Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
As nosas decisións programáticas obedecen ao grande obxectivo educativo e social de conseguir e consolidar falantes para o galego. Neste sentido, a materia de Lingua Galega en 3º de ESO continúa as liñas dos cursos anteriores na etapa coa novidade do achegamento á historia da literatura galega. Preténdese mellorar a eficacia comunicativa do alumnado na produción, recepción e interacción oral, escrita e multimodal e pola outra, favorecer un uso ético da linguaxe.
Tendo en conta que a aprendizaxe da lingua progresa en espiral, os contidos deste nivel non son significativamente diferentes aos de cursos anteriores, senón que a diferenza radica no grao de profundidade coa que son tratados.
Os criterios de avaliación e os contidos distribúense en catro bloques.
En primeiro lugar, «As linguas e os seus falantes» recolle diferentes aspectos sociolingüísticos, facendo fincapé na diversidade lingüística e no desenvolvemento dunha actitude de respecto e aprecio pola lingua, carente de prexuízos de índole idiomática.
O segundo bloque, «Comunicación» abarca os saberes implicados na comunicación oral e escrita e a alfabetización informacional e mediática.
O terceiro bloque, «Educación literaria» procura consolidar o hábito lector do alumnado, incrementar a súa capacidade para interpretar textos literarios e realizar un achegamento ao contexto histórico-cultural comprendido entre a Idade Media e a literatura, «Antre dous séculos».
O cuarto e último bloque, «Reflexión sobre a lingua», pretende acometer a aprendizaxe sistemática da gramática a través de procesos de indagación.
Alén dos contidos lingüísticos, sociolingüísticos e literarios que inclúe a programación da materia de Lingua Galega e Literatura deste curso, cómpre tamén salientar a incorporación de nocións básicas doutras linguas como o catalán e o portugués, especialmente este último.
Este fomento do ensino/aprendizaxe do portugués está en consonancia coa Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, e coas directrices da Unión Europea relativas ao coñecemento das variedades lingüísticas próximas e, de modo especial, ás transfronteirizas que presentan vínculos históricos e estruturais tan evidentes como acontece co galego e o portugués. A coñecida tamén como Lei Valentín Paz Andrade incide nesta idea ao establecer que «a lingua propia de Galicia, polo feito de ser intercomprensible co portugués, outórgalle unha valiosa vantaxe competitiva á cidadanía galega» e prosegue, «por iso debemos dotarnos de métodos formativos e comunicativos que nos permitan desenvolvernos con naturalidade nunha lingua que nos é moi próxima e nos concede unha grande proxección internacional».
A proposta didáctica que se presenta para 3º de ESO está articulada arredor de nove unidades didácticas nas que se traballan en cada unha os catro bloques de contidos. As devanditas unidades están articuladas segundo a Orde do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Á hora de nos achegar a calquera temática, a oralidade será a liña fundamental de traballo para conseguir falantes que dominen con fluidez a nosa lingua. Tamén a través da oralidade introduciremos temas para tratar os diferentes contidos transversais.
A escolla das obras de lectura obrigatoria propostas para cada trimestre obedece aos seguintes criterios que se lles aplican ás obras que se len ao longo da etapa:
- A inclusión de obras representativas do noso corpus literario.
- A inclusión de autoras e autores con obra salientable de xeito que non se repita ningún.
- A inclusión de temáticas actualizadas e atractivas para o noso alumnado que promovan a defensa de valores socioculturais e éticos (igualdade, dereitos humanos, benestar animal, conciencia ambiental...).
- A non repetición de temas.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
Propoñemos unha metodoloxía activa, dentro das limitacións ás que nos temos que enfrontar. Antes de comezar cada unidade tratarase de pescudar na aula os coñecementos previos do alumnado, para relacionalos progresivamente cos novos contidos que se impartan, só así se poderá conseguir unha aprendizaxe significativa e construtiva na que os novos coñecementos e o proceso de aprendizaxe estean relacionados co desenvolvemento psicolóxico, o ritmo evolutivo e as capacidades e contidos adquiridos previamente polas alumnas e alumnos.
