Merenda saudable e divertida
Bos días familias:
Para o día de hoxe propoño facer unha merenda saudable con froitas. A alimentación saudable é fundamental para as nosas vidas e é na etapa de educación infantil onde se asentan as bases da educación para a saúde.
Neste sentido, podedes recordar cos nenos e nenas as cores das froitas, algunhas formas xeométricas, contar cantas froitas usamos, que eles mesmos corten as froitas con coitelos de plástico (para que non se fagan dano), contar en cantos cachiños cortamos as froitas...
Seguro vos queda unha merenda saudable, saborosa e moi divertida!
Sobra dicir que poden ser as nenas e nenos os que elaboren o seu prato coas froitas que queiran.
Outra proposta é debuxar as froitas empregadas e escribir (como eles/as saiban) ou copiar o nome desa froitas. Tamén poden fotografiar a súa merenda e incluso debuxar o prato unha vez que o teñen preparado. A maiores poden recortar froitas dun catálogo de supermercado e pegalas dentro do debuxo dun prato. Como podedes ver, un mundo de posibilidades para aprender con algo tan simple como unha merenda.
Podedes enviar as vosas fotografías se queredes ao correo polo que vos enviamos estas mesmas propostas. Espero que vos guste moito!
Saúdos.
A coordinadora de ciclo