Erasmus +
INFORMACIÓN FAMILIAS
admin — Ven, 08/11/2024 - 12:56
Estimadas Familias:
Como xa vos comentamos na reunión de principios de curso, o Centro CEIP A Xunqueira nº2 inicia, con moita ilusión, o proxecto Erasmus+ “DIXITALIZANDO A NOSA ESCOLA” financiado con fondos da Unión Europea.
O proxecto implica ao noso Colexio e outras escolas de países Europeos. No noso caso trátase da escola ICS Ignazio Buttitta en Bagheria (Sicilia), Italia, coa que traballaremos durante todo o curso escolar 2024-25.
O principal obxectivo do proxecto é aumentar a conciencia do alumnado sobre as diferenzas persoais e desenvolver actitudes de tolerancia e respecto cara aos demais.
Tamén traballaremos o que son outros dos obxectivos do noso proxecto: Competencia Dixital, Inclusión e Sostenibilidade.
Dentro das actividades comúns temos programadas, a finais do mes de marzo, a vista de alumnado do centro de ICS Ignazio Buttitta ao noso centro, e no mes de maio alumnado do noso centro trasladaríase a Buttitta.
Esta actividade necesita tempo para organizarse polo que necesitariamos saber que familias estarían dispostas a participar para levar a cabo o noso proxecto. Cremos que a vivencia en familias e a inmersión real na vida cotiá, tanto do noso alumnado nos países de acollida, como na recepción doutros alumnado europeo nos nosos fogares, mellora e perfecciona o coñecemento dos idiomas costumes e culturas, que doutra forma sería moi complicado conseguir.
Con esta carta, dirixímonos a Vostedes para pedirlles a súa colaboración na acollida deste alumnado. A petición consiste en acoller a algún destes estudantes europeos durante unha semana. Nestes días os seus fillos/as participarán no grupo de traballo de Erasmus+, traballarán nos temas do Proxecto nalgunhas horas lectivas, e realizarán as actividades que organizaremos no Colexio.
A acollida significa sinxelamente para vostedes a hospedaxe e comida durante eses días dun deses/as alumnos/as.
Participando no Erasmus+ os seus fillos/as poderán achegar as súas ideas sobre os temas do Proxecto, e colaborarán na elaboración do documento final, participando á súa vez nas actividades extraescolares que se leven a cabo neses días.
Compartir e convivir uns días cun/unha alumno/a de outro país, falar inglés e coñecer outros costumes e culturas. Cremos que é unha oportunidade única para unha mellor comprensión de Europa tanto para os seus fillos/as como para as súas familias.
Animámosvos a participar nesta experiencia.
A data límite de inscrición será o 13 de novembro de 2024.
Ao longo do ano teremos reunións para informarlles de todos os detalles relacionados coa acollida. Moitas grazas, de antemán.
Un saúdo cordial
Pontevedra ao 6 de Novembro de 2024
O Equipo Erasmus +
______________________________________________________________________
Familia do alumno/a________________________________________, gustaríame participar no proxecto do Centro Erasmus+ no intercambio bilateral de centros, acollendo na miña casa a un alumno/a de o Centro ICS Ignazio Buttitta de Sicilia e indo o meu fillo/filla en acollida a unha familia dun alumno/a de ICS Ignazio Buttitta Bagheria
(Sicilia)
Pontevedra a……..de Novembro de 2024
Fdo pai/nai/titor/titora legal
DOCUMENTO ANEXO