CLUB DE LECTURA (16/ 2023 - 2024)
A última sesión do club de lectura deste ano, xirou en torno ao libro 12 poemas de Federico García Lorca publicado pola Ed. Kalandraka e ilustrado por Gabriel Pacheco.
Esta é unha selección de poemas realizada por Antonio Rubio y Manuela Rodríguez que ten a finalidade de achegar a poesía de Lorca ao público infantil a través de recursos como as repeticións, rimas ou retrousos, quizais por esta razón o libro tivo moito éxito entre os membros do club que normalmente se achegan a poesía con poucas ganas xa que foi un libro que lles gustou moito.
Ademais, aínda que nun primeiro momento os poemas parecen sinxelos, a realidade é que non o son tanto e iso levounos a debatir o significado dalgúns deles desde puntos de vista moi diferentes o que fixo que esta sesión fora moi dinámica e participativa.
Tamén resultaron moi interesantes as ilustracións que acompañan aos poemas xa que cada un deles leva unha ilustración dunha páxina completa que nos levou a intensificar o debate pois non saberiamos dicir se nos serviron como aclaración ou para ampliar a diversidade de puntos de vista dos membros do club.
Nas últimas páxinas do libro inclúese unha pequena biografía e un epílogo do ilustrador que nos serviron para achegarnos a figura deste autor tan importante do século XX.
Sen dúbida este foi un fermoso libro para rematar as lecturas deste curso!
AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Edhai (14/06/2024)
Para rematar a actividade As familias contan deste curso, contamos cunha familia que era a primeira vez que viña a contar: Loli e Paula, nai e irmá de Edhai. Foi unha actividade con sorpresa xa que recibimos a Paula con moita ledicia xa que non fai moito aínda que era alumna do noso centro.
Elas viñeron a lernos o libro Palabras con corazón escrito por Kate Jane Neal da Editorial Cubilete.
Con este libro aprendemos que hai palabras que fan chorar e outras que fan rir; palabras para cousas grandes ou para cousas moi pequenas; tamén hai palabras silenciosas e outras que fan ruído...
As palabras teñen moito poder! E as palabras que lle dedicamos a outras persoas poden axudalas ou servirlles de ánimo así que o mundo pode ser un lugar mellor grazas as palabras que decidimos dicir.
A partir de agora, pensade ben as palabras que dicides para facer ver se entre todos podemos chegar a facer do mundo ese lugar mellor.
Podedes escoitar este libro no seguinte podcast que nos deixaron gravado en Radiuvín.
MOITÍSIMAS GRAZAS ÁS DÚAS POR VIR A COMPARTIR ESTE LIBRO CON NÓS!!
PREMIO VOLUNTARIO DE LECTURA - A
Desde hai varios cursos, o alumnado de 5º e 6º de Primaria participa no programa Bibliotecas Escolares Solidarias na modalidade Voluntariado na biblioteca escolar en dúas categorías: Categoría A: Colaboración coa biblioteca escolar e Categoría B: Ler con... D.
Este ano tivemos un gran equipo de biblioaxudantes e o seu traballo fixo que sexamos un dos 10 centros seleccionados de Galicia que recibirá un obradoiro como premio!
A Categoría A: colaboración coa biblioteca, fai que sexan máis responsables xa que teñen que cumprir as súas quendas e “facer cumprir” as normas da biblioteca e solidarios xa que implica a renuncia dalgúns dos seus tempos de lecer en favor dos compañeiros; sobre todo, no referido á axuda que prestan os/as biblioaxudantes aos máis pequenos en canto á organización da biblioteca, ao uso de medios tecnolóxicos, ao uso dos escornabots, á mediación se xurde algún tipo de conflito...
O desenvolvemento da Categoría B: Ler con... D, axúdalles tamén a ser máis responsables xa que se comprometen a realizar unha tarefa de lectura que leva implícita preparación fóra do tempo escolar adicando parte do seu tempo de lecer e tempo extraescolar de xeito voluntario e isto tamén os fai máis empáticos e mellora as relacións internivel do alumnado.
DÍA DO MEDIO AMBIENTE (5/06/2024)
A Asamblea Xeral das Nacións Unidas proclamou en 1972 o 5 de Xuño como Día Mundial do Medio Ambiente coa finalidade de sensibilizar á poboación mundial sobre a importancia de coidar a natureza, de respectar os ecosistemas e de fomentar o respecto ao medio ambiente; obxectivos que tamén forman parte de Axenda 2030.
No colexio quixemos sumarnos a conmemoración deste día e para iso nas clases de Plástica o alumnado fixo un mural sobre este día que colgamos no corredor. Despois os biblioaxudantes prepararon a lectura do libro Rescate Planeta de Patrick George.
Coa lectura deste libro Lara, Nayara e Ada, compartiron pequenas accións que todos podemos levar a cabo para que o noso mundo sexa máis verde.
Que tal se usamos menos os coches particulares e imos en transporte público ou bicicleta?
Non podemos esquecernos de recoller sempre o lixo e non tiralo ao campo nin ao mar.
Non encender as luces se non é necesario, reutilizar obxectos que poidan ter unha segunda vida, separar reseiduos, reciclar o plástico, plantar unha árbore...
ESPERAMOS QUE ESTA LECTURA NOS AXUDE A CONCIENCIARNOS UN POUCO MÁIS SOBRE O NECESARIO COIDADO DO MEDIO AMBIENTE!!
MAQUETAS 50 ANIVERSARIO (04/06/2024)
Con motivo do 50 aniversario do colexio, convocouse un certame de maquetas do noso centro para o alumnado de Primaria. Neste certame a realidade superou ás expectativas tanto por participación como pola calidade das maquetas que os alumnos e alumnas presentaron así que decidimos recoñecer o esforzo de todos os participantes cun agasallo que consistía en material escolar para que poidan seguir desenvolvendo o seu talento artístico.
Nas seguintes imaxes podedes ver ás crianzas que participaron coas súas maquetas; pero non vos preocupedes se non as vedes ben nas fotos porque o día da comida estarán expostas no pavillón do colexio para que todos disfrutedes destas preciosas maquetas!
AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Estrela e Noé (31/05/2024)
Hoxe recibimos no colexio a Paula, a nai dos nosos compañeiros Estrela e Noé, e aínda que Paula e Estrela xa saben o que é ler na biblioteca, para Noé era a primeira vez.
Eles decidiron compartir con nós o libro Feliz Feroz. O lobiño riquiño de El Hematocrítico.
Nesta historia coñecemos á irmá de Lobo Feroz que está moi preocupada porque o seu fillo non é un lobo feroz senón que é boísimo.
Como ela xa non sabe que facer, pídelle axuda ao seu irmán o Lobo Feroz quen lle di que llo leve uns días para a súa casa, que alí el se sencargará de ensinarlle a ser un lobo que meta moito medo.
Durante esta visita Lobo Feroz intenta ensinarlle a Lobiño cousas de lobos: cazar coellos, asustar a Carapuchiña, comer aos tres porquiños, atrapar aos sete cabritiños...
Pero non hai maneira! Lobiño só sabe xer amable!! En vez de cazar aos coellos, failles unha ensalada; no canto de comer a Carapuchiña e á súa avoa, faise amigo delas... este Lobiño é un desastre!
DESPEDIDA NISVAN (31/05/2024)
Hoxe despedimos ao noso auxiliar de conversa en inglés Nisvan, que estivo con nós durante todo este curso.
Para que o alumnado puidese practicar o seu inglés el participou nas clases de lingua extranxeira apoiando á teacher en Primaria pero tamén en Educación Infantil e noutras materias como Educación Física.
THANK YOU VERY MUCH, NISVAN!!
VISITA DO ALUMNADO DE 6º DE PRIMARIA AO IES A PINGUELA (27/05/2024)
O alumnado de 6º de primaria do colexio estivo hoxe de visita no IES A Pinguela que será o seu seguinte centro educativo. Alí coñeceron tamén aos alumnos e alumnas de 6º do CEIP Monte Baliño de Pantón que serán os seus compañeiro en 1º da ESO.
Durante esta visita coñeceron as aulas e outras instalacións do instituto: planetario, xardíns, patio...
Ademais realizaron un obradoiro de elaboración de xabóns naturais.
Esperamos que esta visita fora produtiva e que lles vai moi ben no seu futuro como estudiantes de secundaria!
CLUB DE LECTURA (15 / 2023 - 204)
Esta foi a última sesión dedicada a Luísa Villalta e ao libro Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta escrito Polo Correo do Vento da colección Mulleres Galegas.
Durante a mesma estivemos falando de moitos datos da biografía que aos membros do club lle chamaron a atención:
- Por que se chamaba Gurugú á zona onde vivía Luísa Villalta? Pois resulta que era unha zona pobre e recibiu este nome do Monte Gurugú que é un monte do Norte de Marrocos que está xusto antes do valado de Melilla, un lugar onde a xente malvive mentres espera para poder saltar o valado e chegar a España.
- Que era a plataforma Nunca Máis? Unha plataforma cidadá para reclamar responsabilidades medioambientais, xudiciais e políticas polo derramamento de petróleo do Prestige.
- Cales poderían ser as razóns polas que hai tan poucas mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas?
Para rematar fixemos a visualización deste vídeo publicado na páxina Galicia Aberta, especial Letras Galegas, na que os propios autores do libro fan un contacontos sobre el.
AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Manuel V. (22/05/2024)
Para rematar as actividades sobre Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Noelia e Manuel viñeron a lernos o libro Sempre infinita. Luísa Villalta escrito por Eva Mejuto e ilustrado por Bea Gregores.
E tamén escoitamos na voz de Manuel fragmentos de obras como O oco da palabra, Alma de Beiramar, Concerto para un home só, Ruído... rematando con este anaco de En concreto:
Esa son eu
rubindo unha e outra vez as escadas
dun mundo posíbel
separado sempre pola idade, a teima
e a vontade íntima de voar
MOITAS GRAZAS AOS DOUS POR ESTA LECTURA E POR DEIXARNOS O LIBRO COMO AGASALLO!
SEMPRE É UN PRACER ESCOITARVOS!!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »