APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS LECTORES
Desde fai varios anos, para conmemorar o Día do Libro realizamos unha das actividades preferidas do noso alumnado: os apadriñamentos e amadriñamentos lectores.
Comezaba a ronda na biblioteca, onde Germán e Candela contaban o libro A pantasma colorida de Gema García (Hércules Ediciones) cuns títeres elaborados por eles mesmos.
No corredor principal Carlota e Martín esperaban para contar o libro Tarde de sapo de Maite Mutuberria (Ed. Kalandraka).
Continuamos no patio de colexio. Alí estaban Daniela, Pablo e Lara que compartiron con nós o libro Lobo só quería cantar de Pilar Serrano (Ed. Triqueta).
Seguimos o percorrido e chegamos á sombra dun castiñeiro do patio onde Itzae, Ada e Nayara dramatizaron o relato O labrego e o rei do libro Tres contos para crianzas de Vicente Risco (Aira Editorial)
O percorrido remataba con Antía e Javier que contaron o libro en verso A bruxa divertida de Ricardo Alcántara (Ed. Kalandraka)
Podedes ver todas as imaxes desta actividade na
MOITAS GRAZAS AOS BIBLIOAXUDANTES POR ESTAS LECTURAS!!
FELIZ DÍA DO LIBRO!!
CLUB DE LECTURA (12 / 2023 - 2024)
Hoxe rematamos a lectura do cómic Policán de Dav Pilkey
Da lectura que tiñamos marcada para hoxe, destacamos a mensaxe do capítulo 3 (Nadie se libra de Policán) onde o malvado Perico decátase de que Policán é moi intelixente porque le moitos libros así que decide utilizar o Anti-palabro 2000 un invento que borra todas as palabras dos libros para conseguir que a xente se volva tonta ao deixar de ler.
De feito, a única forma de recuperar a intelixencia era facerse co Anti-palabro 2000, revertir os seus efectos e volver a ler.
A ver si resulta que ler nos fai máis intelixentes e críticos...
Como resumo podemos dicir que a lectura deste libro remata cunha gran valoración polos membros do club xa que lles resultou moi divertido e foi un libro de lectura sinxela (case para primeiros lectores); aínda así nunha lectura menos superficial puidemos descubrir detalles que pasarían desapercibidos nun primeiro momento como por exemplo a carta da mestra R. Presora aos pais dos autores e a folla de Reforma condutual.
E xa sabedes...
CIENCIA Á FEIRA (12-04-2024)
Hoxe tivemos no colexio a actividade "Ciencia á Feira" impulsada polo grupo de innnovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC.
Esperamos que o noso alumnado aproveitara ben esta sesión e lembre no futuro todo o aprendido hoxe.
DÍA MUNDIAL DA SAÚDE 2024
O 7 de abril foi declarado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como o Día Mundial da Saúde Con este día preténdese destacar a saúde como un dereito básico e universal e fomentar o acceso á atención sanitaria de calidade en todas as rexións do mundo, especialmente na poboación con escasos recursos. Tamén a Axenda 2030 propón Saúde e Benestar como un dos seus obxectivos.
Para sumarnos a esta conmemoración organizamos no centro un circuíto formado por cinco actividades cada unha dedicada a un aspecto da nosa saúde e repartimos ao alumnado do centro en 5 grupos internivel que tiñan que ir superando cada unha das actividades para acadar o premio final.
1) SAÚDE MENTAL: pareceunos necesario dedicar unha actividade a incidir na importancia das emocións e de recoñecer como nos sentimos en cada momento así como sabelo expresar. Por iso na biblioteca o alumnado tratou de definir e representar sensacións e emocións como ledicia, sorpresa, enfado, ira...
2) ACTIVIDADE FÍSICA: destacamos a importancia de ter unha vida activa (pasear, xogar, practicar algún deporte...) e para poñelo en práctica sogamos ao xogo do rebaño no que o alumnado non pode deixar de moverse mentres realiza as diferentes accións propostas polas docentes.
