FESTIVAL FIN DE CURSO 2023/24
Hoxe despedimos o curso 2023/24 coa realización do noso festival de fin de curso que este ano se celebrou no pavillón do colexio.
Coma sempre, este festival pretende ser un momento de festa e de ledicia onde o alumnado comparte coas súas familias as actuacións musicais preparadas.
A continuación deixámosvos os vídeos de cada unha das actuacións esperando que vos gustasen moito e que disfrutarades delas.
Despois destas actuacións tan marabillosas e estupendas, rematamos despedindo ao alumnado de 6º de Primaria (Carlota, Germán e Javier) desexándolle o mellor na nova etapa das súas vidas que está por comezar. Esperamos que vos lembredes de nós sempre e se nos necesitades, aquí estaremos!
BO VERÁN E FELICES VACACIÓNS!!
DESPEDIDA BIBLIOAXUDANTES 2023/24
Hoxe remata o curso e polo tanto pechamos tamén as actividades da biblioteca e facémolo DÁNDOLLE AS GRAZAS AOS BIBLIOAXUDANTES!!
Aínda que este ano xa recibiron como premio un obradoiro por ser seleccionados no programa de Volunntariado de Lectura - A, tamén desde o centro quixemos facerlle entrega duns pequenos agasallos.
MOITAS GRAZAS POLA VOSA DEDICACIÓN Á BIBLIOTECA!!
A algúns vémosvos o próximo ano pero aos que marchades para o instituto... moita sorte, botarémosvos de menos!!
DESPEDIDA ALUMNADO DE 6º (2024)
Todos os anos cando chega fin de curso chega tamén o momento de despedir ao alumnado de 6º de Primaria que acaba esta etapa educativa. Carlota, Germán e Javier entraron a formar parte do colexio no curso 2015/16 cando eran uns pequerrechiños de 3 anos!!
Agora son unha clase de tres persoas estupendas ás que botaremos moito de menos!
Pero antes de marchar gravaron o seguinte podcast no que poderedes escoitar unha carta que escribiron como despedida agora que xa se van ao instituto.
Esperamos que na nova etapa educativa que comezarán o próximo curso non olviden a importancia do traballo e da constancia. Estamos seguros de que terán éxito nos seus estudos; pero se nalgún momento nos necesitades, aquí estaremos, apoiándovos en todo o que poidamos porque despois de todos estes anos levades con vós un pedaciño do noso corazón.
MARIPOSA - Federico García Lorca. Alumnado de 1º e 2º de Proxecto Competencial
O alumnado de 1º e 2º de Primaria de Proxecto Competencial estivo realizando un pequeno videopoema baseándose na poesía Mariposa de Federico García Lorca recollida no libro 12 poemas de Federico García Lorca (Ed. Kalandraka).
Para este videopoema o alumnado pintou a bolboreta protagonista dourada e verde e preparou o fondo sobre o que voaría.
Despois gravaron o poema en Radiuvín e editáronno para que se escoitase perfectamente e utilizar este audio como voz en off.
Para rematar sacaron un montón de fotografías coas que montar o vídeo coa técnica stopmotion.
Aquí tedes o resultado de tanto traballo... ESPERAMOS QUE VOS GUSTE!!!
CLUB DE LECTURA - SAÍDA FINAL 2023/24
Remata o curso e remata tamén a actividade do club de lectura deste ano e para poñerlle un broche final fixemos unha saída a Monforte de Lemos onde visitamos as instalacións da Policía Municipal xa que un dos libros que máis lle gustou foi Policán, o can policía.
Xa nas instalacións, os policías encargados da nosa visita ensináronnos as oficinas e a sala de cámaras desde onde se ven as zonas peatonais de Monforte á vez que nos explicaron as funcións principais que desenvolven.
Despois saímos á praza e alí mostránonnos os vehículos que utilizan e a equipación que levan. Tamén nos fixeron proba de alcolemia e todos demos 0,0.
Ademais ensináronnos como se fai o atestado dun delito: croquis, fotos, declaracións... e nos explicaron que a policía ten presunción de veracidade que quere dicir que as declaracións dos axentes de policía nos procedementos xudiciais considéranse verdadeiras e non necesitan ser corroboradas por outras probas.
Ao final da visita algúns membros do club remataron esposados pero iso si... ningún no calabozo!!
MOITAS GRAZAS Á POLICÍA MUNICIPAL POR ESTA VISITA NA QUE APRENDEMOS MOITÍSIMAS COUSAS SOBRE O SEU LABOR!!
Despois a excursión rematou cunha visita ao Museo do Viño de Monforte de Lemos pois xa que Sober é zona productora de viño da Ribeira Sacra, tiñamos que facer esta visita tan conectada coa nosa realidade que finalizou co alumnado probando un mosto sen alcol.
LIBROS DE TEXTO 2023 - 2024
No documento adxunto podedes acceder á lista de libros de texto de Ed. Infantil e Ed. Primaria para o próximo curso.
CARTAS DENDE A RÍA - VISITA DO CEIP DE SEARA - MOAÑA (18 - 06 - 2024)
Hoxe recibimos a visita do CEIP de Seara para rematar o proxecto Cartas dende a ría. Aínda que pensabamos recibilos no mirador de Cadeiras e merendar alí con eles, a chuvia decidiu acompañarnos e por iso merendamos no pavillón do colexio onde o alcalde de Sober nos acompañou para recibilos.
Despois desta merenda, o alumnado do CEIP de Seara reapartiuse en grupos, para realizar diferentes visitas:
O alumnado de Infantil foi de visita á Granxa da Escola onde Diego e Noelia lles ensinaron as súas instalacións e algunhas das actividades que levan a cabo na súa granxa de ovellas que nesta época está chea de cordeiriños.
O alumnado de 1º e 2º de Primaria estivo na Casa da Fonte, unha granxa onde lles ensinaron as vacas, como as ordeñan e como elaboran produtos artesanais co leite que recollen do seu gando: queixo, manteiga, iogurt...
Mentres tanto os nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria, visitaron á Rectoral de Gundivós onde Elías lles fixo unha demostración de olería tradicional durante a que elaborou un xarro mostrándolles todos os pasos deste proceso: modelado inicial, secado, cocido, cor e impermeabilizado con resina de pino.
O alumnado de 5º e 6º coñeceu a Rectoral de Amandi onde descubriron os procesos de cultivo, elaboración e embotellado do viño finalizando coa degustación de mosto sen alcol. Tamén puideron visitar o mirador desde o que contemplaron a fermosa paisaxe que forman os viñedos.
MOITAS GRAZAS POR ESTA VISITA!!
AÍNDA QUE FOI UN DÍA PASADO POR AUGA,
SEGURO QUE NON OLVIDAREMOS OS MOMENTOS VIVIDOS!!
OBRADOIRO VOLUNTARIADO DE LECTURA - A
Como xa anunciamos, xunto a outras nove bibliotecas escolares, o equipo de Biblioaxudantes do noso centro foi seleccionado na convocatoria de Voluntariado de Lectura - A para o curso 2023 - 2024 na que se lle recoñece o traballo de colaboración que veñen desempeñando os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria nas bibliotecas escolares de forma voluntaria en actividades de xestión, organización e lecturas compartidas dentro do centro.
Por esta selección, recibimos no centro un obradoiro de Pablo Otero "Peixe" escritor, ilustrador e pintor galego nado en Ourense co que realizaron dúas actividades diferentes.
A primeira actividade consistiu na realización de ideogramas que son imaxes ou símbolos que representan unha idea. O reto era conseguir representar o significado dunha palabra utilizando as letras que a forman como Pablo nos mostrou nestes exemplos.
Partindo das ideas propostas, os biblioaxudantes recibiron varias palabras ao azar e estes foron algúns dos resultados:
A segunda parte do reto consistía en facer o mesmo cos seus nomes: intentar representar algo da súa personalidade coas letras dos seus nomes e... vaia imaxinación teñen estes biblioaxudantes!
A segunda parte do obradoiro foi o xogo Liso - Rizo, un xogo que explora a diversidade de talentos e habilidades de todo o grupo para aprender a perder e tamén aprender a gañar.
Realizando probas moi divertidas, o xogo serviunos para reflexionar sobre a importancia da convivencia e do respecto aos compañeiros e sobre a resolución pacífica de conflictos.
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »