Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
2º Educación primaria
POEMAS DE CORDEL
O pasado 21 de marzo conmemoramos o Día da Poesía, fixémolo enchendo Fene de versos que penduramos a modo de prendas de roupa en diferentes tendais que estaban previamente xa colocados na Avenida Tarrio, na Praza do Concello e na Praza Verde.
Para ter todo listo para ese día, nos días anteriores, estivemos lendo diferentes fragmentos de poemas, traballando a rima… e como este ano o noso proxecto de centro está relacionado co xogo escollimos un poema de Manuel María “O xogo” para copiar e ilustrar.
Xa o propio día 21 ás 9 da mañá dirixímonos á Praza Verde ben acompañados e acompañadas cos compañeiros e compañeiras de 6º de EI e de 1º para colocalos e que todas as persoas de Fene puideran gozar das nosas creacións ao longo do día.
MATES EN FAMILIA
E chegamos ao último mates en familia do trimestre!
Este xoves acompañounos Lorenzo, que foi un locutor de bingo de excepción, na súa estación seguimos a repasar as horas, a través de este xogo que motiva moito aos nenos e nenas de 2º. Tamén estivo con nós María coa que estivemos adiviñando números que cumpriran unha serie de condicións: atendendo ás decenas, ás centenas, ás unidades… Con Sonia, a mamá de Paula, xogamos ao xogo de mesa “Mía” que traballa a axilidade no cálculo mental e tamén con Sonia, a mamá de Manuel, traballamos a descomposición a través das pirámides do cálculo mental.
Grazas familias unha vez máis por acompañarnos outro trimestre. Este tempo é moi valorado e esperado polos nenos e nenas sendo así unha motivación moi moi grande na aprendizaxe.
Retomamos en abril!
SEMANA DA PRENSA
A semana pasada foi a Semana da Prensa e desde a aula de 2º aproveitamos para ver modelos de novas e partindo dos mesmos, elaboramos un organizador gráfico que recollera todas as partes que teñen (texto, autora ou autor, titular, fotografía...). -Unha vez feito, non podía ser de outro xeito, tivemos que repasalo con bolígrafos de purpurina-.
É verdade que ao longo deste curso e do pasado empregamos xa en moitas ocasións os organizadores gráficos, sobre todo mapas mentais, para representar aspectos dunha temática determinada polo que realizalo foi relativamente sinxelo.
Para rematar, como non, fixemos a nosa propia nova, sempre tendo en conta todos as aspectos recollidos no noso organizador. Decidimos facela sobre algo que acontecera o día anterior no cole: a celebración do 8M.
UN MAR DE PALABRAS: 16 DE MARZO
O pasado xoves volvimos ter visita das familias, esta vez para dinamizar as actividades de lingua. Xogamos con Andreia ao xogo de mesa concept kids animals o cal os nenos e nenas xa coñecían e que foi un éxito. Este xogo permitiunos reforzar vocabulario referente aos animais que tamén estamos traballando na área de ciencias e a súa vez reforzar a comprensión lingüística xa que tiñamos que adiviñar un animal a partir da descrición que nos facían os compañeiros e compañeiras.
Con Rosa xogamos ao coñecido xogo de pasapalabra para practicar ortografía, con María clasificamos verbos en pasado, presente e futuro e con Cristina traballamos a conciencia léxica, tirando un, dous e houbo ata quen se animou con tres dados para conformar unha frase con tantas palabras como puntuación nos saiu nos dados. A maiores, para facer esta actividade un pouco máis complexa tamén tiramos uns dados conta-historias con vocabulario de primavera polo que tiñamos que ter en conta tanto o número de palabras a empregar como o vocabulario que incluir.
Grazas unha vez máis, grazas por estar, familias.
UN POUCO DE GRAMÁTICA
Dende o ano pasado adentrámonos na gramática utilizando os materiais Montessori e facendo moooooita adaptación dos mesmos e da sua metodoloxía.
Manipulamos as diferentes categorías, xa que cada unha delas está representada por un sólido: esfera, pirámide… a partir de aí poñemos exemplos prácticos e lemos unha lenda, unha lenda que utiliza as metáforas para vincular eses sólidos coas diferentes categorías gramaticais que, a dicir verdade teñen aos nenos e nenas moi moi interesados e interesadas e axúdalles moito a lembrarse.
Logo disto, seguimos a ampliar vocabulario á vez que clasificamos as diferentes palabras nas categorías.
Polo momento traballamos o substantivo, o adxectivo e o verbo, pero a verdade e que tamén limos xa a lenda da interxección xa que nos tiña moi moi intrigados o que quería dicir esa forma de pechadura.
GRUPOS INTERACTIVOS 9 DE MARZO
Este xoves tivemos sesión de grupos interactivos, esta vez traballamos as mates con propostas para traballar diferentes contidos: as horas: en punto, e media e cuarto e menos cuarto, a descomposición numérica coa axuda de material manipulativo, os números ordinais e numeración e operacións básicas que levamos aprendendo ao longo deste curso a través de láminas autocorrixibles.
Infinitas grazas familias por acompañarnos, por dinamizar as actividades e por todas as palabras de alento, motivación e cariño cara os nenos e nenas.
GRUPOS INTERACTIVOS 2 DE MARZO
O pasado xoves 2 de marzo tivemos unha sesión de grupos interactivos moi moi especial, por unha banda acompañounos outra vez Amelia coa emoción que iso xera na aula e por outra, tamén nos acompañaron as profes Fina, Iria e Bea que estiveron vendo como se desenvolvía a sesión.
Esta observación encadrámola dentro dun programa de innovación educativa no que varias mestras estamos inmersas coa finalidade de mellorar a nosa práctica docente.
A verdade é que aínda con tanta xente na aula, os nenos e nenas seguiron a sesión con total normalidade aproveitando ao máximo todas as actividades.
Traballamos e diferenciamos o son r forte e r suave, seguimos reforzando diferentes aspectos de conciencia fonolóxica(rima, empeza por, acaba por, número de sílabas…) co xogo do lince adaptado, xogamos ao xogo de mesa Blurble o que nos fixo traballar tamén a linguaxe e a rapidez xa que tiñamos que pensar palabras que comezaran polo mesmo fonema que a palabra que nos saía na carta e por último redactamos unhas mini historias con conectores a partir dunhas cartas conta-historias.
GRUPOS INTERACTIVOS
Nos dous últimos días de grupos interactivos estivemos traballando moitas mates e moita lingua!
En matemáticas, seguimos coa xeometría: levamos o robot DOC á figura á que nos mandaba a tarxeta-reto: esfera, cubo, triángulo…, fixemos os nosos propios debuxos a partir dun eixe de simetría e tamén buscamos a metade simétrica correcta. Nesta ocasión tamén reforzamos operacións matemáticas utilizando as tablets.
En lingua xogamos ao bingo de rimas, repasamos a ortografía de palabras un pouco complicadas e buscamos adxectivos que concordaran cun substantivo xa dado. Ademais non podía faltar un xogo de mesa, empregamos ABC Miam, para seguir afianzando a conciencia fonolóxica, neste xogo, os monstruiños comen aos animais, pero ollo, só aqueles que conteñan unhas determinadas letras!
Tempo moi proveitoso e tempo compartido. Pasado o Entroido volvemos! Grazas familias.
ENTROIDO 2023
Esta semana de entroido foi moi intensa. Dende o luns e seguindo o que nos encomendou a Bruxa Encarnación realizamos os seus mandados.
Cabeza engalanada, mandil, pano na cabeza e por suposto non faltou o día en pixama.
Incluso as familias que nos acompañaron este xoves en grupos interactivos animáronse a vir tamén en pixama. Infinitas grazas! As caras de felicidade dos nenos e nenas o din todo!
Xa o venres, saimos disfrazados de pezas de LEGO e fomos ata o Concello onde cantamos unha regueifa que inventamos!
Logo do paseo, volvimos ao cole con moooooita fame e merendamos doces de entroido!
AS PEGADAS DO TEMPO
Dende xaneiro fixemos moito moito traballo de tratamento da información: subliñado de palabras clave, elaboración de mapas mentais con ideas principais sobre as diferentes épocas históricas... De todo o que aprendemos o que máis motivación suscitou foron as obras de arte: As Meninas, O David de Miguel Ángel, a Gioconda...
Para rematar esta temática, fixemos un kahoot, é dicir, un pequeno cuestionario que nos permitiu ver canto aprendemos e de canto nos acordabamos, para iso utilizamos as tablets. Foi un éxito!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- seguinte ›
- última »