Campamentos de verán do Concello de Cabanas

30/05/2024 13:31
Europe/Madrid

 

O vindeiro 3 de xuño ábrese o periodo de solicitudes de prazas  para participar nos campamentos de verán do Concello de Cabanas  que, como anos anteriores, oferta 2 alternativas: o campamento urbano Cabanas Concilia e o campamento deportivo.

Ambas modalidades celebraranse durante os meses de xullo e agosto no apeadoiro do Areal e no entorno do CEIP Eladia Mariño.

O campamento urbano Cabanas Concilia está destinado a nenas e nenos en idade escolar  nados desde o ano 2012 a 2020. Levaranse a cabo actividades para promover a expresión artística, ass relacións entre iguais e os hábitos saudables mediante o técncias de autocoñecemento e o xogo. Todas as actividades terán un enfoque socioeducativo, con perspectiva de xénero e serán promotoras do bo trato. Esta actuación está financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Ministerio de Igualdad.No campamento deportivo, orientado a nenas e nenos a partir de 7 anos, desenvolveranse actividades para iniciarse na práctica deportiva de forma lúdica e promocionar un estilo de vida saudábel, incluíndo xogos acuáticos, baloncesto, bádminton, voleibol, hóckey, béisbol, fútbol ou balonmán.

As inscricións a estes campamentos poderán ser quincenais ou de carácter mensual, cuns prezos de 40 e 65 euros, respectivamente. Poderá solicitarse máis dunha quenda, indicando cal é a de preferencia. En principio, só se adxudicará unha quenda e no caso de que haxa interese por unha segunda quenda, poderá adxudicarse tamén no caso de que haxa dispoñibilidade de praza.

A solicitude de praza farase no Rexistro Municipal, presencial ou telematicamente, cos seguintes prazos:

  • 3, 4 e 5 de xuño para familias empadroadas
  • 6 e 7 de xuño para familias non empadroadas con nenas e nenos matriculadas no CEIP Eladia Mariño
  • 10 e 11 para familias non empadroadas.
 
Terán preferencia as unidades familiares empadroadas no Concello de Cabanas. En segundo lugar, tamén terán preferencia as unidades familiares con nenas e nenos escolarizadas no CEIP Eladia Mariño. No caso de que a demanda de prazas supere á oferta, contando co anterior, terán preferencia as unidades familiares cuxas persoas proxenitoras xustifiquen debidamente a necesidade de conciliar no horario dos campamentos, e dentro deste grupo, as unidades familiares con menos ingresos económicos.
 
Para solicitar praza deberase achegar a seguinte documentación:
  • Solicitude de participación (arquivo para descarga está no pé desta nova)
  • Copia do DNI da persoa proxenitora.
  • Copia do DNI ou partida de nacemento da nena ou neno participante (ou libro de familia).
  • Copia da tarxeta sanitaria da nena ou neno participante.
  • Xustificante de matricula do CEIP Eladia Mariño en caso de non ter empadroamento no Concello.
  • Xustificación da necesidade de conciliación no caso de habela (Vida laboral , cabeceira de nómina, xustificantes de empresa, etc.).
 

Publicarase a lista de solicitudes admitidas e excluídas no taboleiro de anuncios do concello e na web municipal, concedendo un prazo de 10 días para a presentación de reclamacións.

As persoas que desexen máis información poden dirixirse ao 981 495 959, na extensión 6 ou 2 para o campamento urbano Cabanas Concilia, e na extensión 3 para o campamento deportivo.