Tamén se proporán preguntas que supoñan un revulsivo para as/os estudantes e que incrementen a súa atención por medio da interacción co/coa docente. É moi relevante para o profesor/a a premisa de ensinar a aprender segundo a cal, a aprendizaxe é un proceso que se desenvolve ao longo da vida, por iso correspóndelle á/ao docente ir dotando o seu alumnado dunha progresiva autonomía que lle permita "aprender a aprender", buscar a información que ten ao seu alcance para que o día de mañá saiba desenvolverse. Por outra banda, é preciso sinalar que sería moi efectivo crear unha liña metodolóxica común entre todos os membros do Departamento de Lingua Galega ao longo de toda a etapa, para evitar cambios ou desaxustes bruscos na/o alumna/o ao mudar de curso. Para iso, é indispensable a estreita cooperación de todos os compoñentes do Departamento.
LIÑAS METODOLÓXICAS:
O principal propósito que se procura é mellorar a competencia comunicativa en lingua galega. Non esquezamos que a clase de lingua estivo tradicionalmente orientada, na meirande parte dos casos, á realización dunha serie de actividades pouco motivadoras, encamiñadas a conseguir uns contidos formais que dificilmente teñen relación co uso real da lingua.
Sabemos que o desenvolvemento intelectual pode ser acelerado mediante o emprego de determinadas estratexias didácticas, por iso, a metodoloxía de ensino en Lingua Galega e Literatura tratará de ser o máis activa posible e alternará traballos individuais con traballos cooperativos que melloren os vínculos entre o alumnado e mesmo favorezan as relacións interculturais, por suposto, incluíndo na mesma liña a ensinanza por competencias.
Outra cuestión a ter en conta é o traballo da oralidade, pois en boa parte dos casos o uso da lingua polos rapaces e rapazas queda relegado a unha práctica ritual forzada polas clases de Lingua Galega e as outras materias que se imparten obrigatoriamente en galego.
LIÑAS DE ACTUACIÓN NO PROCESO DE ENSINO E APRENDIZAXE:
-O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e que o capaciten para acceder á formación superior ou ao futuro profesional de forma competente.
-A realización de tarefas complexas, de xeito que o alumnado teña que mobilizar un amplo conxunto de recursos e saberes para afrontar con éxito as diferentes situacións comunicativas e sexa quen de responder aos retos da sociedade do século XXI, que require persoas cultas, críticas e ben informadas.
-A análise do sexismo na publicidade, a comparación de escenas de películas, a elaboración de trípticos... servirían como exemplos que hai que seguir.
-O traballo cooperativo, coa proposta de tarefas nas que o alumnado debe regular a súa conduta e a súa capacidade para se relacionar cos demais, estimulando o respecto crítico a outros puntos de vista, o recoñecemento dos propios valores e limitacións, a adaptación ás necesidades colectivas, a asunción de responsabilidades e o respecto ás normas acordadas.
-A énfase na atención á diversidade, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en practica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades ou de tarefas de ampliación para aquel alumado que precise afondar máis nos contidos.
-Uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento. A adquisición destas destrezas pode acadarse a través da lectura de distintos tipos de textos, da súa comprensión e da reflexión arredor deles.
-O desenvolvemento gradual e progresivo dos obxectivos e dos contidos de maneira que, alén de incrementar a dificultade dos procesos e situacións comunicativas, tamén se vaian adquirindo habilidades máis complexas que propicien a aprendizaxe individual e autónoma.
-A potenciación da reflexión interlingüística, centrada especialmente na lingua galega e portuguesa. Buscamos a intercomunicación nos dous idiomas con actividades que favorezan a adquisición doutras habilidades que, como a mediación, poden resultar moi útiles na futura traxectoria profesional da mocidade galega.
-A proposta de lectura de obras que, alén de ampliar os ámbitos de coñecemento do alumnado e de melloraren o seu nivel de capacidade verbal, promovan a defensa de valores socioculturais e éticos (dereitos humanos, conciencia ambiental, benestar animal...).
-A recomendación de lecturas en soportes variados, enmarcando as obras nos xéneros literarios e evitando a memorización descontextualizada dun conxunto de características, autores e títulos de obras.
-A énfase nas estratexias que fomenten a oralidade e as competencias activas co fin de que o alumnado adquira os recursos necesarios para se expresar correctamente nunha ampla variedade de situacións comunicativas (espontáneas ou planificadas) e de contextos (formais e informais). Entre o amplo abano de actuacións que contribúen ao desenvolvemento desta destreza, están o cinema, as dramatizacións e representacións teatrais, a radio coas súas múltiples posibilidades (informativos, publicidade, teatro radiofónico...), a música (rap, poemas musicados...) e todo tipo de iniciativas en formato audiovisual.
-O cultivo da sensibilidade estética e cultural do alumnado para que sexa quen de apreciar a beleza das obras literarias e para fomentar o enriquecemento do seu acervo cultural e das súas posibilidades de expresión, a través, por exemplo, da realización de exposicións, comentarios, adaptacións audiovisuais de relatos etc.
-O desenvolvemento da competencia dixital en lingua galega a través das TIC e o coñecemento de recursos dixitais que faciliten a procura de información, a revisión dos textos e a súa posterior divulgación, sempre respectando os dereitos da propiedade intelectual.
En resumo, a organización e estruturación das aulas de lingua debe ter como principal obxectivo o desenvolvemento da competencia lingüística, nas súas catro facetas: comprensión oral e escrita e expresión oral e escrita; polo tanto, deben ter unha marcada orientación participativa e creativa.
Estratexias metodolóxicas.
Secuenciación habitual do traballo na aula:
Os contidos desenvolveranse tendo en conta o libro de texto e realizando as actividades propostas.
Ao inicio de cada unidade realizarase a lectura que servirá de base para comentarios, análises e tratamento de textos, así como para a elaboración por parte do alumnado dos seus propios textos, partindo do modelo dado.
Tras unha breve explicación teórica dada polo profesorado, o alumnado pasará á realización das actividades e á posterior corrección.
Espazos:
Aula de referencia do grupo.
Recursos didácticos:
O libro de texto utilizado no presente curso será: Lingua Galega e Literatura de Edicións Xerais de Galicia.
Propoñeremos libros de lectura obrigatoria para cada avaliación.
O alumnado empregará un caderno, que poderá ser solicitado polas profesoras en calquera momento para avaliar o seu traballo diario, aínda que, na medida do posible, os traballos entregaranse en formato dixital.
Cando as actividades para desenvolver os contidos da materia así o requiran, poderán utilizarse os ordenadores e a pizarra dixital, así como calquera material audiovisual (películas en DVD, audicións en CD...).
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
A avaliación inicial, cuxo fin é diagnosticar e valorar o nivel de coñecementos previos do alumnado, efectuarase nas primeiras sesións do curso. Será, xunto coa información obtida a través do Departamento de Orientación e da consulta do expediente académico da alumna ou alumno no XADE, unha ferramenta esencial para que o profesorado poida coñecer o nivel académico do alumnado nas distintas competencias, co fin de poder adaptar o seu proceso de ensinanza e a súa proposta didáctica a ese nivel.
Alén disto, a avaliación inicial constitúe un factor preventivo esencial na atención á diversidade, especialmente cando se trata de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Así, os resultados da avaliación inicial servirán como referente para adoptar as decisións de tipo educativo que correspondan e, nos casos en que for necesario, para demandar da xefatura do Departamento de Orientación a realización dunha avaliación psicopedagóxica.
Esta avaliación levarase a cabo a través de actividades que permitan valorar o nivel de comprensión e produción oral e o nivel de comprensión e produción escrita do alumnado, así como o grao de coñecemento que posúe en cuestións relacionadas coa reflexión sobre a lingua, a sociolingüística e a literatura.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
Seguirase o disposto no Artigo 51. da Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación que alude ao Plan de reforzo para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que pase de curso con materias sen superar e que dita o seguinte:
1. O alumnado de educación secundaria obrigatoria que se promova de curso con materias sen superar deberá seguir un plan de reforzo en cada unha desas materias, destinado á súa recuperación e á súa superación.
