BiblioCeleiro

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA ESTE NADAL

Agora que se achegan as datas do Nadal e os nenos e nenas terán que escribir as súas cartas para Papá Noél e SS.MM. Os Reis Magos é un bo momento para incluír un libro nas peticións.


MÁIS INFORMACIÓN NO BLOG DO NADAL

3 de decembro, DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Este ano o tema do Día Internacional das Persoas con Discapacidade é "Solucións transformadoras para un desenvolvemento inclusivo: o papel da innovación para impulsar un mundo accesible e equitativo".

A inclusión da discapacidade é condición esencial para o respecto aos dereitos humanos, o desenvolvemento sostible, a paz e a seguridade. Tamén é unha cuestión clave para cumprir coa promesa de "non deixar a ninguén atrás" da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Respectar os dereitos das persoas con discapacidade non é só unha cuestión de xustiza, senón un investimento no noso futuro común.

NESTE ENLACE podemos ver a páxina do colexio dedicada á INCLUSIÓN

RADIO VOZ NO COLEXIO

Na mañá do luns, 28 de novembro, viñeron ao colexio tres persoeiros de RADIO VOZ:

  • Antía Díaz, xefa de programas e informativos
  • Sonia Rodríguez, xefa de emisións
  • Manuel Mantilla, director xerente

As nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria tiveron a oportunidade de escoitalos nunha charla informativa sobre o proceso de elaboración dun programa de radio, realizaron a gravación do programa "Primeiros meses no colexio" e por último entraron en directo no programa VOCES DE LUGO  que presenta Félix Jorquera.

Este proxecto foi proposto pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o programa Radio Voz Escolar.

O Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe) 2025 de Bibliotecas Escolares, aprobado este mesmo ano, fixa entre as súas sete liñas principais reforzar os programas de alfabetización mediática e informacional do alumnado, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

Con este motivo, ponse en marcha Radio Voz Escolar, unha experiencia piloto dirixida ao alumnado de 40 centros integrados no programa Radio na Biblio.

Desenvolverase de acordo coas seguintes características:

 a) Darase unha charla sobre a radio aos escolares no espazo que o centro habilite para iso, coordinados con Radio Voz, que abranguerá experiencias e aprendizaxes e dará consellos para a realización da actividade.

 b) Gravarase no propio centro un programa para a súa emisión en falso directo a través de Radio Voz. A emisora informará ao propio centro do día de emisión para que o alumnado e as súas familias poidan escoitalo.

 c) Os podcast estarán dispoñibles nunha nova sección na web de Radio Voz.

No seguinte vídeo podemos ver o proceso de gravación e a entrada en directo

A partir do minuto 38:35 podemos escoitar o programa de Félix Jorquera

co alumnado do colexio

CONCERTO SOLIDARIO EN LANDROVE

O  sábado, 26 de novembro, as  nenas e  nenos do colexio, xunto coa súa mestra Marta, participaron no Concerto Solidario que organizou a "Asociación Pequenos pasos de Landrove ".

No mesmo actuaron varios coros e a recadación será doada á investgación contra o cancro.

No seguinte vídeo podemos escoitar  a  actuación das  nenas  e  nenos do colexio.

Noraboa a tod@s  pois fixéronno moi ben!

 

 

CONTO RIMADO: 6º infantil

Nesta entrada podemos ver ao alumnado de 6º de Infantil, que despois de traballar a rima, fixeron un conto que podemos ver no seguinte vídeo.

PREMEDE NA IMAXE

25 de novembro

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller celébrase anualmente o 25 de novembro para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación.

Desde o colexio queremos manifestar o noso compromiso de traballar para previr a violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións e combater calquera outro tipo de violencia:

  • Facer respectar os dereitos das mulleres e das nenas. 
  • Opoñerse a todo tipo de violencia contra as mulleres tanto física como verbal. 
  • Aprender a relacionarnos respectuosa e solidariamente. 
  • Utilizar modelos e mensaxes cooperativos e dialogantes.

No seguinte vídeo podemos ver ao noso alumnado nos murais que realizamos con palabras positivas e negativas.    PREMER NA IMAXE

Un día de reciclaxe

Na mañá do xoves, 24 de novembro, as nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria tiveron un día moi ameno e vinculado ao medioambiente e a  reciclaxe.

Primeiramente clasificaron todo o lixo recollido fai unhas semanas no lavodoiro e na fonte de Celeiro, para máis adiante facer unha obra artística con todo o seleccionado e reciclar o resto nos contedores correspondentes.

Despois asistiron a unha charla organizada por SOGAMA para explicarlles o uso dos novos contedores marróns e facer un breve repaso por todos os outros.

Traballos do alumnado de 1º e 2º de Primaria

Con motivo da celebración do Día Mundial da Infancia o 20 de novembro, o alumnado de 1º de Primaria traballou sobre os diereitos das nenas e nenos ebalorando como produto final un mural representativo dos valores a defender por parte de toda a sociedade para o seu benestar. 

PREME NAS IMAXES

1º primaria

 

2º primaria

20 DE NOVEMBRO, DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

No ano 1954 a Asemblea Xeral de Nacións Unidas recomendou a todos os países que instauraran o Día Universal do Neno, deixando en mans de cada goberno a elección da data. O obxectivo desta xornada dedicaríase á fraternidade e á comprensión entre os nenos do mundo e ao fomento de actividades para promover o benestar da infancia.

A conmemoración universalizouse o 20 de novembro porque foi a data na que a Asemblea aprobou a Declaración dos Dereitos da Infancia, en 1959. O documento consta de dez principios a través dos cales se concretan para os nenos os dereitos contemplados na Declaración Universal de Dereitos Humanos.
 
A partir de 1979, con motivo do Ano Internacional do Neno, comezouse a discutir unha nova declaración de dereitos do neno, fundada en novos principios. Finalmente en 1989, tamén un 20 de novembro, asinouse na ONU a Convención sobre os Dereitos da Infancia.
 
 
 
Distribuir contido