CARLOTA MOSQUERA VISITOU O NOSO CENTRO

A VISITA DE CARLOTA

O Pasado día vinte e un de marzo, tivemos unha visita moi agradable para todos nós alumnos/as e profesores/as do cole. Unha exalumna que agora cursa cuarto de ESO no IES Basanta Silva de Vilalba, contounos con todo tipo de detalles como lle estaba resultando a súa estancia no Instituto despois de estar no noso cole durante aló menos oito anos.

Carlota é unha compañeira con síndrome de Down e que tivo que superar con moito esforzo os moitos atrancos que supón esta diferenza co resto dos seus compañeiros e compañeiras.

Agora ten xa vinte anos e cursa cuarto de ESO, viña acompañada pola Orientadora do IES e máis pola profesora de A. L. (Audición e Linguaxe). Elas conxuntamente co resto dos seus profesores axudaron moito a Carlota para que a pesares do seu “Problema”, poidera chegar a rematar a ESO.

Falounos Carlota das actividades que realizaba a diario, a parte das súas clases no IES, asiste a baile, pintura e equitación. Díxonos tamén que dende sempre tivera unha especial atracción pola “ Mitoloxía grega”, sendo Zeus o seu personaxe preferido.

Un momento moi emotivo para todos foi o contemplar como a súa antiga profesora de P.T. Ánxeles Eimil, lle amosaba os traballos (Contos, debuxos, cadernos de traballo…) que Carlota fixera cando estivo no noso colexio, recordando Carlota cada un deles, como se mesmo fose o día anterior cando os fixera.

Esta visita foi para nós unha demostración de que con esforzo, interese e traballo podemos conseguir case todo canto queremos. Ao remate do acto agasallamos a Carlota cunha carpeta personalizada do noso cole e unha pequena figura de Sargadelos.

Podedes ver o vídeo da visita no seguinte enlace :

 VIDEO DA VISITA DE CARLOTA

Alumnos e alumnas de Quinto