PROXECTO DE FOMENTO DO USO DO GALEGO

PROXECTO DE FOMENTO PARA O USO DO GALEGO

DO EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

 

INTRODUCIÓN      

  Para potenciar o uso da lingua galega no centro constitúese o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, tal e como dispón o actual Decreto 124/2007,do 28 de xuño, no artigo 18; que actuará baixo a supervisión da Dirección do centro e está composto por mestres/as dos distintos ciclos educativos, 1 mestra titora de E. Infantil, 1 titora do 1º Ciclo de Primaria, 1 do 2º Ciclo de Primaria, 1 do 3º Ciclo de Primaria, 1 especialista de Música, e 1 especialista de Audición e Linguaxe, que exerce como coordinadora,  asemade poderán incorporarse ao traballo de equipo outros membros da comunidade educativa para tratar temas puntuais.        O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, reúnese con carácter ordinario unha vez ó mes, e con carácter extraordinario, todas aquelas veces que sexa necesario para dar cumprimento as súas funcións.       Neste proxecto incluímos as actividades e material que o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística considera necesarios para o curso 2007-2008, para poder dar cumprimento dos obxectivos propostos por este equipo e que figuran na Programación Xeral Anual.      Hai que salientar  que a pesares de que unha boa parte do noso alumnado provén do rural con fala galega, unha gran maioría, agora que se está a revisar o estudo sociolingüístico do centro, é castelán falante. Polo que o noso obxectivo fundamental é acadar unha correcta competencia comunicativa no uso do galego tanto a nivel oral como escrito, ao abeiro da Lei 3/1983 do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2 e 148.1º 17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece a obriga de garantir o uso normal do galego e do castelán , así como que o galego é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos. Igualmente o Plan Xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade o 22 de setembro de 2004 reitera a necesidade de promover e apoiar aquelas medidas que axuden a incrementar o uso da lingua galega, quedando regulado o seu uso e promoción no actual Decreto 124/2007, do 28 de xuño para a súa aplicación en todos os centros docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (DOG nº 125, do 29 de xuño).
1.- DATOS FÍSICOS DO CENTRO   1.a) SITUACIÓN DO CENTRO E GRAO DE DISPERSIÓN.            

O C.E.I.P. “A Nosa Señora dos Remedios” está situado no centro urbano da vila de Ponteareas na rúa Azorín, s/n. A este colexio acoden alumnos e alumnas das parroquias de Padróns, Ribadetea, Pías, Nogueira, Moreira, Bugarín  e Cristiñade, así como parte do alumnado do centro urbano de Ponteareas. Hai escolas de educación infantil en Ribadetea e unha escola de educación infantil e 1º ciclo de E. Primaria en Pías. O alumnado destas escolas sigue os estudios de E. Primaria no C.E.I.P.  “Nosa Señora dos Remedios”.  Tamén acoden ao Colexio alumnos e alumnas de E. Infantil que viven no casco urbano de Ponteareas, segundo a distribución feita pola Administración. A poboación nestas parroquias é moi dispersa e funciona o servizo de comedor no Colexio. Xeograficamente estamos incluídos na Comarca do Condado.      

1.b) TRANSPORTE            

Algo menos da metade dos alumnos e alumnas deste Colexio veñen no transporte escolar por mor das grandes distancias que hai entre as súa vivendas e o Centro (nalgúns casos máis de 10 quilómetros). Os alumnos/as transportados xantan no comedor do Colexio.      

1.c) SERVIZOS E ASOCIACIÓNS            

Dentro da zona á que pertence o alumnado deste Centro hai que diferenciar entre os servizos que existen no núcleo urbano de Ponteareas e os que existen nas outra parroquias.             No casco urbano de Ponteareas podemos dicir que existen todos os servizos propios dunha vila que, polo seu número de habitantes en constante aumento, non tardará moito en ser cidade. Hai catro farmacias, un pavillón deportivo, Piscina Municipal Climatizada, tres colexios públicos e dous privados concertados, biblioteca, Museo, Auditorio, Taxis, varias librerías... Hai tamén un centro médico da Sanidade Pública ao que acoden todos os veciños do concello incluídos os das parroquias. Tamén hai tres Institutos de Ensino Secundario ( o IES Val do Tea e o I.E.S. Pedra da Auga e o Centro de Formación Profesional Agrícola A Granxa, hoxe convertido en I.E.S. mantendo as especialidades que tiña).             Nas parroquias son moitos menos os servizos cos que contan. Nalgunhas hai Comunidades de Montes, Asociacións de veciños, Casas culturais, campo de fútbol e pouco máis. Teñen servizo regular de transporte moi restrinxido, polo que ás veces non é fácil facer que os pais/nais poidan vir ao Colexio a non ser por medios propios de locomoción. En todas está xeneralizado o teléfono.      

1.d) SERVIZOS DO CONCELLO QUE INFLÚEN NA NOSA COMUNIDADE ESCOLAR.            

Como se sinalou antes hai un Centro de Saúde na capital do Concello ao que acoden todos os veciños tanto do centro urbano como das parroquias. Neste Centro de Saúde hai un servizo de urxencias, aínda que todos os casos un pouco graves son enviados ao Hospital do Meixoeiro de Vigo. As especialidades médicas están en Vigo. Hai así mesmo, un servizo de ambulancias.             O Concello conta con asistenta social e con algúns servizos de apoio escolar (psicóloga, logopeda,...) que están concentrados en ASPRODICO, unha entidade creada para atender a nenos/as con graves problemas. Trátase dunha entidade semiprivada.             No auditorio municipal fanse algúns dos festivais organizados polo Colexio. Tamén hai unha Biblioteca Municipal e unha ludoteca que ofertan algunhas actividades para o alumnado da zona. Os alumnos do CEIP Nosa Señora dos Remedios fan uso deste servicio unha vez por trimestre.             Hai recollida de lixo diaria de luns a sábado no centro urbano do pobo e nas parroquias tamén hai recollida do lixo pero non diaria.       

1.e) NIVEL SOCIOCULTURAL         

 Unha boa parte da poboación pertence á clase media-baixa. Nas parroquias hai bastantes familias con dificultades económicas importantes. O nivel de estudios non é moi alto na maioría dos pais e nais destas parroquias, aínda que pouco a pouco van sendo máis os que seguen estudando despois do ensino obrigatorio. No casco urbano hai de todo, pois tanto veñen alumnos/as de familias cunha boa situación económica como outras con dificultades moi importantes que incluso teñen que pedir axudas para compra-lo material escolar.             Comeza a ser importante a presenza de alumnos/as estranxeiros e minorías étnicas que requiren dunha atención especial para que se integren axeitadamente co resto do alumnado.                                              
  1.f) LINGUA MAIORITARIA 

            A lingua maioritaria no alumnado do Colexio é o Galego. En case todos os alumnos e alumnas que veñen das parroquias do rural o Galego é a lingua empregada e é a lingua na que aprenden a falar. Nos alumnos/as da capital do Concello unha boa parte falan a lingua castelá, aínda que na maioría dos casos, con estruturas propias do Galego e incluso con palabras galegas (castrapo).              Hai influenzas do portugués pola proximidade que hai entre a nosa zona e a fronteira con Portugal. Nótanse estas influenzas moito nos numerosos casos que hai de alumnos/as e incluso de pais e nais que teñen rotacismo, así como nalgunhas das palabras que empregan.       

1.g) RECURSOS DO CENTRO      

1.g.1) PERSOAIS                     

Este colexio consta de 15 unidades de E. Primaria e 7 de E. Infantil, segundo o catálogo de postos de traballo.Neste catálogo figuran 14 postos de E. Primaria, 7 de E. Infantil, 2 especialista en Pedagoxía Terapéutica, 1 especialista en Audición e Linguaxe, 2 especialistas en E. Física, 3 especialistas en Filoloxía Inglesa, 1 especialista en Primaria Francés, 1 especialista en Música e un orientador.           Este curso ademais hai a maiores 1 mestra especialista en Apoio a Estranxeiros, dúas mestras de apoio a  E. Infantil  nesta etapa e un mestre PROA, contratado pola Consellería especificamente para esa función. Para impartir a Relixión hai dúas mestras nomeadas pola Consellería e compartidas con outros centros. Como persoal non docente, hai unha conserxe que pon o Concello de Ponteareas e que ten vivenda no Colexio, 1 cociñeiro, 2 axudantes de cociña. O servizo de limpeza está feito por 2 limpadoras a cargo do concello.Por outra banda, para atender o comedor hai un grupo de nais/pais que vixían o comedor e o tempo do xantar. Non contamos con persoal non docente administrativo.         1.g.2) RECURSOS ESPACIAIS           

O Colexio foi construído para 16 unidades. Pero hai dous cursos comezou a funcionar unha ampliación na que se instalaron  7 unidades de E. Infantil. Quedando na edificación antiga 15 unidades de E. Primaria, e as aulas anteriormente habilitadas para a E. Infantil repartíronse para aula de Inglés, vídeo, material e instalación dun canón coa súa pantalla para as sesións de Estimulación da Linguaxe en Infantil levadas a cabo pola mestra de Audición e Linguaxe; a outra aula de infantil pegada ao pavillón quedou para a Psicomotricidade en Infantil, aínda que non é moi axeitada.                        Hai unha aula que funciona como aula de informática e outra como aula de música. Tamén temos un local onde está a Biblioteca Xeral do Centro,  que basicamente funciona como un servicio de préstamo.             A aula de apoio e a aula de audición e linguaxe están en dependencias en principio disposta para outros usos. O despacho do Orientador está no local antes destinado ao Gabinete Médico. Non hai aula para laboratorio nin unha aula de usos múltiples adecuada. Hai dúas pequenas dependencias para titorías, unha sala de profesores/as, un local para a Dirección, outro para a Secretaría e outro para a Xefatura de Estudios. Non hai un local axeitado para poder facer os festivais ou actividades nas que participe todo o alumnado do colexio.Tampouco hai unha dependencia que poda ser ocupada pola ANPA. En canto a instalacións deportivas a situación non é moi boa. Non hai unha pista cuberta, polo que cando chove (e isto sucede nun número moi importante de días do curso) non hai un lugar onde poidan xogar os alumnos/as; a dependencia que funciona como ximnasio cando chove está impracticable pola humidade e a condensación que ten, facendo perigoso face-la Educación Física na mesma. Hai unha pista con cemento descuberta e un terreo de terra con dúas porterías de fútbol para xogar os nenos/as. No patio hai algunhas zonas achegadas ao muro con importantes desniveis que poden resultar perigosos para o alumnado. Aínda que recentemente se investiron unhas cantidades importantes de diñeiro por parte da Consellería, son moitas as deficiencias que segue a ter un Colexio que se fixo hai case corenta anos, cando se puxo en marcha a Lei Xeral de Educación de 1970.                     

1.g.3) RECURSOS MATERIAIS            

O Centro conta cos recursos materiais sinalados no inventario do mesmo. Ademais tamén se utilizarán os materiais propios do alumnado.       

 1.h) RATIO            

A ratio de alumnos/as por grupo é de 25, seguindo a lexislación vixente.


 2.- IDENTIDADE. 

A) LÍNGUA DE APRENDIZAXE            

 Partindo de que a lingua maioritaria dos/as alumnos/as do Colexio é o Galego, propoñemos que a aprendizaxe das técnicas instrumentais se debe facer en lingua galega. Polo tanto, en E. Infantil e no 1º ciclo de E. Primaria, usarase o Galego como lingua de aprendizaxe, sen excluír a Lingua Castelá nas horas legalmente establecidas. No segundo e terceiro ciclo de E. Primaria, respectaremos a legalidade vixente tanto con respecto ao uso da Lingua Galega como ao uso da Lingua Castelá, tentando que ao remate da E. Primaria todo o alumnado do Colexio domine por igual as dúas linguas. Ao remate da E. Primaria avaliarase mediante as probas axeitadas se se cumpre ou non este obxectivo. Tamén se respectará, claro está, a legalidade vixente en canto ó ensino das linguas estranxeiras. 

B) LIÑA METODOLÓXICA            

 A metodoloxía a aplicar adaptarase á diversidade que existe entre o alumnado do Centro. Aplicarase a metodoloxía da aprendizaxe por descubrimento e da aprendizaxe significativa. Ademais, utilizaranse aquelas estratexias metodolóxicas que sexan de utilidade para acadar os obxectivos que sirvan de apoio e complemento ás citadas anteriormente. Basearémonos polo tanto, nos seguintes principios:             *Globalización.            *Socialización.            *Individualización.                 *Actividade.            *Dificultade progresiva.            *Interese.            

En todo caso, sempre se partirá da realidade inmediata do/a neno/a, abarcando os tres ámbitos do coñecemento (cognitivo, afectivo-social e psicomotor). Toda aprendizaxe partirá dos coñecementos que teña o/a neno/a, así como das súas características psicoevolutivas, indo de menor a maior dificultade.  Na liña co dito anteriormente, dende o intre no que o/a neno/a acode ó Colexio por primeira vez, non recibirá soamente un volume de información máis ou menos alto, senón que o/a mestre/a dirixirá os seus esforzos cara a relaciona-la aprendizaxe significativa e por descubrimento co ensinar a aprender, potenciando en cada caso as técnicas de traballo e de aprendizaxe adecuadas. A presentación das aprendizaxes será motivadora e buscando sempre espertar o interese do/a neno/a. Esta liña metodolóxica irá enfocada cara á formación e respecto dos valores humanos, democráticos e á educación para a igualdade sen discriminación por razóns de sexo, raza, relixión, etnia, nivel económico,. O material educativo elixido non deberá ir contra destes principios, e será labor do profesorado que a presentación de contidos manteña esta liña metodolóxica.Os grupos na clase faranse sen utilizar como criterio ningún tipo de discriminación de sexo, familia, raza, crenzas,... 

C) CONFESIONALIDADE           

  Por ser o C.E.I.P. “A Nosa Señora dos Remedios” un centro público, neste aspecto seguiremos a lexislación vixente, respectando todas as confesións relixiosas. Impartirase Relixión Católica a todos os alumnos e alumnas que os seus pais/nais así o desexen e os demais ocuparán este tempo con actividades alternativas á Relixión dirixidas por un mestre/a. Seguindo a normativa, os pais/nais asinarán un impreso ao comezo de curso manifestando se desexan que o/a seu/súa fillo/a reciba clases de Relixión ou non. Os pais/nais de alumnos/as de novo ingreso farano cando se matriculen.   O Colexio controlará todo tipo de actos que poidan afectar a este apartado.

 D) PLURALISMO E VALORES DEMOCRÁTICOS    

 Tentarase que o alumnado deste colexio tome conciencia da igualdade das persoas sen distinción de ideoloxías, razas, relixións, sexo, clases sociais,..., fomentando actividades de respecto e sabendo escoitar e rebater ideas dos demais con espírito crítico, pero sempre dende normas de convivencia democráticas. Fomentarase o respecto polas persoas maiores e polas que padecen discapacidades de calquera tipo. 

E) COEDUCACIÓN            

As clases serán mixtas e nunca poderá utilizarse como criterio para agrupar ao alumnado o sexo. Non existirá ningunha actividade lúdica, docente,..., que estea especialmente dirixida a un sexo determinado. Nas actividades e servicios complementarios, como o Comedor, non existirán tarefas diferenciadas segundo o sexo. A educación será integral, non habendo ningún tipo de diferenciación en canto as materias, charlas, conferencias, ou calquera outro aspecto referente ao ensino. 

3.- relacións entre os membros da comunidade educativa A) RELACIÓNS MESTRES/AS-PAIS/NAIS           

  No comezo de cada curso os/as mestres/as manterán contactos cos pais e nais dos seus alumnos/as. Para isto poderán utilizarse os seguintes medios:            *Reunión colectiva con tódolos pais/nais do seu grupo.            *Entrevista individual con cada un.           