3) COIDADO PERSONAL: centrámonos en recordarlle ao alumnado a importancia da hixiene personal (duchas, mans, dentes, unllas...) porque unha boa hixiene pode facernos menos propensos as enfermidades e a falta de hixiene pode provocar algunas delas como a caries se non coidamos os nosos dentes.
4) ALIMENTACIÓN EQUILIBRADA: a alimentación é a forma de proporcionarlle ao noso corpo a enerxía necesaria para realizar as actividades da nosa vida. Nesta actividade coñecemos os alimentos e o que nos aportan (proteínas, hidratos de carbono, azúcares e graxas). Ademais tamén elaboramos diferentes opcións de menús saudables.
5) HÁBITOS SAUDABLES: nesta actividade traballamos o conxunto das demais actividades falando sobre a importancia de manter un estilo de vida saudable: facer deporte, alimentarse ben, coidar a hixiene personal... e definimos conceptos antónimos como sobrepeso, pereza, inactividade...
Para rematar, o premio foi unha riquísima macedonia de froitas que comemos todos xuntos.
CLUB DE LECTURA (11 / 2023 - 2024)
No club de lectura seguimos coa lectura do cómic Policán de Dav Pilkey que foi o libro máis vendido no mundo en 2021. Para esta sesión tiñamos que ler os dous primeiros capítulos e a conclusión xeral é que lles encantou.
Comezaron Itzae e Germán facéndonos un resumo do Capítulo 1: Nace un superhéroe, destacaron as viñetas que máis lle gustaran que foron sobre todo as que tiñan xogos de palabras divertidas e como a historia se ía entrelazando con detalles que non parecían importantes pero que ao final si que o eran; por exemplo, cando a aspiradora traga unha táboa de surf na praia e varias viñetas despois esa táboa é a que utiliza Policán para salvarse.
A continuación pasamos ao Capítulo 2: Robo-jefe. Neste capítulo tamén lles chamaron a atención os xogos de palabras como os nomes dos negocios ilegais o que nos deu para falar de diferentes tipos de fraudes: Estafas"R"Us, Imprenta de Billetes Falsos, Ganzúas Pérez... Que é un ladrón de "guante branco"?
Tamén nos fixamos no poder das ilustracións xa que había páxinas nas que non había ningún bocadillo e só coas ilustracións podiamos saber o que estaba pasando.
Xa estamos desexando chegar á seguinte sesión para rematar o libro!!
RECIBINDO Á PRIMAVERA (3/4/2024)
DÍA DO LIBRO INFANTIL 2024
O 2 de abril conmemórase o Día do Libro Infantil xa que é a data de nacemento de Hans Christian Andersen, autor de contos infantís coñecidos en todo o mundo como A Sereíña, O parrulo feo, O soldadiño de Chumbo...
Cada ano o IBBY (International board on books for young people) selecciona un escritor representativo e un ilustrador para que elaboren o cartel e a mensaxe dirixida a todos os nenos e nenas do mundo. Este ano a sección encargada foi Xapón e desde alí a escritora Eiko Kadono e a ilustradora Nana Furiva escolleron o lema "Navega polos mares coas alas da túa imaxinación".
Daniela e Itzae foron os biblioaxudantes encargados de transmitir esta mensaxe na biblioteca e de gravala en Radiuvín para que todos poidades coñecela.
Despois quixemos que o noso alumnado tamén navegara coas alas da súa imaxinación e por iso lles demos uns libros alados aos que lle tiñan que por título segundo a historia que quixeran contar e ilustrar a portada en consonancia.
Para rematar fixemos un mural cos libros alados ilustrados arredor do cartel oficial deste ano.
CONCURSO DE CARTEIS PARA O 50 ANIVERSARIO DO COLE
Este ano o cole cumple 50 anos e para conmemoralo faremos varias actividades.
De momento comezamos por este concurso de carteis no que pode participar todo o alumnado do cole.