2. O plan de reforzo será elaborado polo profesorado que imparte a materia que a alumna ou o alumno teña pendente de superar, baixo as directrices do correspondente departamento didáctico e co coñecemento do profesorado titor, e terá como referentes os obxectivos da materia e a contribución á adquisición das competencias. Igualmente, será un plan que se adapte ás particularidades de cada alumna ou alumno destinatarios. O departamento didáctico velará pola realización do plan por parte da alumna ou do alumno.
3. O plan de reforzo debe incluír, cando menos:
a) Identificación da alumna ou do alumno.
b) Información relevante sobre a materia ou as materias sen superar.
A alumna ou alumno e os seus familiares ou titores legais serán informados polo profesor/a da materia dos contidos do plan de reforzo e, máis concretamente, dos requisitos necesarios para aprobar a materia pendente. Desta información quedará constancia por escrito no departamento.
c) Currículo para desenvolver, con especificación dos criterios de avaliación. Serán os establecidos na PD.
d) Estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento. As estratexias serán distintas ás empregadas habitualmente na aula co resto do alumnado, xa que a falta de presencialidade na aula obriga a establecer uns mecanismos de seguimento máis ríxidos para que a alumna/o non esqueza dedicarse tamén a esa materia.
e) Recursos necesarios para o seu desenvolvemento. Os recursos materiais son: computador, portátil, impresora, libros de consulta, dicionarios dixitais ou en papel. Empregarase preferentemente Classroom, aínda que tamén poden usarse a aula virtual ou outros medios dixitais.
f) Tarefas para realizar, coa debida temporalización. O alumnado deberá realizar para a súa preparación as actividades propostas de cada unidade.
g) Seguimento e avaliación. O seguimento deste tipo de alumado establecerase a través de actividades, traballos, probas e reunións presenciais.
h) Acreditación da información á familia. Farase mediante un modelo en que conste toda a información anterior e que, unha vez asinado pola nai, pai ou titores legais, será remitido ao departamento.
En cada sesión de avaliación farase o seguimento do plan de reforzo e, de ser necesario, realizaránselle os axustes que procedan. Na sesión de avaliación final do curso en que estean escolarizados o alumno ou a alumna, a profesora ou o profesor da materia pendente decidirán sobre a súa avaliación, nos termos que se establecen na normativa que regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria. En todo caso, para superar a materia pendente, a alumna ou o alumno deberán obter avaliación positiva no plan de reforzo correspondente, o que se terá en conta para os efectos de promoción e/ou titulación.
Para a avaliación do alumnado que ten materias pendentes débense ter en conta os contidos impartidos na materia no curso anterior. Polo tanto, o plan de reforzo de materias pendentes deberá elaborarse considerando esas aprendizaxes e competencias non adquiridas.
A comezos de curso o profesor/a que imparta a materia no curso actual entregaralle ao alumnado coa materia pendente as indicacións necesarias para planificar o traballo: calendario coas distintas probas, reparto de materia por avaliacións, orientacións para o estudo dos temas. Así mesmo, estará á disposición do alumnado para solucionar as dúbidas que se poidan presentar.
Coa finalidade de que as familias teñan información sobre o proceso de recuperación, durante o curso realizaranse dúas probas escritas, nas que se dividirá a materia pola metade, que terán unha ponderación do 100%. Dado que os contidos que se traballan ao longo do curso teñen un desenvolvemento continuo, nas distintas probas poderán entrar contidos traballados con anterioridade ás mesmas.
A cualificación da avaliación final será o resultado dos dous exames anteriores. A cualificación obterase a partir da media aritmética das dúas probas escritas. O alumnado que, unha vez feita a media aritmética dos dous exames, non acade unha cualificación positiva, terá que realizar unha proba de recuperación final de toda a materia do curso que terá unha ponderación do 100%.
Na corrección destas probas aplicaremos os mesmos criterios que establecemos para o resto do alumnado respecto do redondeo da nota, lingua empregada, descontos por incorreccións lingüísticas, ausencias, posible fraude e presentación (apartado 5.2 desta programación).
