Skip to Content

Recomendacións para o verán antes de comezar o período de adaptación.

 

O período de adaptación é o conxunto de fases polas que pasan as nenas e nenos para adaptarse á nova situación escolar que non é coñecido nin habitual. Debemos planificar este período de adaptación tal e como se establece na lexislación polo que adaptaremos o horario do alumnado e tamén o tipo de actividades. De ser necesario, adaptaríanse os agrupamentos.

Así, o horario do alumnado que se incorpore por primeira vez ao centro educativo será moi reducido (30 minutos aproximadamente) para ir ampliándose progresivamente ao longo dos días ata chegar a completar as 5 horas lectivas.

En canto ás actividades do período de adaptación serán fundamentalmente lúdicas, baseadas na presentación de compañeiros/as, mestres/as e persoal non docente; no coñecemento de espazos de aula e de centro (interiores e exteriores); no uso de materiais de aula e xoguetes; aprendizaxe de rutinas básicas tales como chegada, tarefas de encargado/a, asemblea, hora de ler, hixiene e merenda, saída... e outras actividades planificadas pola titora.

É primordial que os pais e nais colaboren na adaptación dos seus fillos e fillas. Para conseguir isto é importante que as nenas e nenos estean acostumados a realizar unha serie de tarefas na casa que impliquen unha autonomía nas áreas para evitar unha gran diferenza entre a casa e a escola e tamén para apoiar a labor docente.  Por esta razón as nais e pais deben realizar na casa as seguintes actividades e así potenciar as diferentes áreas de desenvolvemento.

Área da linguaxe:

-Falar co/a neno/a sobre aspectos da súa vida cotiá.

-Cando está xogando que nos exprese a que xoga, con que xoga…

-Dicir as palabras cunha pronunciación o máis correcta posible.

-Non entenderlle todo, as nenas e nenos deben esforzarse por falar ben.

Área de hábitos e autonomía:

-Vestirse e desvestirse: deben ir colaborando na medida das súas posibilidades. É esencial que saiban subir e baixar, e sacar e poñer a súa roupa.

-O baño: dende os 3 anos poden ir ao baño por si mesmos, cando teña ganas, sen necesidade de que sempre o acompañe un adulto. Deben aprender a usar correctamente o papel hixiénico. Por suposto, este verán é o momento idóneo para deixar o pañal se aínda non o fixeron. 

-Xogo: dedicar un cachiño cada día para xogar cos vosos fillos e fillas, que non o fagan sempre sos. Cando rematen, que recollan eles, non vós.

-Biberón e chupete: son un inconveniente para o bo desenvolvemento dental, afectivo, lingúístico e social. É importante que se aínda os seguen usando que os deixen totalmente. 

-Descanso: os nenos e nenas necesitan descansar o suficiente e deben ter sempre o mesmo horario para deitarse e espertar. É aconsellable durmir unha sesta de media hora.

-Lavado de mans: ensinádelle a usar correctamente o xabón, a lavar moi ben as mans e a secalas correctamente.

-Aprender a sonarse sos: empregando correctamente os panos de papel. Recordarlle que unha vez usados deberán tiralos na papeleira.

-Comida: probar diferentes alimentos e ensinarlle a abrir unha botella de auga e unha fiambreira.

Tamén é importante saber abrir e pechar a mochila.

Pensade que todos estes hábitos son moi recomendables sempre e sobre todo coa situación actual derivada da COVID-19.

OUTRAS SUXERENCIAS:

 

Ø   

Creade actitudes positivas respecto ao colexio: comentádelle as vosas fillas e fillos o que hai na escola, as actividades que van a realizar, os nenos e nenas cos que van a xogar, os materiais, os xoguetes que van a atopar… E sempre destacade o positivo! 

Se seguides estas recomendacións no verán seguro que o período de adaptación dos vosos fillos e fillas se facilita moito.

Moitas grazas pola vosa colaboración e bo verán!

A titora de Educación Infantil



page | by Dr. Radut