e máis Automoción. O número total de alumnos matriculados era de 366.
No curso 1986-87 inaugúrase o edificio principal que a día de hoxe alberga o noso Centro Integrado de F.P. Asemade tamén se fai o cambio do primeiro Director, que pasa a ser D. Xosé Alberte Lorenzo substituíndo a Dna. Pilar Otero, a que fora a primeira Directora desta escola durante os seus primeiros anos de existencia.
O curso 1992-93 trae a novidade de que se comeza a impartir neste Centro o a E.S.O., co cal o alumnado chega acadar as 931 matrículas. O curso seguinte 1993-94, o alumnado das ramas Marítimo Pesqueira abandonan estas instalacións para trasladárense ó novo edificio da Escola Oficial Náutico Pesqueira, veciño do noso Centro, ao pé da praia de Coroso.
É no curso 1995-96 cando o alumnado da rama de Administrativo ó completo abandona tamén estas instalacións para seren trasladados ó novo edificio do Instituto Leliadoura, situado no lugar de Frións (Carreira-Ribeira). D. Xosé Alberte Lorenzo vaise de Director para este novo Instituto e ocupa o seu lugar D. Eduardo García Mosconi.
No curso académico 2011-12 , o Instituto de Formación Profesional de Ribeira, pasa a converterse no Centro Integrado de Formación Profesional Coroso, sendo un máis dos 20 Centros da rede galega de F.P. dependentes da Consellería de Educación.
Na actualidade o C.I.F.P. Coroso, ademais da oferta ordinaria dos ciclos formativos de formación profesional das 4 familias profesionais (electricidade e electrónica, transporte e mantemento de vehículos, instalación e mantemento, e industrias alimentarias), que representan en gran medida a actividade empresarial da zona, está a ofertar ensinanzas na modalidade de adultos e F.P. Dual destas familias profesionais, e máis de Edificación e Obra Civil, que dan resposta a unha formación continua de traballadores que compatibilizan os estudos coa súa ocupación laboral. Ademais o centro é o referente desta comarca na acreditación e recoñecemento das competencias profesionais a traveso da experiencia laboral, así como de accións de formación para o desemprego realizando cursos que permiten a actualización e formación de persoas que as habilitan para a súa reincorporación ó mercado laboral.
Co paso dos anos, o Centro Integrado de Formación Profesional, ven a ser un referente a nivel comarcal, na formación e acreditación de máis de 7.500 alumnos/as, quen apostaron por este tipo de ensino para poder formarse de cara a un futuro profesional e tamén para dar resposta á demanda do tecido empresarial da bisbarra, que por necesidades competitivas, tecnolóxicas e de innovación, esixe perfís profesionais cun alto nivel de cualificación.