Bos Aires ten unha gaita sobro do Río da Prata, que a toca o vento do norde coa súa gris boca mollada. ¡Triste Ramón de Sismundi! Aló, na rúa Esmeralda, basoira que te basoira polvo d’estantes e caixas. Ao longo das rúas infindas os galegos paseiaban soñando un val imposibel na verde riba da pampa. ¡Triste Ramón de Sismundi! Sinteu a muiñeira d’agoa mentras sete bois de lúa pacían na súa lembranza. Foise pra veira do río, veira do Río da Prata. Sauces e cabalos múos creban o vidro das ágoas. Non atopou o xemido malencónico da gaita, non víu o imenso gaiteiro coa boca frolida d’alas; triste Ramón de Sismundi, veira do Río da Prata, víu na tarde amortecida bermello muro de lama.
CANZÓN DE CUNA PARA ROSALÍA DE CASTRO MORTA
¡Érguete, miña amiga, que xa cantan os galos do día! ¡Érguete, miña amada, porque o vento muxe, coma unha vaca!
Os arados van e vén dende Santiago a Belén. Dende Belén a Santiago un anxo ven en un barco. Un barco de prata fina que trai a door de Galicia. Galicia deitada e queda transida de tristes herbas. Herbas que cobren teu leito e a negra fonte dos teus cabelos. Cabelos que van ao mar onde as nubens teñen seu nidio pombal.
¡Érguete, miña amiga, que xa cantan os galos do día! ¡Érguete, miña amada, porque o vento muxe, coma unha vaca!
DANZA DE LÚA EN SANTIAGO
¡Fita aquel branco galán, olla seu transido corpo! É a lúa que baila na Quintana dos mortos.
Fita seu corpo transido negro de somas e lobos.
Nai: a lúa está bailando na Quintana dos mortos.
¿Quén fire potro de pedra na mesma porta do sono?
¡É a lúa! ¡É a lúa na Quintana dos mortos!
¿Quen fita meus grises vidros cheos de nubens seus ollos?
¡É a lúa! ¡É a lúa na Quintana dos mortos!
Déixame morrer no leito soñando con froles dóuro.
Nai: a lúa está bailando na Quintana dos mortos.
¡Ai filla, co ar do céo vólvome branca de pronto!
Non é o ar, é a triste lúa na Quintana dos mortos.