VISITA AO MUSEO MASSÓ

Ao longo desta semana, o alumnado de 1º saímos da escola para visitar unha das xoias da nosa vila: O MUSEO MASSÓ.

Chegamos moi ilusionados por aprender e o persoal do museo recibiunos estupendamente. Levabamos con nós as bolsiñas cos residuos que recollemos nas praias. Unha vez alí, participamos nun obradoiro chamado O QUE O MAR NON QUERE, no que descubrimos que todos os desperdicios que os humanos deixamos na praia, ademais de contaminar durante moitos anos son prexudiciais para a vida dos animais mariños: aves, tartarugas, peixes... E fixemos o firme propósito de recoller os nosos residuos cando vaiamos á praia.

A continuación realizamos unha visita guiada polo museo. Aprendemos os nomes dalgúns instrumentos de navegación e puxémonos no lugar dos mariñeiros de hai moitos anos. Visitamos tamén a sala do museo que foi fábrica de conservas e, como non, a nosa sala favorita... a da caza da balea!

Finalmente volvemos ao cole moi contentos por poder realizar esta saída, aínda que con moita calor!!!

Moitísimas grazas a todo o persoal do museo e especialmente a Graciela. Volveremos!