Skip to Content

CERTAME DE RELATO CURTO ORGANIZADO POLA FANPA 2024

Noraboa ao gañador do certame de relato curto, organizado pola FANPA, Federico Limeres Arias, como representante do CEIP Álvarez Limeses, na categoría de Persoas Adultas.

O relato titúlase

A HERDANZA

 

    Ao baixar do avión, sentiu o estupor incrédulo que producen as xeografías míticas. O esplendor solar da mañá parecía un saúdo de benvida. De camiño ao hotel, o autobús percorreu estradas, avenidas, rúas ateigadas de vellos Cadillacs, de Pontiacs maxestosos como carrozas; dende o seu asento, a multicolor corrente de carrocerías semellaba un banco de peixes tropicais. De certo, A Habana non era só un nome nos mapas.

    A carta chegara nun sobre cos bordes rebereteados en branco, azul e vermello. Cunha caligrafía esmerada, o seu remitente facíalle unha confidencia que parecía extraviada dunha telenovela. Quedábanlle meses de vida e tiñan que verse. Non o pensou dúas veces. Non tiña elección.

    Avisouno da súa chegada dende un café. A conversa foi fría e alienada, como se estivesen en universos paralelos. Quedaron en verse ao día seguinte. O home iría en coche; conducir era un dos últimos praceres que lle quedaban. Aparcaría diante do hotel. O desfase horario desbaratoulle a noite. Almorzaba cando o sobresaltou a notificación no móbil. Saíu á rúa expectante. O home estaba sentado no seu vello Chevrolet do d58, mirando á fronte. Tiña as mans apoiadas no volante, coma nun reclinatorio. A luz da Habana facía intolerable o cromado dos parachoques, pero o azul metálico do coche estaba cheo de mapas. Golpeou cos nocellos o cristal da ventá. O ocupante pareceu espertar dun soño e empezou a xirar a manivela con medias voltas sincopadas, coma se fose un temón. Miráronse. Agás pola queixada afundida de quen perdeu os dentes, viuse reflectido na súa faciana coma nun espello.

 

    Non mentía a única foto que del gardara a súa nai: o mozo que a deixara, había máis de medio século, e marchara para Cuba, e nunca volvera, deixáralle en herdanza o seu tabique nasal.

 

 



blog | by Dr. Radut