Seguindo coa celebración de Samaín, o alumnado do centro inventou, xunto cos seus compañeiros de clase, un conto de medo a partires dun sonograma (secuencia de sons)
Podédelos escoitar no seguinte enlace.
http://ivoox.com/microrrelatos-do-sonograma-samain-aidios-mp3_rf_95374978_1.html
Ides ter moitísimo MEEEDOOOO!!!
Co traballo dos alumnos e alumnas e as súas familias, organizamos na entrada do colexio unh a exposición de cabaza con motivo de Samaín.
Non teñen desperdicio! son marabillosas e... terroríficas á vez.
GRAZAS POLA VOSA PARTICIPACIÓN
O alumnado do centro elaborou este mural con algunhas escritoras de contos de medo.
Un traballo terrorífico!
Xa está activo o blogue da nosa biblioteca! Ainda que estamos reorganizando a nosa biblioteca as actividades dende ela non paran de xurdir.
Estade moi atentos!
Vale, vale... Non semella verán, pero xuramos que si que o é! Chegamos ao derradeiro día do curso... Así de rápido!
O curso 2021-2022 foi, sen dúbida, do máis especial: recordarémolo sempre como o curso no que estreamos escola e aquel no que por fin puidemos volver vernos os sorrisos, abrazarnos e xogar xuntos! É un bo balance de fin de curso, non é?
Aquí vos deixamos a revista escolar, O Golpe, con algunhas das actividades que fixemos este ano, para que vaiades facendo memoria e tamén collendo ideas para o curso que vén. Xa podedes estar orgullosos e orgullosas de todo o que conseguistes!
Moitos parabéns a todo o alumnado, profesorado e toda a comunidade educativa. A todos e a todas, moi felices vacacións! Vémonos nuns mesiños!
Hai unhas semanas as nenas e os nenos de 6º de EI foron os protagonistas dunha actividade ben chula para achegarse á tradicional celebración dos maios.
Entre todos construíron, con moito traballo, un fermoso maio para a nosa escola e logo cantaron e tocaron O cuco.
Aquí podedes ver como construíron e como quedou o maio e aquí, un vídeo deles festexando!
Por estas datas andamos a celebrar o moito que desfrutamos coa literatura, cos contos, coas historias, cos poemas, co teatro... Ben sexa escoitando, lendo, contando ou inventando as nosas propias historias, os nenos e as nenas do Sagrado Corazón teñen moi claro que a literatura pode transportarnos a lugares fantásticos e ser o noso mellor refuxio.
E é que, como ben sabedes, hai pouco conmemorabamos o Día do Libro e esta semana comezamos, nin máis nin menos, coa Semana das Letras Galegas. Este ano o autor homenaxeado é Florencio Delgado Gurriarán (1903 -1987) e ao longo dos próximos días dedicarémonos a coñecer a súa vida e obra para unírmonos a esta homenaxe e celebrar a nosa cultura.
Aquí vos deixamos unha chea de imaxes das moitas actividades que fixemos polo Día do Libro para que lles botedes un ollo!
Pronto informaremos de todo o que fixemos polas Letras Galegas!
O pasado martes, 8 de marzo, conmemoramos o Día Internacional da Muller. Sen dúbida, unha das datas que con máis importancia marcamos no calendario.
As nosas nenos e nenas destacaron o gran papel que as súas nais, avoas, tías e irmás teñen nas súas vidas; investigaron e aprenderon sobre mulleres pioneiras que fixeron e fan historia e tamén expresaron os seus desexos por un mundo libre de desigualdade.
A educación é a ferramenta para conseguir unha sociedade mellor para todos e todas, no que as mulleres poidamos ter os mesmos dereitos que os homes e poidamos vivir sen medo.
Aquí vos deixamos algúns dos traballos dos que vos falamos:
Por que todos os días do ano demos ás mulleres o valor que realmente merecen!
Chegou o ansiado Entroido! Despois dunha semana chea de perrucas, sombreiros e orellas de todo tipo; gravatas, colares e boas; mantelos de todas as cores para impresionar a Rosalía; zapatos e calcetíns de todas as formas posibles e moito máis, chegou o gran día!
Despedímonos por uns días e damos a benvida ao Entroido cunha coreografía ao son das Tanxugueiras que todo o alumnado preparou con moita ilusión e esforzo. Aquí vos deixamos cun vídeo e cunhas imaxes do gran momento. Parabéns a todos e a todas polo ben que o fixestes!!
Que viva o Entroido e a diversión e... vémonos á volta coas pilas cargadas!
Chegou o Entroido e, con el, os mandadiños do Meco! Nesta próxima semana porémonos ás súas ordes para festexar este tempo tan divertido e especial. Para que vos vaiades preparando, aquí van os mandados deste ano: