CURRÍCULUM DE IRIA RGUEZ CUEVAS QUE IMPARTIU O I CURSO DE TÉCNICA VOCAL INFANTIL DO CORO CEIP NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS

 

Iria Rodríguez Cuevas

Natural de Ponteareas, inicia os seus estudos musicais na especialidade de Piano no conservatorio da súa vila natal. A súa etapa como membro da Coral Polifónica da Escola de Música de O Porriño, coa que protagoniza actuacións por toda a xeografía española e no estranxeiro así como o rexistro de varios traballos discográficos, influirá definitivamente na que será a súa verdadeira vocación: o canto.

No ano 2001 ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Vigo onde obtén o Título Profesional na especialidade de Canto. Continúa a súa formación no Conservatorio Superior de Música de Vigo e, baixo a tutela de Teresa Novoa, remata os seus estudos superiores con altas cualificacións. Asimesmo, asistiu a diversos cursos de interpretación vocal como os impartidos polos mestres Miguel Zanetti, Jorge Robaina (Escola Superior de Canto de Madrid), Daniella Pastorello ou Thomas Busch (Conservatorio de Música de Mantua).

Ten realizado numerosos recitais, acompañada polos pianistas Alejo Amoedo, Xesús Pardal, Pablo Rodríguez e Carlos Enrique Pérez, e concertos nos que actuou como solista con diferentes agrupacións camerísticas e orquestrais. No eido escénico, destacan as interpretacións de sendos papeis protagonistas na zarzuela El Barberillo de Lavapiés de Barbieri e na ópera de Cimarosa Il Matrimonio Segreto, ámbalas dúas baixo a dirección escénica de Beatriz Riobó.

Entre as súas actuacións e proxectos máis recentes atópanse a súa participación no Concerto a favor da Educación en Perú (Teatro Caixanova de Vigo, xuño 2010) e a interpretación dunha das voces solistas do Requiem de Mozart, en colaboración coa Orquestra Sinfónica Cidade de Pontevedra (Pazo da Cultura de Pontevedra, abril 2011) así como a obtención do Premio á Excelencia Musical 2011 outorgado pola Xunta de Galicia e a “Asociación Paideia” conlevando a gravación dun disco acompañada polo pianista Alejo Amoedo (xaneiro de 2012).

Diplomada en Educacion Musical pola Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra, dende o ano 2003 exerce a súa labor docente e, na actualidade, o seu destino profesional atópase no CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas .