You are hereACTIVIDADES VIDA PRÁCTICA (30/04/2020)

ACTIVIDADES VIDA PRÁCTICA (30/04/2020)


By Anónimo - Posted on 30 Abril 2020

ACTIVIDADES VIDA PRÁCTICA

Ola nenxs e familias! Como estades? Con gañas de novas actividades?

Antes de nada comentarvos que imos respectar o calendario escolar e dende hoxe ata o martes 5 non haberá entrada, como sabedes maña é festivo nacional e o luns é o día que tiña escollido o centro como non lectivo. Hoxe deixámosvos tres pequenas tarefas de vida práctica, que ós nenos lles encantarán.

1- LIMPEZA DE XOGUETES

     Seguro que estades usando moito os vosos xoguetes e precisan unha limpeza… Necesitamos: dous recipientes grandes para a auga, xabón, un cepillo de dentes ou cepillo pequeno, e un trapo para secar. As familias seleccionarades, xunto cos nenos, aqueles xoguetes que poidan mollarse, preferiblemente de tamaño pequeno (animais, coches, bonecos, pelotas, utensilios de cociña…). Teremos que encher ambos recipientes con auga. Un deles empregarémolo para mollar o xoguete e enxabonar, e o outro para aclarar. Lavamos os xoguetes de un en un, cepillándoos ben, e por último secámolos co pano.

   

 

        2-CALCETINADA

       As familias colleredes moitos pares de calcetíns que teñades pola casa e xuntarédelos todos facendo unha mestura (mínimo 10 pares). O xogo consiste en conseguir emparellalos todos e deixalos dobradiños como mellor saibades. Despois podedes facer outras variantes, dependendo da destreza que lle vexamos ó neno/a: Pódese pór un límite de tempo (reloxo de area, conta atrás…). Podemos escoller pares de calcetíns que sexan moi similares e coste máis emparellalos. Ou podemos facer con eles clasificacións por tamaño (grandes e pequenos), por aspecto (lisos, con raias, con debuxos…), por cores semellantes… 

 

       3- A TENDER!

      Agora toca tender os calcetíns que empregamos na actividade anterior. Podedes incluir tamén a roupa dos vosos bonecos. Precisamos: Un tendal da roupa ou un cordón que serva para tender, e pinzas da roupa. E xogamos a tender as pezas de unha en unha. Parece sinxelo, verdade? Pois veredes que lles soe costar un pouquiño, porque require unha boa destreza dos dedos.

  

  Con estas tarefas de inspiración Montessori poñemos en práctica moitas habilidades fundamentais da educación infantil: preparación para a vida, motricidade da man e dos dedos, mantemento da atención, control óculo-manual, movemento “pinza” dos dedos, secuenciación e orde de tarefas, etc. E se todo o isto o facemos xogando e en familia, o resultado será de 10! Non vos esquezades de mandarnos unha fotiño da actividade (unha semana de prazo: ata o xoves día 7). Grazas!

 Bicos e achuchóns das vosas profes

 

PROXECTOS

A

  A

 

Enlace Aula Virtual

Punto Laranxa contra o acoso escolar