Blogues

Festival fin de curso 23/24 e graduación alumnado 6º

O venres 21 de xuño toda a comunidade educativa asistiu ao Festival de Fin de Curso 2023-2024, celebrado xunto á graduación do alumnado de 6º de Primaria. 

A decoración estivo ambientada na temática do circo e, grazas ás ideas e ao traballo de Luina da Librería Pica Pica, o patio quedou precioso.

Todo o alumnado puido amosar o resultado de moitas horas de ensaio previo para que todo saíse xenial, como así foi.

Grazas a todas e todos os asistentes, ao alumnado polo seu esforzo coas actuacións, ao profesorado pola súa implicación e colaboración constante e, por suposto, ao noso cociñeiro Toño que nos preparou uns deliciosos pinchos variados para despois do festival.

Dende aquí soamente podemos desexar o mellor ao noso alumnado de 6º que comeza unha nova etapa proximamente.  Moitos parabéns!

Polos Creativos - Automatismo "Pitas, pitas, pitas"

Retomando os automatismos dos kits singulares e para rematar o curso, foi a clase de infantil a que construíu, con axuda da súa titora, un mecanismo de cartón que lle daba movemento a dúas pitas para que comeran o millo.

Mirade que bonitas lles quedaron!

Polos Creativos "E ti, de quen vés sendo?"

Logo da exposición das mulleres STEAM españolas por parte do alumnado de 5º e 6º, dedicaron varios días á construción dos taboleiros de xogo.

O xogo chámase "E ti, de quen vés sendo?", unha versión do famoso xogo ¿Quién es quién? no que deben adiviñar mulleres científicas pioneiras españolas ao longo da historia. O alumnado de 1º, 2º e 3º tamén xogou pero utilizando unha cinta na cabeza en lugar do taboleiro.

Visita de Marcos, ex xogador profesional de hockey

Hoxe visitounos Marcos, un ex xogador profesional de hockey. Aprendemos curiosidades do stick e a pelota, as regras de xogo e, por suposto, xogamos un partido.

Taller de Hixiene Bucodental

Todo o alumnado de primaria recibiu unha charla moi interesante sobre hixiene bucodental da man da hixienista Cristina.
Falamos das partes da boca, do número de dentes que temos, dos alimentos que debemos reducir en consumo e do que non debemos comer por resultar prexudicial para os dentes. Logo fixemos un obradoiro de cepillado para aprender e corrixir certos hábitos que podemos ter á hora de lavarnos os dentes e todo o alumnado puido practicar o uso do cepillo e a seda dental.
Para rematar, Cristina falounos da gran cantidade de azucre que conteñen moitos alimentos que consumimos e do que non somos conscientes.

Excursión Fin de Curso - Puebla de Sanabria

O xoves 6 de xuño viaxamos ata Puebla de Sanabria para visitar o Centro do Lobo Ibérico Félix Rodríguez de la Fuente. Puidemos coñecer moitos datos interesantes sobre os lobos, así como ver de preto varios dos exemplares que alí se atopan.
Ademais desfrutamos dun estupendo baño no lago de Sanabria aproveitando o bo tempo que nos acompañou.

Visita de Carlos Solla

Hoxe abrimos as portas da Biblio para recibir ao escritor #carlossolla. Contounos anécdotas de cando era cativo e de como comezou a escribir. Ademais, tiña un cofre con rochas e tivemos que adiviñar que propiedades máxicas tiña cada unha delas! Por último... asinounos a todos os que quixemos!
 

"Contos Envasados" - Generación Eco

Durante este curso formamos parte da "Generación Eco" que ten como obxectivos a sostibilidade e a redución do impacto ambiental.

Participamos no reto "Pensando en vidrio" do programa Ecovidrio realizando a actividade "Contos envasados" na que xuntamos a reciclaxe de vidro e A Biblio da Toña.
Así cada grupo de alumnos escolleu o conto que máis lle gustaba e deulle vida en 3D. Sabedes que conto é cada un dos botes?

Lembra... Reduce, reutiliza e recicla! 

Andaina "Pista do Marroquí"

Este venres 31 de maio viaxamos ata Laza para facer unha andaina pola "Pista do Marroquí" entre Toro e Correchouso xunto ao CEIP O Castiñeiro de Laza. Contamos coa presenza de Miriam, Alexis e don Hermógenes que nos contaron datos moi interesantes da contorna.

Foi unha estupenda xornada coa que pretendemos enriquecer a nosa cultura e fomentar hábitos de vida saudable tan importantes e tan esquecidos na actualidade.

Mulleres admirables - Polos Creativos 2024

O alumnado de 5º e 6º realizou unha presentación sobre mulleres admirables. A rapazada de 1º, 2º e 3º escoitou con moita atención!

Redes Sociais

Programas

 

Actividades biblioteca


Feito con Drupal 6

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013