En todo caso, estas reunións e entrevistas faranse durante o 1º trimestre de curso.  Ao longo do curso poderá recibirse ós pais/nais, segundo o horario de atención ós pais/nais que se estableza e que deberá ser comunicado a todo o alumnado. Sempre que sexa posible, a atención ós pais será previa cita.             No caso de que os pais/nais non acudan a unha chamada do mestre/a, volverá a producirse a convocatoria por algún medio polo que quede constancia de que a citada convocatoria lle chegou ao pai ou á nai do alumno/a en cuestión.             Cando algún alumno/a teña faltas de asistencia, estas deberán ser xustificadas polos pais. No caso de que haxa un número importante de faltas de asistencia sen xustificar, o Colexio porase en contacto con quen corresponda (asistencia social, Consellería de Familia,...) para que adopten as medidas oportunas.

 B) RELACIÓNS CENTRO – A.N.P.A.          

   O Centro manterá todos os contactos que se estime oportunos coa A.N.P.A. naqueles temas nos que sexa importante contar con ela. O Centro estará sempre en boa disposición para tratar as propostas que faga a A.N.P.A., mantendo todas as reunións que sexan necesarias. 

C) RELACIÓNS CENTRO – CONCELLO           

  O Centro participará naquelas actividades que promovidas polo Concello, sexan aprobadas polo Consello Escolar do Colexio e sexan consideradas de interese para o alumnado do mesmo.             Do propio Centro poderán partir propostas nas que pode participar e colaborar o Concello. Serán utilizadas dependencias propiedade do Concello para levar adiante algunhas das actividades de Colexio, como por exemplo os festivais que se fagan en local pechado procurarase que sexan no Auditorio Municipal. 

D) RELACIÓNS CENTRO-OUTROS CENTROS.            

 O Colexio poderá participar e promover actividades de intercambio cultural e deportivo con outros colexios, tanto da zona  como de outras partes da Comunidade Autónoma. Todos os anos participamos no Certame Literario organizado polo CEIP Santiago de Oliveira con motivo das Letras Galegas; ademais de cartearse con el todos os niveis de E. Primaria. 

 E) CENTRO – EXALUMNOS/AS Promoveranse actividades nas que poidan participar e colaborar. 

F) CENTRO CON OUTRAS ENTIDADES             Promoveranse actividades nas que poidan participar outras asociacións ou colectivos, co fin de fomentar o intercambio cultural con outras zonas e a formación e relacións sociais dos/as alumnos/as do centro cos de outras zonas.             Solicitarase a colaboración da Deputación e de outras entidades nestas actividades. Tamén solicitaremos a colaboración  e axuda de persoas e colectivos alleos ao Colexio para organizar actividades de diverso tipo (ecolóxicas, Letras Galegas, Día da prensa, Día do libro, conferencias,...)            Todos os cursos os alumnos de 6º de Primaria visitan o Museo de Pontevedra, actividades subvencionada pola Deputación Provincial. 

4.- PLAN XERAL PARA O USO DO IDIOMA     

       Este equipo ten marcado un obxectivo fundamental: 

-  Impulsar o uso do Galego no colexio, en todos os ámbitos e en todas as situacións, facendo consciente da súa transcendencia a toda a comunidade escolar.           

Outros obxectivos son:   

-  Intentar promover que a lingua vehicular sexa o Galego e que os materiais curriculares estean en Galego, seguindo sempre unha liña de persuasión e motivación e non de imposición, no convencemento de que esta última faría estériles os nosos obxectivos.

-  Procurar a ampliación do fondo bibliográfico galego, infantil e xuvenil, da Biblioteca Escolar.

-  Procurar e facilitar contidos da realidade cultural galega para a súa inclusión nos currículos.

- Continuar coa edición da revista escolar (un nº por trimestre) como medio de comunicación e expresión, na que participen todos os niveis; na que se irán aplicando as Tics, presentándoa na web do colexio e en formato dixital.

- Levar a cabo visitas escolares, realizando as correspondentes actividades que teñan especial significación coa cultura galega, preferentemente no entorno próximo (Castro de Troña, Museo Municipal, Muíño das Córtellas, Castelo de Sobroso...)

- Valorar o intercambio cultural dos nosos alumnos/as e procurar unha adaptación tolerante e positiva por todos os membros da Comunidade Educativa.

- Colaborar coa mellora do proceso lector en galego a través da mascota  “Popi”  mediante a creación de contos polos alumnos dos distintos cursos, que incrementarán o noso recuncho creativo na Biblioteca.

-  Fomentar o uso do galego e o axudar no proceso lector coa creación de contos que parten oralmente de Infantil e van ao 3º Ciclo de Primaria para a súa redacción, logo  no 1º e 2º Ciclo encárganse da súa ilustración e encadernación,  tamén da gravación das voces unha vez que os do 3º Ciclo fagan o escanado para o formato dixital. Rematando cunha proxección e representación teatral do conto máis votado para toda a comunidade educativa.    

5.- PLAN ESPECÍFICO  

  En cumprimento do disposto polo Decreto 124/2007,do 28 de xuño, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Segundo se establece no Artigo 7 do citado Decreto a lingua que se emprega na E.Infantil é a materna (até o de agora o galego,estando todo o material en galego pero respectando a lingua materna nos casos que non é o galego) coidando  que os alumnos adquiran, de forma oral e escrita, coñecementos na outra lingua oficial de Galicia. No 1º Ciclo da E. Primaria o material curricular está en Galego, agás o de Lingua Castelá e no 2º e 3º Ciclo da E. Primaria a terceira área en Galego era a de Matemáticas, pero tamén se impartían en galego a Música e a Educación Física; a partires do novo Decreto e segundo dispón no seu Artigo 8 en toda a etapa de educación primaria impartiranse en galego ademais das anteriores a de Educación para a cidadanía e dereitos humanos.        Para acadar os obxectivos expostos levaranse a cabo unha serie de actividades que aparecen na programación Xeral Anual, e aquelas que vaian xurdindo a longo do curso e sexan de interese.        Hai que salientar que durante os dous últimos cursos  con motivo de darlle un impulso ao uso da Biblioteca e animar a lectura aos nosos alumnos/as creouse unha mascota a partires dun concurso entre os alumnos de todos os niveis, saíndo elixida unha vaca de nome Popi; que nun principio se ampliou en relevo para a porta da Biblioteca e que se encargaba de facerlles chegar unha vez por trimestre unha carta a cada aula onde se lles pedía a creación dun conto a partires dunha idea. Tamén  se  creou unha mascota, o máis semellante a realidade posible, pero tendo sempre como modelo a orixinal, para o interior da Biblioteca e así lles resultase máis motivadora e actuase  tamén como elemento de compañía a hora da lectura.        Tamén o curso pasado se comezou a elaboración do xornal  co ordenador coa axuda da clase de Informática, que  empezou a funcionar de xeito xeral para todos, pois nos ordenadores desa aula aparece unha carpeta co logotipo da “Pita Faladora” onde iran deixando os seus traballos para logo seleccionar e elaborar o remate de cada trimestre.            Nos dous últimos cursos  veuse celebrando unha convivencia no mes de xuño co gallo do remate do curso na E. Infantil, hai que salientar aquí, que ademais de continuar a facerse  en cursos vindeiros os talleres de traballo constan de varias actividades e entre elas esta o teatro e o conta contos que se levan a cabo en galego; nesta convivencia ademais dos titores desta etapa e algúns especialistas están implicados tamén os pais e nais dos alumnos/as.       Na E. Primaria como remate de curso os mestres especialistas de Educación Física, e coa axudas dos demais mestres desta etapa, propuxeron un circuíto de xogos populares e baile.       Neste curso ademais do acto das Letras Galegas dedicado a Xosé Mª Álvarez Blázquez pretendese que os alumno elaboren carteis mensuais para ir coñecendo a súa vida obra e época ao longo do curso; tamén se pretende renovar os carteis que nomean as aulas con diferentes escritores galegos e engadir a lista os das aulas do novo edificio que aínda están sen nomear.       Co gallo do novo decreto e para darlle un pulo ao uso do galego e ao proxecto lector quérese comezar unha nova actividade que permaneza nos vindeiros cursos como é a creación de contos implicando a todos os niveis e tanto oral coma escrito ademais de vincular as novas tecnoloxías sen deixar atrás o tradicional. Pretendese que a actividade parta de E. Infantil a nivel oral para en Primaria darlle formato de libro e logo de gravación nun programa de ordenador como pode ser o movie-maker ou powerpoint, para rematar con proxección e representación teatral.       A continuación detállanse as actividades pensadas para acadar os obxectivos propostos. O proxecto forma parte da PXA e algunhas das actividades levadas a cabo fináncianse directamente dos gastos de funcionamento do centro. Por iso non aparecen reflectidas neste cadro: 
  ACTIVIDADES 

