Skip to Content

Organización curso 2024/25

PERÍODO DE ADAPTACIÓN DO CEIP MILLADOIRO 

CURSO 2024/25

Defínese o período de adaptación como o período de tempo que transcorre desde que o neno/a se incorpora á escola ata que está integrado no seu grupo-clase. Pode ademais considerarse como o proceso mediante o cal o neno/a vai superando de forma positiva o conflito que lle ocasiona a separación da familia e o enfrontamento cun novo medio social.

Os obxectivos principais durante este período son:

  1. Para o neno/a: aceptar o novo espazo e ser capaz de moverse nel libremente; explorar o novo material; adaptarse ás rutinas; comprender e recordar as normas e pautas que a mestra vai establecendo; admitir progresivamente a separación dos seus pais e establecer vínculos de afectividade cos demais nenos/as e coa mestra.

  2. Para o pai/nai: superar a angustia da separación; confiar no equipo docente; despedirse do seu fillo/a sen enganos e seguridade e coñecer e valorar o período polo que pasa o neno/a.

  3. Para a mestra: amosar unha actitude receptiva a cada alumno/a;  permitir que os nenos/as coñezan o centro e exploren os materiais existentes na aula; programar actividades atractivas; coñecer ao grupo a través da observación, recollendo datos como as preferencias, os intereses, a capacidade de razoamento, a linguaxe, a autonomía, a iniciativa...

O horario de permanencia do centro irá aumentando gradualmente, xa que durante este tempo o máis normal e que xurdan altibaixos e sentimentos contrastados. Cada neno/a precisa dun tempo diferente para adaptarse. 

Por outra banda, tamén é moi importante a recollida de información  sobre os nenos/as e sobre o seu ambiente familiar. Así obsérvase: a actitude que mostra na chegada; a relación cos espazos; a relación cos obxectos; a relación con outros nenos/as. Estableceremos diferentes quendas para ter unha reunión individual con cada un dos pais/nais para comentar a información recollida no cuestionario inicial.

Durante este período podedes entrar ata a porta de psicomotricidade tanto na entrada como na saída. Despois do período de adaptación xa non se pode entrar no centro, soamente seguindo o protocolo establecido, deixando aos nenos/as na porta lateral para entrada e recolléndoos á saída na cancela principal de abaixo.



page | by Dr. Radut