Queridas nenas e nenos, estimadas familias:
Hoxe celébrase este día co obxectivo de crear conciencia sobre o papel fundamental das familias na educación das fillas e fillos desde a primeira infancia, xerando oportunidades de aprendizaxe únicas e que, este ano por mor da situación que estamos a vivir, cobra se cabe máis importancia e valor.
Gustaríanos propoñer unha actividade que inclúa a todos os membros da unidade familiar e que ten como base o AGRADECEMENTO entendido, non só como un xeito de valorar a labor das persoas que temos máis preto, senón tamén coma un exercicio emocional e saudable.
Ser agradecido mellora a nosa calidade de vida, reduce o estrés, conéctanos con nós mesmos, aporta enerxía e mellora a autoestima. En definitiva, axuda a manter relacións sociais máis plenas e fortalece a FELICIDADE.
Nesta situación difícil que estamos vivindo, todos temos algo polo que estar agradecidos ás mamás, aos papás, aos avós e avoas, aos irmáns e, tamén, a nós mesmos. Todos estamos aprendendo desta circunstancia.
Animámosvos, pois, a escribir ou debuxar unha carta de agradecemento para aquelas persoas coas que convivides (de nai a fillo, de pai a nai, de neto a avoa...) pensando ben por que estades agradecidos con esa persoa en concreto, mencionando aspectos positivos desta corentena ou cousas que estades aprendendo doutros ou de vós mesmos.
Deixámosvos uns modelos por se queredes empregalos: un con máis espazo para escribir e outro para debuxar. Sentídevos libres de usar o que prefirades e de pedir axuda para facelo se queredes.
PREME NAS IMAXES PARA VELAS MÁIS GRANDES
Tamén vos invitamos a escribir unha carta de agradecemento para vós mesmos. Ser agradecido cun mesmo é máis difícil e non acostumamos a expresalo.
“A gratitude é a memoria do corazón” Lao Tse
O Equipo de Convivencia