Funcionamento do ENDL

 EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÚÍSTICA:

 O camiño percorrido até a actualidade  

O equipo de normalización lingüística comezou a funcionar no curso 1990-91. Os daquela denominados como ENL creáronse para dar resposta a unha necesidade evidente: desde a súa aprobación en 1983, a Lei de normalización lingüística sinala que os centros de ensino teñen como obxectivo conseguir que os alumnos e alumnas adquiran unha boa competencia nas dúas linguas oficiais. Dese obxectivo, nace a necesidade de adoptar un conxunto de medidas de actuación positiva dirixidas á promoción da lingua galega e, así mesmo, unha planificación lingüística na que se contemple o uso que se fará das dúas linguas no ámbito escolar.  Nestes anos, o ENL veu desenvolvendo un amplo e variado conxunto de actividades.  Desde o seu inicio, o ENL contou cunhas axudas económicas anuais, así como cuns seminarios de formación, os encontros dos ENL, nos que se trataban diferentes temas teóricos e se intercambiaban experiencias. Algunhas dos seus labores que podemos citar:

  • O traballo de dinamización dirixido á comunidade educativa, tentando eliminar prexuízos e fomentar o uso do galego, tanto na vida do centro coma nas aulas.
  • O   labor de recuperación das festas de carácter anual (magosto, Entroido, Maios, etc.), salientando a súa vertente normalizadora.
  • O   labor de asesoramento ao profesorado, informando sobre os materiais existentes en galego.
  • A edición de revistas e outros tipos de publicacións escolares e, nos últimos anos, de páxinas web dos centros.

Tamén se puideron constatar ao longo destes anos algúns desaxustes que cómpre corrixir no futuro. Entre eles, sinalaremos estes tres:

  • A confusión do ENL co Departamento de Lingua Galega, sobre todo nos centros de ensino secundario. Cando se deu esta confusión, o ENL correu o perigo de ser considerado algo propio «dos de galego»,cando, como ben sabemos, se trataba dun organismo do centro, no que tiña que estar implicado o profesorado das diferentes áreas.
  • A tendencia a considerar que o ENL era o responsable da realización das actividades extraescolares, cando, en realidade, este era un labor de todo o centro. Aínda que o ENL tamén podía, e debía, colaborar nelas, non era ese o seu labor primordial.
  • A crenza, por parte do profesorado dalgúns centros, de que o ENL era tan só un equipo de persoas voluntaristas, preocupadas pola normalización da lingua. Mais, como claramente se indicaba no desenvolvemento legal, o ENL era un órgano do centro, tiña carácter oficial, e as súas propostas de actuación, unha vez asumidas pola Dirección e polo Claustro, afectaban o centro no seu conxunto. 

A nova regulamentación dos equipos

 No Decreto 124/2007 sinálase que os equipos pasan a se denominar equipos de normalizacióne dinamización lingüística (ENDL), coas seguintes características (artigo 18):

  • Para potenciar o uso da lingua galega nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, constituirase un Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, que actuará baixo a supervisión da Dirección do centro e que estará formado por profesorado, por representantes do alumnado, agás no ensino infantil e primario, e persoal non docente.
  • Os membros do equipo serán designados pola Dirección do centro do seguinte xeito:

                           a) O profesorado, por proposta do Claustro de profesores.

                        b)O alumnado, por proposta das súas asociacións máis representativas.

                           c) O persoal non docente, por proposta deste persoal.

  • A composición do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística para cada tipo de centro, as súas competencias, e o nomeamento, cesamento e competencias do seu coordinador serán establecidas nos regulamentos orgánicos dos centros educativos. Na constitución destes órganos tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes.
  • Os equipos de normalización e dinamización lingüística deberán ter un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de normalización lingüística nos centros educativos, tal e como se prevé no Plan xeral de normalización da lingua galega.
  • Os equipos de normalización lingüística contarán co apoio técnico necesario e os centros terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego. Ademais, o EDNL ha desempeñar un papel relevante na elaboración do Proxecto lingüístico de centro, tal como se recolle no artigo 14.2:2. O proxecto lingüístico formará parte do Proxecto educativo do centro. Será redactado por unha comisión do profesorado do centro, designada polo Equipo Directivo, oída a Comisión de Coordinación Pedagóxica. Na súa composición terá especial relevancia o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e os compoñentes dos departamentos das outras linguas.  

      Tendo en conta os aspectos que se acaban de comentar, os puntos principais dos ENDL poden quedar sintetizados nos seguintes aspectos:

  • A misión central dos ENDL será a de potenciar o uso da lingua galega nos centros educativos, e ha de ter un papel fundamental no deseño, na posta en marcha e na revisión dos programas de planificación nos centros educativos.
  • Estará formado por profesorado, representantes do alumnado (agás no ensino infantil e primario) e por persoal non docente; a designación dos membros do ENDL será competencia da Dirección de cada centro.
  • A coordinación dos ENDL terá os mesmos dereitos administrativos e económicos cás xefaturas dos departamentos didácticos.
  • O ENDL actuará baixo a supervisión da Dirección do centro.
  • A composición, competencias e todo o que ten que ver coa coordinación estará establecido nos regulamentos orgánicos dos centros.  

As medidas básicas que debe adoptar un ENDL 

Despois de constituírse de acordo coa normativa que estea en vigor, o ENDL debe conseguir os medios necesarios para o seu funcionamento:

a) Que se contemple de xeito efectivo a súa existencia como un dos órganos do centro, reservándose tempos e espazos para as súas reunións. Neste sentido, para asegurar a eficacia do funcionamento do ENDL sería preciso que o centro lles dispoña aos seus membros un horario que permita realizar xuntanzas semanais.

b) Que se lle destine unha partida económica dentro do repartimento orzamentario. Este orzamento do ENDL debe ser independente das posibles subvencións específicas que se poidan recibir por parte da Administración.

  • Establecer contactos, para posibles colaboracións, cos ENDL doutros centros do contorno (o artigo 19 do decreto camiña nesta dirección). Deste xeito, evítase o illamento, que conduce a crer que os problemas que un ten son específicos do centro. Ademais, sempre se poden compartir ideas e materiais, así como estudar a posible realización de actividades de modo conxunto.
  • Establecer un plan de formación interno para os membros do ENDL. Facerse cunha pequena biblioteca sobre sociolingüística e planificación lingüística, xeral e centrada en temas de ensino. Esta biblioteca debe estar aberta aos restantes membros da comunidade educativa.
  • Establecer un calendario de reunións que sexa realista e que resulte operativo. Ter flexibilidade e adaptalo ás necesidades que vaian xurdindo.
  • Facer un inventario dos recursos cos que conta o ENDL, tanto humanos (internos e externos) como materiais (do centro, doutros organismos educativos, do Concello, etc.).
  • Asumir unha posición protagonista na análise do estado actual da situación lingüística do centro. Esta análise é imprescindible para constatar os avances ou retrocesos con respecto ao curso anterior e para poder deseñar unha planificación lingüística efectiva, plasmada na PSC e nos sucesivos PLC.
  • Deseñar un repertorio de actividades de dinamización sociolingüística, sempre tendo en conta a realidade e os recursos con que conta o centro.