Skip to Content

Últimas noticias

Cancioneiro Popular do CEIP de Barouta Vol. 1

CANCIONEIRO POPULAR DO CEIP DE BAROUTA vol. 1

Xa podedes ver, descargar e cantar o Cancioneiro Popular do CEIP de Barouta (volume 1) picando aquí ou nos anexos desta publicación.

Desenferruxade as voces e instrumentos, que este venres día 28 de outubro estrearemos Cancioneiro na Festa do Outono!

 

A cantar!

FESTA DO OUTONO | 2022

TERRA DE MULLERES

TERRA DE MULLERES

 

O proxecto de promoción da Igualdade e prevención da Violencia de Xénero no CEIP de Barouta deste curso é "Terra de mulleres". Comprende obradoiros para o alumnado, formación para familias e docentes, a creación dun mapa dixital onde divulgar os resultados da actividade, e un vídeo informativo coas crianzas como protagonistas. O traballo coas familias e docentes é clave nesta proposta, para contribuír dun xeito integral á sensibilización en materia de xénero e multiplicar o impacto das accións. Celebraremos dúas sesións de 1,5h de duración, os martes 18 e 25 de outubro entre as 18 e as 19h30.

Que faremos no primeiro obradoiro?
Na primeira sesión presentaremos as participantes e o proxecto, buscando a colaboración activa das persoas adultas no devir da actividade infantil.
Poremos un pequeno marco teórico de que son os coidados, compartindo algúns referentes inspiradores que poden traer máis luz sobre este tema.
A continuación, faremos unha dinámica participativa en pequenos grupos na que explorar como foron e son os coidados nas nosas vidas. Identificaremos unha muller da nosa contorna coa que nos gustaría conversar sobre este tema e seguir aprendendo.
Se temos a posibilidade, falaremos con esa persoa entre a primeira e a segunda sesión, en base a unhas cuestións previamente dadas.

Obxectivos dos obradoiros:
- Sensibilizarnos fronte a este tema, camiñando cara modelos sociais, familiares e de crianza máis xustos e transformadores.
- Xerar un espazo de diálogo de calidade entre os diferentes axentes da comunidade educativa do centro.
- Dar a coñecer o traballo que se está facendo co alumnado en Terra de Mulleres, buscando a complicidade coas familias e docentes e estimulando os apoios e colaboracións.
- Reflexionar sobre os coidados desde unha perspectiva práctica e vivencial.

As sesións están abertas a familiares en xeral, así que agardarmos poder contar con algún membro das familias da nosa comunidade!

Formulario de inscrición:
https://cryptpad.fr/form/#/2/form/view/YiMzgUOUIYvfVMDHNV-SbZnj11vWn37KsGoVptvhAtg/

Lembrade que poderedes vir ata a escola coas crianzas, pois haberá un servizo de garda con entretemento para elas a cargo de Biosbardos.

Asemblea de Centro | Inicio de Curso 2022/2023


Mañá pola tarde convidamos a todas as familias a unha asemblea de inicio de curso, na que tentaremos resolver todas as dúbidas que haxa e recoller todas as suxerencias e propostas que nos acheguedes.

Martes, 6 de setembro de 2022
17h00
Biblioteca do CEIP de Barouta
Videoconferencia en Webex 843841035

Agardámosvos!

O CEIP de Barouta foi seleccionado para formar parte da rede de Polos Creativos

O CEIP de Barouta foi seleccionado para formar parte da rede de centros dos Polos Creativos no curso 2022-2023.

O proxecto presentado polo CEIP de Barouta céntrase na creación de espazos tecnolóxicos para desenvolver os proxectos que xa estamos a traballar, e foi seleccionado con unha das mellores puntuacións dos presentados.

O noso Plan Dixital de Centro, quere darlle especial importancia ao traballo dende os Polos Creativos, facendo fincapé na idea de espazos abertos a toda a Comunidade.

Dende o Claustro de Barouta estamos ilusionados con esta nova oportunidade para desenvolver a nosa idea de centro, dende unha visión innovadora e de traballo baseado en proxectos.

Axudas Material e Fondo Libros | LISTAXE DEFINITIVA

 

Desde hoxe está publicada no taboleiro interior de anuncios do colexio a LISTA DEFINITIVA DA SOLICITUDE ED330B AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR E LIBROS. De acordo coas Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos sobre o Proceso de Admisión do Alumnado, e coa Lei de Protección de Datos, non podemos publicar nin trasladar información desta lista a través doutro medio.

O reparto de cheques para axuda a material escolar, así como o das Axudas Libros e as existencias novas do Fondo Libros, repartirase en setembro, unha vez feita a adscrición do profesorado (primeiro Claustro do ano académico no que se asigna cada mestra/e a unha titoría)

 

Axudas Material e Fondo Libros | LISTAXE PROVISIONAL

 

Desde hoxe está publicada no taboleiro interior de anuncios do colexio a LISTA PROVISIONAL DA SOLICITUDE ED330B AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR E LIBROS. De acordo coas Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos sobre o Proceso de Admisión do Alumnado, e coa Lei de Protección de Datos, non podemos publicar nin trasladar información desta lista a través doutro medio.

