A Danza estrutúrase en oito movementos que se representan na seguinte orde: O Paso, Muiñeira de Tres en fondo, Paleado de tres en fondo, Muiñeira do Pasar, Paleado de Cruceta, Muiñeira de tolos, Terceiro Paleado e Entrenzado ou Cordón
- O Paso: baile executado durante a marcha da procesión no que cada parella avanza ata atoparse coa Virxe, momento no que fan unha reverencia.
- As muiñeiras: De tres en fondo, de Pasar e dous Tolos, nas que se alternan movementos lentos con outros vigorosos diferentes aos das muiñeiras características.
- Os paleados: De tres en fondo, de Cruceta e Terceiro paleado. Estes paleados caracterízanse porque os danzantes portan uns bastonciños de madeira que chocan entre si no transcurso do baile.
- Entrenzado ou Cordón: Neste movemento os danzantes bailan ao redor dunha pértega de cuxo extremo superior penden varias cintas de cores que van trenzando para volver a destrenzar logo executando os pasos en sentido inverso. Esta pértega ten algo xenuíno e único: O Xigante, unha figura humana vestida de mariñeiro, articulada, que move os seus brazos e pernas ao ritmo da danza. Pon o broche final á Danza, cunha espectacular posta en escena de colorido e figuras.