A Real Academia Galega acordou adicar as Letras Galegas do próximo ano ás cantareiras e á poesía popular oral.
A homenaxe recae nas pandereteiras e transmisoras da tradición galega. Estas mulleres foron quen de demostrar que a música tradicional galega con pandeireta e voz non só se podía interpretar dentro das casas e as eiras, senón que merecía o seu espazo nos escenarios e nas festas.
Grazas a elas a nosa lingua continuou viva, a pesares das prohibicións e a súa desaparición no espazo oficial. Grazas a que o pobo preservou este patrimonio cultural e as mulleres, en particular, souberon transmitilo de avoas á netas e de nais a fillas.
Investigadores/as, musicólogos/as,.. como Alan Lomax, Antón Santamarina, Dorothé Schubarth recopilaron as cantigas destas mulleres e posteriormente, grupos como Fuxan os ventos, Milladoiro, as Lagharteiras, Leilía, Tanxugueiras, Treixadura Xabier Díaz, Ardentía,… beberon destas informantes que nos ensinaron as cantigas populares ao longo do tempo.
Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos que neste curso, algunhas destas cantigas tradicionais sexan coñecidas polo noso alumnado.
É imprescindible que a nosa cultura e a nosa riqueza artística colectiva, que están a ser ameazadas polo proceso de urbanización e globalización, sexan coñecidas polos máis cativos, para que este legado non se perda definitivamente.
Así cada mes, adicarémonos a aprender unha cantiga (e a traballala desde distintos aspectos: lingüístico, social,..) que teña relación co ciclo anual ou os traballos tradicionais.
Estes meses de setembro e outubro, ademais de retomar o tema da vendima, aprenderemos este coñecido “Canto da vendima”:
CANTO DA VENDIMA.
Este cantar da vendima,
este cantar vendimeiro,
este cantar da vendima,
tróuxeno eu do Ribeiro.
Vendimadora que levas
a cestiña acugulada,
eu nin por tanto era cepa
diante desa túa navalla.
Vendima, vendimadora,
na vendima do meu pai
que o viño vai na cabaza
e o pan na cestiña vai.
Este cantar da vendima
éche un cantar moi meiguiño
este cantar é da terra
onde se fai o bo viño.