blogue deadmin

Xornada de Portas Abertas

A vindeira semana abrirase o prazo para presentar as solicitudes de admisión de novo alumnado para o curso 2024-2025. Este prazo de solicitude abrangue do 1 ao 20 de marzo.

Por ese motivo e para dar a coñecer o noso centro, levaremos a cabo unha “Xornada de Portas Abertas” o mércores 28 de febreiro de 16:00 a 18:00 horas para todas aquelas familias que desexen coñecer as nosas instalacións e dinámicas de traballo.

Todas aquelas familias que desexen vir pero, por diversas circunstancias non poidan acudir ao centro o día das xornadas, poden solicitar CITA PREVIA para visitar o noso centro no teléfono 988 78 85 30.

Achégate a coñecernos!

Entroido 2024 "O Circo de Vilardevós"

Ao longo deste mes de febreiro, vivimos o Entroido a través de diferentes actividades. Puidemos seguir as Mandas da lura Toña no Xoves de Compadres vindo ao cole vestidos e vestidas de home con sombreiro, gravata ou bigote e logo durante os días 5, 6 e 7 de febreiro viñemos con algo na cabeza, zapatos diferentes e pixama, sen esquecernos de que era algo acumulativo. O xoves 8, como cancelaron o Desfile Infantil de Verín, baixamos ao pavillón para desfrutar dunha xornada de festa de disfraces amenizada pola banda de gaitas e a charanga Támega. Pasámolo xenial!!!

Este ano non foi posible desfilar en Verín a causa da chuvia pero... fixemos o noso propio desfile por Vilardevós e saímos para lucir os nosos disfraces e a nosa carpa do CIRCO DE VILARDEVÓS. 

Premede na imaxe para ver o vídeo do desfile.  

 

 

Desfile do Circo de Vilardevós 2024

Trala nova cancelación do Desfile Infantil en Verín por mor das condicións climatolóxicas adversas para o xoves 15, decidimos desfrutar do noso propio desfile por Vilardevós o venres 16 de febreiro a partir das 11:30 horas con saída dende o cole. Esperemos que a chuvia non nos impida lucir as nosas mellores galas e ensinar a todas as persoas que se acheguen a vernos todo o traballo e horas dedicadas nestas últimas semanas. Esperámosvos no Gran Desfile do Circo de Vilardevós!!!!!

 

Visita dos chocalleiros a Santiago 2024

O 2 de febreiro os nenos e nenas do noso colexio foron uns invitados moi especiais en Santiago. Alí amosaron como é o traxe de chocalleiro. Foi un día xenial!

Premede na imaxe para ver o vídeo.

A Furgoteca - Febreiro

Aquí tedes as datas de visita da Furgoteca ao noso Concello durante o mes de febreiro.

Obradoiro de Xogos Populares e Tradicionais

Onte o alumnado de 5° e 6° de primaria puido desfrutar dun Obradoiro de Xogos Populares e Tradicionais da man de Lito do CCP Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense. A aprendizaxe destes xogos crea unha conexión xeracional que permite que perduren no tempo, dando a coñecer como xogaban os nosos devanceiros, nun tempo actual no que priman as novas tecnoloxías. Ademais impulsan os vínculos sociais, a creatividade e a actividade física.

Fixeron diferentes xogos de mans, practicaron e riron cos trabalinguas, elaboraron enredos e realizaron varios xogos bailados como o do "Millo verde".

Aquí vos deixamos o vídeo da estupenda xornada. Moitísimas grazas e infinitos parabéns para Lito porque sempre triunfa cos seus obradoiros.

 

Reserva de praza curso 2024-2025

Seguindo o DECRETO 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, iniciamos o proceso de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán ser presentadas no CEIP Rodolfo Núñez. O alumnado de 6º de primaria, que ten como centro adscrito o IES Castro de Baronceli, tamén debe presentar a solicitude de reserva de praza no noso centro. 

O prazo de presentación de solicitudes abranguerá do 15 de xaneiro ao 5 de febreiro de 2024, ambos incluídos.

 

 

Orde sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos

O xoves 4 de xaneiro saiu a Orde de 4 de xaneiro de 2024 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos,  pola que se aproba o protocolo sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na citada orde queda establecido o seguinte:

  • A prohibición de uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación establecida durante os períodos lectivos debe estenderse tamén, con carácter xeral, á totalidade da xornada escolar, incorporando os períodos non lectivos. En consecuencia, non se permitirá durante a xornada escolar o emprego libre destes dispositivos. 
  • Considéranse aos efectos deste protocolo como períodos non lectivos os seguintes: as entradas e saídas, o tempo de recreo, de comedor escolar e os períodos dedicados ao desenvolvemento de actividades complementarias e extraescolares. 

  Podedes ler a Orde completa no documento adxunto.

Festival de Nadal 2023

Aquí vos deixamos o vídeo do Festival de Nadal deste curso para que o desfrutedes novamente. Bo Nadal, Felices Festas e Próspero Ano 2024!!!

Premede na imaxe para ver o vídeo.

Próximas visitas da Furgoteca

Non vos perdades as novas visitas da FURGOTECA ao noso Concello!!!

Redes Sociais

Programas

 

Actividades biblioteca


Feito con Drupal 6

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013