 ACTIVIDADE  PARTICIPANTES  TEMPORALIZACIÓN  CUSTO
Actualización fondos en L. Galega Todos Todo o curso  
Elaboración e actualización dos nomes das aulas, traballando o/a autor homenaxeado Todos 1º e 2º  trimestre  
Elaboración do PSL e PL do centro Membros do Equipo Todo o curso  
Creación de contos a partires dunha palabra, partindo oralmente de E.I. e elaborar en formato impreso e dixital os de E.Primaria, con gravación e posterior representación para toda a comunidade educativa Todos Dende o inicio do curso até o 23 de abril, Día do Libro, que se remata coa exposición e representación en vídeo e teatro dos contos creados  
Circuíto de xogos populares E. Primaria e E.Infantil Celebración do Magosto  
Representacións teatrais e panxoliñas Todos os niveis Festival de Nadal  
 Visita ao Museo de Pontevedra 6º A , 6º B e 6º C 3 de Outubro  
Saída ao Auditorio para ver “Títeres na Escola” 1º Ciclo de E. Primaria 8 de Novembro  
Recollida, escanado e montaxe do xornal nº 24 de “A Pita Faladora” Todos Decembro  
CaixaNova: Música Popular Galega 3º de E.Primaria 21 de Xaneiro  
Día da Paz: Nas aulas actividades do Seminario Intercultural, logo no patio formaranse palabras humanas referentes a Paz Todos os niveis 30 de xaneiro  
Naturnova visita 5º E. primaria 22 de Xaneiro  
Exposición e degustación de sobremesas de Entroido Todos os niveis 31 de Xaneiro  
Desfile polo pobo dos disfraces de Entroido rematando no patio co acto da Paz Todos os niveis 1 de Febreiro  
Caixa nova: Os instrumentos 6º E. Primaria 21 de Febreiro   
Recollida, escanado e montaxe do xornal nº 25 de “A Pita Faladora” Todos Marzo  
Participación no Certame literario do Ceip Santiago de Oliveira Primaria 3º trimestre  
Elaboración de carteis por aula sobre Xosé Mª Álvarez Blázquez Todos os niveis 2º e 3º trimestre  
Pintar o valado coa caricatura da autora 3º Ciclo de Primaria Maio  
Celebración do día da Letras Galegas cun acto no patio  onde se homenaxea ao autor con teatro, cantigas e recitados Todos 16 de Maio  
Recollida, escanado e montaxe do xornal nº 26 de “A Pita Faladora” Todos Maio  
Saídas polo entorno inmediato E. Infantil Maio  
Visita a granxa de Marcelle en Lugo 3º E.Primaria 27 de Maio  

Visita ao Parlamento e o Museo do Pobo

5º E. Primaria

 3 de Xuño

 
Total      

     Ponteareas, a  12 decembro de 2007.  

 A coordinadora do Equipo.                     Vº e Prace do Director .    

Asdo:Mª Esther Prieto Prieto             Asdo: Regino Garrido Figueiras