Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Tarefas para 6º EP (luns 14 de abril)

Boas de novo!

Agardo que desfrutarades destas vacacións de Semana Santa, aínda que tiveramos que quedar na casa, e que comecedes esta nova etapa con ganas de seguir repasando os contidos traballados ao longo do curso e de compartir as vosas experiencias con nós.

Para comezar, déixovos esta proposta de Matemáticas. Trátase dun recurso centrado na resolución de problemas, polo tanto teredes que empregar a lóxica e o razoamento para ir solucinando cada actividade.

Para Lingua Castelá, propóñovos escribir unha redacción na que expliquedes que é o que máis vos apetece facer cando poidades saír da casa, a quen queredes ver, a onde vos gustaría ir... Lembrade que se tedes dúbidas de ortografía ou vocabulario, podedes consultar o dicionario en liña da Real Academia Española. Mandade as vosas redaccións nun documento de Open Office Writer ou Microsoft Word ao enderezo clasesextocentieiras@gmail.com e eu publicareinas no blog de clase para que todas e todos poidamos desfrutar léndoas.

En canto a Lingua Galega, gustariame que compartirades con nós algunha actividade, manualidade ou debuxo que fixerades durante estes días de confinamento. Explicade en que consistiu a actividade, como se vos ocorreu facela, con quen a fixestes, que materiais empregastes e por que vos gustou facela. Xa sabedes, se tedes dúbidas de ortografía ou vocabulario, podedes consultar o dicionario en liña da Real Academia Galega. Podedes engadir algunha foto da actividade ou manualidade e mandala xunto co voso texto escrito en galego nun documento de Open Office Writer ou Microsoft Word ao enderezo clasesextocentieiras@gmail.com. Sei que todas e todos sodes moi creativos, así que estou desexando ver que marabillas fixestes!

Tamén podedes seguir enviando os vosos vídeos coa exposición de Ciencias da Natureza e as vosas receitas, se aínda non o fixestes. Mirade no blog que cantidade de cousas ricas prepararon xa as reposteiras e reposteiros de sexto! Non sei cando imos saír da casa, pero o que sei é como… imos saír rodando!!!

Por último, déixovos ao final desta entrada a solución ás tarefas de Matemáticas da Aula Virtual Santillana propostas o 30 de marzo nun documento adxunto, aínda que, como sabedes, xa vos fun corrixindo individualmente todas as que me enviastes por correo electrónico.

 

Unha gran aperta e moito ánimo!

 

Isa

 

AdxuntoTamaño
Soluciones Matemáticas 30 marzo.pdf444.78 KB