 

ACLARACIÓNS

  1. Esta axuda é só para o alumnado de Ed. Primaria, non para Ed. Infantil.
  2. O alumnado de 1º EP e 2º EP non forma parte do Fondo Libros, sí da convocatoria "Axudas Libros" (en caso de ser beneficiarios/as da axuda, recibirán un cheque nominativo para a compra de material e, de ser o caso, outro para libros de texto)
  3. O alumnado de 3º e 4º  EP opta á convocatoria de Libros do Fondo do Colexio e ao cheque de material. 
  4. O alumnado de 5º EP e 6º EP non terá libro de texto, formará parte do programa de Educación Dixital da Consellería "E-DIXGAL", e disporá en setembro dun ordenador persoal en réxime de cesión. Optarán ao cheque de axuda para o material escolar.
  5. O reparto de cheques para axuda a material escolar, así como o das Axudas Libros e as existencias novas do Fondo Libros, repartirase en setembro, unha vez feita a adscrición do profesorado (primeiro Claustro do ano académico no que se asigna cada mestra/e a unha titoría)

 

As persoas que presentastes a solicitude de maneira telemática, podedes consultar a resolución a través da aplicación.

 

Contra a presente LISTA PROVISIONAL hai 48h de prazo de reclamación. O martes día 12 de xuño publicaremos a LISTAXE DEFINITIVA

EXPOSICIÓN FINAL P.D.I 2021/2022 | Imaxes Literarias

EXPOSICIÓN P.D.I
Proxecto Documental Integrado
IMAXES LITERARIAS

Xoves, 9 de xuño de 2022
12h15

Ver as imaxes do PDI na Galería.

Este ano o Proxecto Documental Integrado "Imaxes Literarias" levounos a tomar consciencia en torno ao poder da imaxe e á necesidade da palabra a través das diferentes manifestacións artísticas. Agora, co remate do curso poñemos tamén fin a este proxecto e, como viña sendo costume antes da pandemia, convidámosvos á exposición final con visita guiada polo alumnado. Será este xoves día 9 de xuño ás 12h15. 

Para que poidades facer un mellor e máis cómodo seguimento da exposición, se houbese moita xente faremos dous pases: un ás 12h15 e outro ás 12h30.

Grazas a ComuniKT poderás seguir ao vivo a retransmisión da exposición.

Agardámosvos!

 

5º CARREIRA SOLIDARIA "Móvome pola Paz" 2021

 

CARREIRA SOLIDARIA "Móvome pola Paz"

29 de xaneiro de 2021

 

 

Prezadas familias,

Infelizmente este ano non poderemos conmemorar o Día da Paz con vós, nin con outros Centros convidados, no encontro que todos os anos faciamos ao redor da "Carreira Solidaria" (https://www.youtube.com/watch?v=Hbq_NX_IDFc)

A pandemia da COVID19 require medidas extraordinarias que todas as persoas estamos notando. Con todo, é importante que valoremos tamén o esforzo enorme que está facendo o noso alumnado, e en xeral todas as nenas e nenos. Se ultimamente escoitamos dicir que os Centros Educativos son entornos seguros, é grazas á actitude e responsabilidade do alumnado, un dos grupos sociais máis respectuosos coas normas e protocolos COVID19.

O noso día a día, e os medios de comunicación, fannos colocar a atención en exclusiva cara as dificultades e problemas do mundo das persoas adultas, sen darnos conta que a infancia segue e está aquí, tamén sufrindo unha grande perda de dereitos fundamentais nunha etapa de desenvolvemento decisiva na súa vida.

Por tal motivo decidimos organizar tamén este ano a 5ª Carreira Solidaria Móvome pola Paz e a Recollida de Alimentos, mantendo todas as medidas de seguridade e hixiene. O alumnado correrá no exterior, con máscara, mantendo os agrupamentos burbulla, sen público e nun circuíto dentro do recinto escolar. Recordade que o que pretendemos con esta actividade é facer literal o de "Moverse pola Paz", non é unha carreira competitiva.

Desde hoxe, luns día 25 de xaneiro podedes enviar ao Centro os alimentos e produtos de hixiene que logo doaremos ao Banco Municipal de Alimentos do Concello de Ames para a súa distribución.

Este ano agradecémosvos que, máis que nunca, poñades a "Ollada na Infancia" á hora de enviar os alimentos e productos. Non queremos dicir que deixedes de mandar aceite, arroz, deterxente de lavar a roupa, etc, senón que pensemos no que ás nenas e nenos lles gustaría recibir do Banco de Alimentos: cereais, cacao, dentífrico/cepillo infantil ou mesmo unha colonia (por dar algúns exemplos que, seguro, se vos ocorren mellores)

Finalmente, tal como tamén é costume, correremos o día 29 coa camisola branca "oficial" do CEIP de Barouta. Xa fixemos pedido para o novo alumnado. Así como nos cheguen, avisaremos para que as poidades comprar.

Moitas grazas pola vosa colaboración e comprensión

Recibide un agarimoso saúdo,

 

Distribuir contido


by Dr. Radut