LGTTTBIQ
Un ano máis celebramos no centro o Día Internacional do Orgullo LGTB con actividades que axudan a fomentar o respecto polas diferentes identidades de xénero existentes e en moitos casos reprimidas.
Aproveitamos os días solleiros para rematar de pintar as vallas exteriores e repasar as que xa estaban, fixemos un obradoiro de pulseiras coas cores da bandeira LGTB, tivemos un "probador" cun montón de roupa que puidemos poñer libremente sen analizar se a prenda era "masculina ou feminina" e que tivo moitísimo éxito e seleccionamos varios títulos de libros do fondo da biblioteca e que o alumnado puido ler nas aulas, no patio ou levar a casa.
Formalización de matrícula curso 2024-2025
O prazo de formalización de matrícula para o vindeiro curso 2024-2025 está establecido do 20 ao 30 de xuño de 2024.
Este proceso só é de aplicación para o alumnado de nova admisión.
Deberase presentar no centro:
- Impreso de formalización cuberto e asinado (ver adxuntos).
- Parada de transporte escolar solicitada. (ver adxuntos)
- Dúas fotos tipo carné co nome do alumno/a por detrás.
- Se dispón del, e non presentou anteriormente, copia do DNI do alumno/a.
- Copia da cartilla de vacinas.
- Copia da tarxeta da seguridade social.
A ANPA Fonte da Revolta, de forma simultánea, abre tamén o prazo para a reserva de prazo no servizo de comedor.
Nos documentos adxuntos podedes atopar tamén o formulario de reserva.
A solicitude de comedor deberá entregarse en administración nun sobre pechado co nome do alumno/a por fóra.
17 de Maio
DÍA DAS NOSAS LETRAS
Este ano, o Día das Letras está adicado á figura de Luisa Villalta e nas aulas estivemos aprendendo moito sobre a súa vida e sobre todo, as cousas que fixo a prol da nosa lingua.
Traballamos as letras con este pasapalabra tan maravilloso que idearon as compañeiras do departamento de dinamización da Lingua Galega e aprendemos unha chea de vocabulario novo que non coñeciamos!!
Axudas para adquisición de libros e material escolar 24-25
AXUDA PARA LIBROS:
- Adquisición de libros -> Alumnado de 1º e 2º de primaria, alumnado con discapacidade recoñecida e alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
- Libros prestados polo centro -> Alumnado de 3º e 4º de primaria.
- 5º e 6º son cursos eDixgal, polo que serán automaticamente excluídos da axuda para libros.
- Poderá solicitar as axudas o alumnado ADMITIDO para o vindeiro curso 2024-2025, non é necesario que teñan formalizada a matrícula.
AXUDA PARA MATERIAL ESCOLAR
- Todos os cursos de primaria
PRAZO DE PRESENTACIÓN
- Ata o 21 de xuño de 2024
REQUISITOS
- Devolver, en bo estado, os libros utilizados durante este curso (3º e 4º de primaria)
- Cumprir cos valores de renda especificados na ORDE
DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR
- Impresos de solicitude (Anexo I e Anexo II). Poden descargarse de aquí, ou recollerse no centro.
- Documentación complementaria (figura na solicitude).
- Entregar a solicitude xunto coa documentación
- No centro, de xeito presencial ou
- De xeito telemático, a través da aplicación.
OS MAIOS
MAIÑO MAIO
Os maios celebran a chegada da primavera e era tradicional colocar unha ramiña de xesta nas embarcacións, nas portas das casas, nos carros e arados (agora nos coches). En Galicia teñen moita tradición ainda que en algúns lugares foron desaparecendo.
Este curso quixemos recuperar esta tradición recollendo flores e formando un gran maio que colocamos no centro da pista e creando cantigas para logo interpretalas arredor del.
O alumnado aprendeu a enfiar as flores, fiúnchos e bugallos para así formar as grilandas que despois se colocaron no maio.
23 de abril
DÍA DO LIBRO 2024
Un ano máis conmemoramos o Día Mundial do Libro e os dereitos de autor coa realización de diversas actividades relacionadas cos libros e a lectura: Realización de chapas, apadriñamento lector, contacontos na biblioteca, obradoiros de marcapáxinas...
Dende a biblioteca do cole, o noso amigo Merlín convída a todos e todas a escoller un libro e disfrutalo con todos os sentidos: mirar os debuxos (se os ten), tocalo, arrecendelo, saborear as historias que conta e escoitar o son das páxinas ao pasar.
Animádevos a ilustrar, a contar, a ler...
|
Alumnado admitido
Infórmase de que foron admitidas todas as solicitudes presentadas para os seguintes cursos:
- 4º educación infantil
- 2º educación primaria
A formalización de matrícula para o alumnado admitido ten que facerse entre o 20 e o 30 de xuño. Con suficiente antelación as familias recibirán instrucións por correo electrónico e a través desta páxina web.
Admisión 24-25. Información.
Achégase información sobre o proceso de admisión de alumnado para o vindeiro curso 2024-2025.
Número de prazas actualizado.
Podedes estar ao tanto dos avisos sobre o proceso a través da nosa canle de Telegram.
BO NADAL
Mouchiños e Mouchiñas! Toda a familia do Ceip Ana María Diéguez deséxanvos unhas Felices Festas de Nadal.
Tivemos unhas semanas moi intensas de ensaios, elaboración de postais, composición do calendario para o novo curso... E todo saíu fantástico!
Renovade as vosas ideas durante estes días de descanso con lecturas interesantes que podedes atopar nas recomendacións lectoras
Non deixedes de ler!