A técnica é totalmente libre, o único obrigatorio é que faga referencia a esta conmemoración e que sexa tamaño folio (pode ser vertical ou horizontal)
O prazo de entrega de orixinais remata o día 5 de abril.
ANÍMATE A PARTICIPAR!!
SERÁ O TEU O CARTEL GAÑADOR??
DÍA DA ÁRBORE - VISITA AO VIVERO OS TROLLOS - BÓVEDA (22/03/2024)
Dende o GDR Ribeira Sacra-Courel propuxéronnos conmemorar o día da árbore 2024 no viveiro de Os Trollos no concello de Bóveda nunha actividade medioambiental conxunta na que nos reunimos escolares de infantil e primaria de diferentes centros de educación do territorio do GDR.
Á chegada, estábanos esparando un axente forestal que nos fixo entrega dunhas camisetas conmemorativas. Despois repartímonos en 3 grupos e fomos realizando as diferentes actividades previstas:
- TALLER DE SEMENTES: neste taller cada participante fixo unha maceta coa semente dun castiñeiro na que pegou o seu nome. Estas macetas quedarán no viveiro coa idea de que o vindeiro ano volvamos para recollelas e prantalas alí ou no noso cole.
- PLANTACIÓN DE ÁRBORES: despois dun paseo polo viveiro chegamos á zona de prantación de árbores onde cada grupo, acompoñado polo axente forestal correspondente, plantou unha árbore.
- TALLERES DE BIODIVERSIDADE: neste taller creamos un HOTEL DE INSECTOS cunha caixa de madeira a que engadimos palla, cartón, pauciños, piñas... para crear diferentes espacios para as diferentes especies de insectos pois aínda que a algunhas persoas estes animaliños non lles gustan moito, cumplen funcións moi importantes como a polinización.
Pero non todo foi traballar xa que a media mañá ofrecéronnos un picnic co que recuperamos forzas para realizar todas as actividades programadas. Neste momento aproveitamos para facernos fotos de grupo e coas autoridades presentes como a nosa veciña Raquel Arias.
Para rematar entregaronlle a cada participante un kit para o montaxe dunha caixa nido/comedeiro de paxaros e unha medalla de madeira que puideron personalizar.
MOITAS GRAZAS AO GDR RIBEIRA SACRA - COUREL POLA ORGANIZACIÓN DESTA XORNADA QUE INCLUÍU TAMÉN O TRANSPORTE.
ESPERAMOS VOLVER O ANO QUE VÉN PARA PLANTAR AS NOSAS ÁRBORES!!
SOBERICIAS. O XORNAL QUE CONTA AS MELLORES NOTICIAS (ou non...) - Marzo 2024
Por segundo ano, durante o mes de marzo (especialmente na semana da prensa), no centro desenvolvemos unha situación de aprendizaxe baseada nos medios de comunicación que ten como resultado o segundo número deSobericias, o xornal que conta as mellores noticias (ou non...) no que poderedes ler noticiais reais pero tamén outras que non o son tanto (as chamadas fake news).
Quixemos editar un novo número deste xornal porque seguimos pensando que a desinformación (noticias falsas, información sesgada, manipulación de titulares...) é un problema ao que o noso alumnado se deberá enfrontar pois, por desgraza, non todas as noticias que se publican son fiables.
Deste xeito as crianzas poden entender a problemática actual das diferentes informacións falsas que se poden atopar en medios impresos, televisión, radio ou publicacións en rede (onde ademais poden acabar viralizándose) e comprobar de primeira man o doado que é xerar este tipo de noticias.
Por todo isto, parécenos fundamental seguir compartindo co alumnado experiencias que inclúan a análise dos medios de comunicación que forman ou formarán parte da súa vida cotiá.
Esperamos que saibades apreciar todo o traballo desenvolvido polo alumnado. Nós como docentes, estamos moi orgullosas deles.
XORNAL MARZO 2024 de biblioteca.virxedocarme
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- …
- seguinte ›
- última »