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
As medidas de atención á diversidade enténdese como o conxunto de actuacións educativas dirixidas a dar resposta ás diferentes capacidades, motivacións e intereses, ritmos e estilos de aprendizaxe e situacións persoais do alumnado. Estas medidas oriéntanse a alcanzar os obxectivos e as competencias establecidas para a ESO e réxense polos principios de equidade, calidade e igualdade de oportunidades, non discriminación, integración, accesibilidade e cooperación da comunidade educativa.
Segundo o artigo 49 da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación, as administracións educativas asegurarán os recursos necesarios para que os alumnos e alumnas que requiran unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentar necesidades educativas especiais, por atraso madurativo, por trastornos do desenvolvemento da linguaxe e a comunicación, por trastornos de atención ou de aprendizaxe, por descoñecemento grave da lingua de aprendizaxe, por atoparse en situación de vulnerabilidade socioeducativa, polas súas altas capacidades intelectuais, por terse incorporado tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, poidan acadar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades persoais e, en todo caso, os obxectivos establecidos con carácter xeral para todo o alumnado».
A partir da avaliación inicial, proporanse as correspondentes actuacións de seguimento e atención ao alumnado, tanto as medidas ordinarias como extraordinarias. Faranse actividades especificamente deseñadas para cada caso seguindo os protocolos establecidos pola Consellería.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
Para a elaboración da programación didáctica partiuse do seguimento das directrices establecidas pola Comisión de Coordinación Pedagóxica (CCP). Alén diso, tivéronse en conta as propostas de mellora existentes na memoria do curso anterior.
A estrutura da PD inclúe os apartados que recolle a Resolución do 26 de maio de 2022 que se expresan a seguir:
-Introdución.
-Obxectivos e a súa contribución ao desenvolvemento das competencias.
-Relación de unidades didácticas coa súa secuencia e temporalización, e que conteñen a parte do currículo da materia que se traballou e a relación dos instrumentos de avaliación.
-Metodoloxía, coas concrecións metodolóxicas e os materiais e recursos didácticos.
-A avaliación, que refire o procedemento para a avaliación inicial, os criterios de cualificación coa indicación do mínimo de consecución para superar a materia.
-Medidas de atención á diversidade.
-A concreción dos elementos transversais.
-As actividades complementarias.
-A práctica docente, que inclúe o procedemento para avaliar o proceso de ensino e a práctica docente cos seus indicadores de logro e o procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora da propia programación didáctica.
Rematado o curso, para proceder a unha avaliación, revisión e propostas de mellora da PD, débense considerar os seguintes apartados:
-A programación entregouse no prazo establecido normativamente.
-O desenvolvemento da programación didáctica foi analizado e revisado na última reunión de departamento de cada trimestre.
-Valorouse o grao de cumprimento da secuenciación e temporalización das respectivas unidades didácticas, e se o seu deseño se axustou aos distintos elementos do currículo.
-Valorouse a metodoloxía seguida e se os materiais e recursos didácticos empregados deron os resultados previstos.
-En canto á avaliación, analizouse se o deseño das probas de avaliación inicial e os mecanismos para a súa realización foron os adecuados.
-Así mesmo, valorouse se os criterios de avaliación foron os axeitados.
-Revisáronse as medidas adoptadas a respecto do alumnado NEAE presente nas aulas.
-Valorouse a pertinencia dos distintos elementos transversais e o grao de cumprimento e participación en actividades complementarias.
-Analizouse se os mecanismos de información ás familias estaban dando os resultados previstos e se foron útiles e axeitados.
-Incluíuse a avaliación da práctica docente e da propia PD.
Na acta da última reunión do departamento recolleranse todas as modificacións ou adaptacións feitas ao longo do curso e as propostas de mellora suxeridas. Todos estes datos incluiranse, ademais, na memoria final do departamento para seren tidas en conta na PD do próximo curso; tamén serán transmitidas e expostas, se for o caso, na primeira reunión da Comisión de Coordinación Pedagóxica.